Ana Pontón no mitin de campaña celebrado en Pontevedra (Gonzalo García) |
Botáronsenos enriba as
eleccións do coronavirus como un trance que tiñamos que pasar entre
suores fríos, e alá foron. Agora xa aprendimos a votar tamén coa
canícula, e a participación non se resentiu, ben ao contrario, ao
sinalar o compromiso da cidadanía coa súa responsabilidade, que non
se viu, por exemplo, nos votantes vascos. Coas urnas cheas de votos,
o reconto, entre efluvios de hidroxeles e luvas profilácticas,
deixou uns datos que marcarán a política galega nos vindeiros
catros anos. As galegas e os galegos falaron alto e claro, e queren
seguir os pasos de Feijóo e a súa Galicia xestionada dende esa
burocracia de equilibrios financieiros, garabatas e brindes por unha
Galicia de postal ou de propaganda turística, pero que pouco se
achega ás necesidades da xente. Sanidade e economía terán a lupa
posta sobre elas, como parte dese compromiso para superar as físgoas
do coronavirus, pero educación ou cultura deberían poñerse na
folla de ruta do novo Goberno como parte orgullosa e necesaria desa
recuperación e como elementos diferenciadores co resto do Estado.
Ante esa Galicia as
eleccións deixáronnos outra, a que pretendeu ser, pero que non
chegou ata onde soñaba. A Galicia de Ana Pontón, coas velas inzadas
na procura dun futuro de soños cos que activar un cambio que non se
acadou, pero que, lonxe de abatir á candidata, semella facer dela o
máis temible adversario de cara á seguinte cita (cun Feijóo en
retirada, non sabemos se en Madrid ou noutras ocupacións) na que o
BNG xa contará como opción firme de goberno. As dúas aparicións
públicas de Ana Pontón, despois de saber os resultados, non
mostraron a unha muller exultante, senón a unha muller que non puido
dar o salto á presidencia, pero que, consciente da fazaña acadada,
xa prepara o tempo que virá, no que tentará apostar por esa outra
Galicia, máis apegada á terra, a do rural, a das cidades e a do
mar. A da xente que quere soñar e que por fin atopou quen lle poña
palabras a eses soños coa firme voz dunha muller. E canta falta fai
que as que soñen e manden sexan as mulleres!
O Parlamento
convertirase nun debate entre esas dúas Galicias, e o que se afaste
desa dobre mirada galega é que non entendeu nada do que pasou
antonte.
Publicado en Diario de Pontevedra 14/07/2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario