Pepe Solla xunto a unha voluntaria no comedor de San Francisco (Gonzalo García) |
Entre as consecuencias
que nos deixou esta crise do coronavirus penso que unha das máis
salientables foi a de darnos conta, nunha situación extrema e nunca
vivida, daquela xente coa que se pode contar ante a catástrofe e coa
que non. Da xente que suma e da que resta. A que está disposta a
arrimar o ombreiro, sen agardar nada a cambio, e os que se moven por
intereses que se poden agochar en innumerables esquinas, que van
dende os motivos económicos ata os políticos, con tantos
‘falabaratos’ que pensan que facer política é topar co de
enfronte, e vez de tentar un punto de encontro que beneficie ao
colectivo en vez de aos seus.
Poucas vacinas mellores
para unha sociedade que dispor deste tipo de xente que non dubida en
dar o mellor de si mesmos para tentar paliar o desacougo que se
instala en moitas persoas, sobre todo naquelas máis desfavorecidas.
E poucos andazos peores que aqueles que se adican a encher de barro o
territorio no que nos movemos, xa de por si bastante enlamado (tanto
o real como o virtual), son os que meten paos nas rodas dos que teñen
que tomar decisións moi complicadas en situacións límite que se
están a levar a vida por diante de milleiros de persoas. Xente que,
cegados por eses miopes intereses e na procura dun protagonismo que
nunca tiveron pola súa irrelevancia, non deixaron pasar nin un
minuto de tregua para dubidar de todo o que se fai, para aproveitar
unha situación crítica e tentar empurrar polo cantil da súa propia
vergoña a un goberno elexido pola cidadanía e ao que se acusou
dunha serie de barbaridades que deberían facer que todo ese
apostolado do mal baixase a cabeza e nos deixen vivir sen as súas
intrigas durante moito tempo.
Imos cos bos, que son
os que pagan a pena. Os que quedarán no noso recordo como a xente
coa que poder contar, os que empuxan dos seus dende o ámbito social
ou dende o máis íntimo. En Pontevedra houbo moita xente que
adicou estas semanas a axudar aos que máis o precisaban. Xente que
adoita facelo ao longo de todo o ano. Persoas anónimas, ánxos da
garda que non esperan nada a cambio pero que se deitan pola noite co
tesouro baixo a almofada de saber que fixeron o ben pola comunidade.
Nos medios de comunicación adoitamos centrarnos máis naquela xente
coñecida, eses rostros que ao longo do ano desenvolven unha
profesión recoñecida e pola que asoman de xeito frecuente por estas
páxinas. Por iso cando unha destas persoas cambia o paso toma un
protagonismo merecido, pero que tamén ten que servir para salientar
o traballo de todas esas persoas anónimas.
Así foi como nesas
semanas alarmantes a figura do cociñeiro Pepe Solla converteuse nun
deses rostros da solidaridade e do compromiso. Un chef de referencia
na cociña adicado a plantexar, e mesmo a cociñar, menús para a
xente con maiores dificultades económicas. Deste xeito o cociñeiro
de Poio non dubidou en compartir momentos cos voluntarios das cociñas
de San Francisco, a xente que cada día do ano se bate en duelo coa
fame. O certo é que esa complicidade do chef tampouco é algo que
sorprenda, non é a primeira vez, e non será a última, para alguén
que sempre que se lle reclama para unha tarefa deste tipo fai un oco
nos seus negocios para botar unha man, para aliviar penas e para
manter ese apelido no máis alto da nosa sociedade, xa non só dende
o ámbito culinario, que xa estableceu o seu pai a carón da nosa ría
con letras de ouro, senón dende o da solidaridade.
Non debe ser sinxelo
poñerse na pel daqueles aos que os tempos de crise golpean máis
forte. Imposible facelo para os que nos movemos polo camiño da
seguridade e o agasallo dunha vida chea de comodidades, pero as veces
está ben poñerse un momento nesa situación, no que debe ser pasar
fame, comer sempre produtos de supervivencia e que de repente poidas
probar unha comida diferente. Ese instante vale moito, sentirse unha
persoa, gozar dos teus sentidos grazas ao que ese alimento é quen de
achegarte. Tres días á semana, duascentas persoas conseguían eses
menús aos que Pepe Solla lles proporcionaba, non só a calidade dos
produtos suministrados polos seus proveedores, senón tamén a súa
xenial man para facer de calquera sabor un xeito de esquecer a
realidade por moi complexa que esta poida ser. Iso é precisamente o
que consegue Pepe Solla nos seus locais, un paréntese gozoso fronte
ao real, xa que moitas veces eses sabores semellan irreais.
Tras superar os peores
días a nosa sociedade quedou baixo as gadoupas da enfermidade. As
feridas permanecen, sobre todos nos máis afectados e nos máis
febles na súa economía. Pouco a pouco, e grazas a esa solidaridade
de moita xente, recompoñeranse as cousas e todo quedará como unha
aprendizaxe máis no sendeiro da vida. Abofé que Pepe Solla tamén
aprendeu moitas cousas, mirarlle aos ollos a quen máis necesita ter
unha mirada ao outro lado, ten que se unha boa ensinanza, ou tamén
compartir cociñas cos que traballan a diario dende o anonimato, sen
procurar máis estrelas que as de facer felices á xente e subir
algunha máis ao ceo da bondade. Alí, Pepe Solla, dende estes días,
sumou esa outra estrela que cada día merece máis na porta do seu
restaurante.
Publicado en Diario de Pontevedra 18/06/2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario