martes, 14 de xullo de 2020

Dúas Galicias


Ana Pontón no mitin de campaña
celebrado en Pontevedra (Gonzalo García)

Botáronsenos enriba as eleccións do coronavirus como un trance que tiñamos que pasar entre suores fríos, e alá foron. Agora xa aprendimos a votar tamén coa canícula, e a participación non se resentiu, ben ao contrario, ao sinalar o compromiso da cidadanía coa súa responsabilidade, que non se viu, por exemplo, nos votantes vascos. Coas urnas cheas de votos, o reconto, entre efluvios de hidroxeles e luvas profilácticas, deixou uns datos que marcarán a política galega nos vindeiros catros anos. As galegas e os galegos falaron alto e claro, e queren seguir os pasos de Feijóo e a súa Galicia xestionada dende esa burocracia de equilibrios financieiros, garabatas e brindes por unha Galicia de postal ou de propaganda turística, pero que pouco se achega ás necesidades da xente. Sanidade e economía terán a lupa posta sobre elas, como parte dese compromiso para superar as físgoas do coronavirus, pero educación ou cultura deberían poñerse na folla de ruta do novo Goberno como parte orgullosa e necesaria desa recuperación e como elementos diferenciadores co resto do Estado.
Ante esa Galicia as eleccións deixáronnos outra, a que pretendeu ser, pero que non chegou ata onde soñaba. A Galicia de Ana Pontón, coas velas inzadas na procura dun futuro de soños cos que activar un cambio que non se acadou, pero que, lonxe de abatir á candidata, semella facer dela o máis temible adversario de cara á seguinte cita (cun Feijóo en retirada, non sabemos se en Madrid ou noutras ocupacións) na que o BNG xa contará como opción firme de goberno. As dúas aparicións públicas de Ana Pontón, despois de saber os resultados, non mostraron a unha muller exultante, senón a unha muller que non puido dar o salto á presidencia, pero que, consciente da fazaña acadada, xa prepara o tempo que virá, no que tentará apostar por esa outra Galicia, máis apegada á terra, a do rural, a das cidades e a do mar. A da xente que quere soñar e que por fin atopou quen lle poña palabras a eses soños coa firme voz dunha muller. E canta falta fai que as que soñen e manden sexan as mulleres!
O Parlamento convertirase nun debate entre esas dúas Galicias, e o que se afaste desa dobre mirada galega é que non entendeu nada do que pasou antonte.



Publicado en Diario de Pontevedra 14/07/2020

Ningún comentario:

Publicar un comentario