venres, 7 de maio de 2021

Cando cantar mola

 

Saga/fuga


MAIO. Mes da lingua. Mes de sentir o noso idioma como parte de nós. Mes de facer das nosas palabras acubillo para o tesouro de sentírmonos parte dunha comunidade rica por ter unha lingua de seu. Se por algún ámbito da nosa sociedade esas verbas son aloumiño é pola música, de aí que mostras como a que se inaugurou esta semana na praza de Ourense, ‘CANTÁmola en galego’ son imprescindíbeis para xerar ese mapa dos afectos que só a música pode acadar.

Baixo o coidado comisariado de Teresa Cuíñas e Pepe Cunha, unha serie de paneis deixan presenza de todos eses sons que converten a nosa música nunha festiña permanente e na posibilidade de seguir fornecendo a nosa lingua dende ámbitos que son quen de chegar a sectores da poboación, como a rapazada, que en todas as enquisas e estudos sobre o uso do galego, aparecen como os máis desapegados a el. Esa é a necesidade destas mostras, de aí a relevancia de que persoas como os comisarios fagan un traballo desta importancia ao converterse en itinerario, pero tamén por configurar un canon musical que precisa, cada certo tempo, de facerse visíbel a través de publicacións ou proxectos como este, didácticos, dirixidos á poboación en xeral ou, coa elaboración dunha unidade didáctica, neste caso da man de Rosalía Fernández Rial, a alumnos dos centros de ensino.

E despois desta acción máis teórica vén o que máis nos gusta da música, o feito de activar en nós esa ledicia ou admiración que sempre provoca, cada un apostando polo seu estilo musical preferido e a través da aquelas voces ou sons que máis lles fagan sentir todo aquilo que a música é quen de propoñer. Se algo afirma esta exposición é a nosa diversidade, a multiplicidade de sentir e transmitir que diferentes músicos que van dende o máis tradicional ao máis alternativo, plantexándonos así un amplo abano de opcións que non fan máis que agrandar as súas posibilidades, de aí que, xunto co audivovisual ou a poesía, a música é a disciplina artística que máis buliu nos últimos tempos.

Esta mostra amósase en Pontevedra e non é casualidade que sexa na cidade de Manuel Quiroga, do coro Aires da Terra, dos Cantos de Taberna; tamén de Cora Velasco,  La Casa de los Ingleses ou Malkeda; na vila da Sala Karma, do Estudio Bonobo ou do Local de Música, onde medra a Xeración Sónica e o Surfing Lérez é unha realidade á que xa desexamos volver... pois iso, que non é unha casualidade que este despregable de ritmos e emocións se sitúe no corazón dunha Pontevedra que en moitas ocasións ela mesma é pura música. Camiñando entre as propostas dos comisarios non só sentimos o que achega Pontevedra á música galega senón que nos damos conta de todo o que hai e que se fai no noso país. Guadi Galego, Uxía, Narf (sempre Narf), Malraio, Cinta Adhesiva, Aíd, Chicharrón, Os Cempés, Davide Salvado, Tanxugueiras, Xabier Díaz, Mamá Cabra... interminábel a listaxe que se contextualiza de xeito perfecto coa súa familia de sons e ritmos, así como con webs e enlaces que levan a mergullarnos máis no seu coñecemento.

«Fala galego e non teñas medo/canta en galego e non serás menos», afirman os lexendarios Zënzar, nunha frase que podemos ler na exposición, e xustamente diso se trata, de deixar atrás medos infundados e de comprobar como a música é unha das mellores maneiras de entendérmonos, de saber quen somos e como podemos comunicarnos co mundo a través desa marabilla que é  ter unha lingua propia da que poder fachendear, e máis cun son namorando xunto a ela.

 

 


Publicado en Diario de Pontevedra 7/05/2021

Fotografía: Inauguración da mostra Cantámola na praza de Ourense de Pontevedra (David Freire)


Ningún comentario:

Publicar un comentario