venres, 22 de xaneiro de 2021

Estratexia de país

  Saga/Fuga


NON É SINXELO pensar no futuro cando o presente pon ante nós un pano negro. A tristura destes días, coa pandemia descontrolada e uns datos estremecedores de enfermos e vítimas, ten que concentrar toda a nosa atención na procura de solucións, pero aínda así tamén é necesario pensar no día despois deste pesadelo, cando todos sufriremos, aínda en maior grado do que acontece agora, as consecuencias monetarias desta desfeita sanitaria, social e económica.

Moito diso que virá, e que se ten que tinxir obrigatoriamente de esperanza, o fará dende a aposta polo que realmente somos, por aquilo que temos e que nos diferencia doutros territorios. Unha especificidade que se ten que revelar como a gran ferramenta conceptual da recuperación do país e á que hai que sumarlle a achega económica dos fondos europeos, cuantificados en canto a Galicia arredor dos 12.000 millóns de euros. No bo facer con eses cartos, que son moitos, e no plantexamento do que se faga con eles, vai moito do noso futuro, e por iso, definir esa estratexia de país en base aos nosos recursos, será un tema fundamental.

Levamos dende hai un tempo escoitando á Xunta de Galicia falar de «proxectos tractores» e, polo de agora, estes concrétanse en tres ideas baseadas na creación de hidróxeno verde, a conversión dos purines das nosas granxas en fertilizante e a produción de fibras téxtiles a partir da madeira. Ben, semellan boas ideas, acordes cos nosos tempos, pero ben cativas ante a magnitude do desafío que vén e do que podería supoñer a activación doutros ‘ecosistemas’ económicos que expandirían os seus logros en amplos sectores da poboación.

A partir desta posibilidade é dende a que semella plantexarse a proposta do BNG de facer unha inversión deses fondos covid nas nosas rías, arredor de mil millóns, o que vén a supoñer a mesma inversión que cos tres proxectos citados. Falamos de rías que son auténticos tesouros que temos na porta das nosas casas e abofé que capaces de aportar moito máis do que xa fan a nosa economía. Iso se esa inxección económica se fai cun criterio eficaz, global e pensado para un longo tempo, e non cos parches que se poñen sempre que se fala de rexeneración das rías e cos que adoitamos facernos trampas ao solitario, isto é, metendo cartos por un lado ao tempo que permitimos que diferentes axentes sigan esnaquizando o seu potencial valor. Falo de industrias e saneamentos urbanos incapaces de correxir os seus efectos contaminantes, limitando moito a produtividade e beleza do que nos significa e explica como poucas realidades ao longo do noso rico territorio.

É por iso polo que apostar polas rías é apostar por todo o país a un tempo, pola coexistencia entre terra e mar, facendo dese espazo arraiano entre o oceano e o continente unha das nosas maiores afoutezas colectivas, polo que esa tarefa ten que mobilizarse, como semella ben acaído dende os seus promotores, non só limitándose a un mero saneamento ambiental, senón potenciando sectores vencellados a el como os da investigación científica ou os procesos de transformación e comercialización dos froitos dese ecosistema.

En Pontevedra sabemos ben o que é ter esa ferida aberta no peito da nosa ría. Un burato negro que durante décadas enguliu recursos e posibilidades de desenvolvemento, non só dende o seu interior, senón tamén nas súas orelas, con infinidade de proxectos que poderían sumarse ao puramente extractivo das nosas augas. Pensemos seriamente niso mentras secamos as bágoas deste tempo escuro tras o cal volverá a saír o sol.

 


Publicado no Diario de Pontevedra 22/01/2021

Fotografía: Traballos de marisqueo na Ría de Pontevedra (Beatriz Císcar) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario