[Ramonismo 32]
Xurxo Lobato
achéganos un espectacular percorrido fotográfico por esa
singularidade do noso país como son os festas
Festa do Albariño en Cambados (Xurxo Lobato) |
Festas relixiosas,
festas gastronómicas, festas adicadas a conmemoracións
históricas... festas e máis festas. Galicia é unha festa e poucas
situacións nos identifican máis como o pobo que somos que ese
carácter festivo, que esas celebracións comunitarias que nos levan
a xuntarnos arredor dun motivo para celebrar algunha cuestión en
concreto, aínda que o que celebremos finalmente é a vida e todo o
que nos pode dar.
A nosa terra está
sementada de citas festivas, de norte a sur ou de leste a oeste, a
nosa xeografía é un permanente recital de celebracións. A elas
achégase o fotógrafo Xurxo Lobato no libro ‘Galicia é unha
festa’ para facer unha compilación de instantes, de fotografías
que resumen, como poucas cousas, o que acontece en cada unha desas
celebracións. Un libro para fachendear de nós mesmos e da nosa
capacidade para sentir a festa como parte da nosa identidade, para
converter cada un deses escenarios, algúns deles ben singulares,
nunha parte do noso folclore e dunha forma de patrimonio de tipo
inmaterial que se leva no interior das sucesivas xeracións que
cumpren o rito de participar desas convocatorias.
Antes de chegar ás
imáxes o libro engrandécese coa participación de Felipe Senén a
través dun prólogo no que sitúa o contexto axeitado dentro dun
marco histórico, pero tamén fala da diversidade de espazos e as
características de cada unha desas festas. Os santos, as romarías,
o rural, o urbano, a música... en definitiva, unha chea de
componentes xenéricas que teñen en cada unha das entradas propostas
polo fotógrafo a súa rede particular de citas. Cando accedemos a
cada unha delas a calidade das fotografías ensalza as festas para
sumerxirnos neses universos de cor e celebración, de maxia, ledicia
ou devoción e que, dun xeito tan particular, é quen de recoller o
autor do libro. Xurxo Lobato acada ese punto de vista diferente nun
tema xa moi explorado, dende o publicitario ou a investigación
patrimonial, pero o que logra o fotógrafo coruñés e atopar un
punto de vista co que nos fai participar da propia escena. Planos
impredecibles, instantes conxelados, detalles que só a mirada casual
e nunca pretendida do que está alí presente é quen de concederlle
ese sentido de inmediatez que lle outorga a vida que todas as imaxes
do libro conteñen.
Estamos ante un libro
imprescindible para achegarnos a todo este universo das festas en
Galicia. A calidade na súa edición, a potencia das fotografías e
os textos que as acompañan, asinados por Omayra Lista, converten a
este volume nun compás máis que axeitado para ter connosco unha
parte de nós mesmos. O propio Xurxo Lobato nas súas palabras de
presentación fala das festas como os espazos nos que «a xente se
expresa con máis liberdade e menos ataduras», o que encaixa
perfectamente nese labor que o fotógrafo vén facendo dende hai máis
de corenta anos de «retratar ás xentes do meu país». Pois aquí
as tedes, xentes dunha chea de recunchos, dende Malpica ata o Caurel,
dende Ortigueira ata Baiona, e todos eles cunha mesma paixón, a de
gozar a vida en comunidade e apegada a súa terra.
Especial atención se
adica a unha das nosas grandes celebracións comúns a toda Galicia,
o Entroido, a través dun capítulo final, tamén introducido por
Felipe Senén, e no que se nos amosa esa diversidade de Entroidos, de
traxes e máscaras, de cores e ritos que fan desa festa un motivo moi
especial no noso calendario festeiro, tan cheo de propostas como de
imaxes e que tan ben reflicte coa súa cámara Xurxo Lobato neste
exemplar e necesario traballo.
Publicado na Revista Diario de Pontevedra 11/07/2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario