venres, 23 de outubro de 2020

Onte Lorca, hoxe Lorca

 


ONTE FALOUSE de Lorca no Museo de Pontevedra baixo a organización de Polo correo do vento, co gallo da celebración o vindeiro domingo, 25 de outubro, do Día de Lorca en Galicia, na reivindicación da pegada lorquiana en diferentes espazos da nosa terra, coa que cada vez xorden máis elos que afianzan ese tesouro das nosas letras como son os seus ‘Seis poemas galegos’ que, dun xeito cada vez máis intenso, reclaman un Día das Letras Galegas adicado ao poeta granadino.

Onte escoitamos ao seu gran valedor nesta aventura, o editor e escritor Henrique Alvarellos, que desenvolve un labor monumental na investigación desas pegadas, pero aínda máis importante, na publicación de diferentes libros, como ‘El gran viaje de estudios de García Lorca’, o facsímile dos ‘Seis poemas galegos’ e o recén saído do prelo, ‘Federico García Lorca en Santiago de Compostela’, que permiten dar a coñecer ese rastro que o tempo corre o peligro de borrar e de non ser quen de transmitir aos galegos e galegas de hoxe. Ao seu carón, outro xigante das nosas letras, o escritor Xosé Mª Álvarez Cáccamo, perfecto coñecedor da poética lorquiana e tamén do episodio máis importante da nosa cidade en relación ao creador de ‘Poeta en Nova York’, como foi a súa participación na vangardista revista ‘Cristal’, acubillo de novos e afoutados poetas e debuxantes pontevedreses que tiveron a sorte de pasar unhas horas en presenza desa personalidade que debeu ser fascinante para todos eles e da que, o tamén poeta da súa xeración, Jorge Guillén, dicía que «na súa presenza non facía nin frío nin calor, facía Federico».

Onte eles nos falaron desa personalidade arrebatadora, daquela visita a Pontevedra, que tivera un preámbulo coa presenza de Lorca e o espectáculo da Barraca na praza da Estrela no verán de 1932 e que serviu para que os membros do Comité de Cooperación Intelectual de Pontevedra lle fixeran repetir esa visita no mes de novembro para falar da pintora María Blanchard. Horas lorquianas a carón do Lérez, camiñando polas nosas rúas e prazas, escribindo un soneto no Café Moderno, cantando ao piano músicas de Manuel de Falla e cancións galegas que ben coñecía, paseos baixo «as beiras da lúa», vistas a nosa ría dende Samieira, palabras ao aire dende os micrófonos de Radio Pontevedra encheron esas 24 horas de Federico García Lorca na nosa cidade.

Onte sentimos esa pegada co arreguizo da emoción que simboliza o poeta, máis alá da súa riquísima faciana como autor. O seu compromiso co ser humano, o seu interese por facer da cultura elemento de progreso dunha sociedade que arrastrou un atraso secular que, el ben sabía, convertíase nunha das principais eivas daquela sociedade que a República quixo axitar do seu sono.

Onte as súas palabras, os seus feitos públicos, esa aventura chamada A Barraca que levaba textos dos nosos clásicos a lugares onde a cultura non era habitual, os seus poemas e a súa camaradería con aqueles novos pontevedreses colocáronnos de novo ante o mito e fronte a unha figura que non deixa de medrar, sendo aínda unha lúcida maneira de mirar ao mundo e, sobre todo, de frear as sombras que nos ameazan de novo.

Hoxe Lorca é máis necesario ca nunca. Dende o Congreso dos Deputados chegan palabras e balbordos que nos levan a pensar nas horas previas ao seu noxento asasinato, suxeitarse aos seus discursos e á súa maneira de comprender á persoa é darnos conta cara onde os «ánxos negros» nos queren levar, porque como escribe Benjamín Prado na súa última novela, ‘Todo lo carga el diablo’: «No leen a Lorca, lo fusilan». 

 


Publicado en Diario de Pontevedra 23/10/2020

Fotografía: Un instante da conversa no Museo de Pontevedra arredor da presenza da figura de García Lorca en Pontevedra. Mercedes Corbillón, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Henrique Alvarellos e Ramón Rozas (Beatriz Císcar)

Ningún comentario:

Publicar un comentario