sábado, 2 de maio de 2020

Desasosego/ 45. Somos memoria

Parque da Memoria de Poio
(Javier Cervera-mercadillo)


POUCAS COUSAS nos definen máis como especie que a memoria e o seu uso como parte fundamental do que somos. É un dos elementos nos que acubillar a vida e sentir cómo esa memoria é a que nos permite ter en conta un pasado ao que non debemos renunciar e do que sacar as ensinanzas precisas para o resto do camiño.
Hoxe mesmo imos ter a posibilidade de saír á rúa, de recuperar o aire das nosas cidades, sen máis intención que a de sentirnos vivos en relación a nosa contorna. Camiñaremos sabendo do valor de cada paso que damos, de que cada metro será unha conquista neste tempo de sombras do que temos que saír coa mochila ben chea desa memoria que nos faga lembrar no futuro o que vivimos ao longo destas semanas.
Por iso gústanme especialmente os espazos e os motivos que nos levan a facer da memoria unha ensinanza permanente, un fío co pasado polo que movernos no presente. O Concello de Poio entendeu ben ese valor da memoria cando fixo un parque adicado a ela. Un parque de pedra e palabra a carón do mar. Pedras de granito que nos marcan como cultura atlántica, pedras chantadas na terra como árbores eternos dende as que sentir o latexo da terra e, nesas pedras, gravadas cara o futuro, as palabras de oito premios Nobel que, da man de Alfredo Pérez Esquivel, converteron este espazo nun lugar telúrico, nun altar da memoria no que sentírmonos vivos.
Camiñar entre as palabras de Rigoberta Menchú, Betty Williams, José Saramago, Desmond Tutu, Nelson Mandela, Ann San Suu Kyi, o Dalai Lama e o propio Alfredo Pérez Esquivel é facelo entre outras árbores, as da dignidade que toda palabra eleva sobre nós para converterse en refuxio e pensamento. O soportal polo que pasar ao noso interior para pensar en todo canto nos está a acontecer.
Estes días do desasosego están sendo días de pensar en nós mesmos (pobre de quen non o faga!), de entender unha nova realidade que se abre ante nós para repensarnos como sociedade.
Cando poidamos camiñar de novo de vagar, de xeito libre, sen limitacións horarias, por cada recuncho da nosa contorna, este Parque da Memoria ten que converterse nun deses espazos obrigados para tentar facer da memoria destas últimas semanas semente para o novo tempo que non dubiden vai a vir. Fáltannos aínda moitas ferramentas para tentar comprender o que pasou e aínda pasa, datos e percepcións máis pousadas dun andazo que vai máis alá da saúde e que se extenderá por moitas das facianas da nosa sociedade. Fronte ao balbordo de moitos precisamos destes espazos para facer memoria, para, como alí deixou gravado Saramago, entender que: «O que extingue a vida e os seus sinais non é a morte senón o esquecemento».



Publicado no Diario de Pontevedra 02/05/2020

Ningún comentario:

Publicar un comentario