xoves, 6 de maio de 2021

Máis patrimonio

 

Saga/Fuga


O ANUNCIO da inminente compra do convento de Santa Clara polo Concello de Pontevedra converteuse paseniño na noticia máis importante na nosa cidade no que levamos de ano. A incoporación deste incomparable espazo ao noso patrimonio público é unha noticia que nos debería encher a todos de felicidade xa que unha construción como esta non é sinxelo nin habitual que pase do privado ao público, e só por iso a ledicia tería que ser colectiva. Iso é o que un agardaba, cando dende a oposición municipal xa se comenzaron a sementar dúbidas e medos, en definitiva, a non ser cómplices, como adoita pasar sempre que hai unha boa noticia para esta cidade, da felicidade do que supón a recuperación dunha contorna increíble.

Así foi como, sen amosar a menor alegría por unha compra (xa non pido unha felicitación ou agradecemento), que aínda non está pechada na súa totalidade, e que pase o que pase a posteriori sempre será beneficiosa para todos, comezaron a sucederse as preguntas sobre costes, usos futuros e a falar de pelotazos ou de edificios baleiros. Sombras e máis sombras que encaixan perfectamente nesa ‘oposición van Gaaliana’ do sempre negativo, nunca positivo, á que xa estamos acostumados nesta cidade. Unha cousa é a necesaria fiscalización ou control do que fai o goberno municipal é outra a de pechar sempre as portas do progreso e do futuro desta cidade, negando os éxitos que non son de quen manda senón de todos. Acontece coa reforma urbana e os recoñecementos que se acadan fóra da nosa terra, pero que en canto se quere medrar no seu desenvolvemento deseguida xorde o non polo non e unha crítica que adoita ser pouco fundamentada, tal e como acontece neste caso, e que se esgota en poucos días, sen percorrido e con escaso apoio público. Falar de prezos nestes momentos é como falar de canto custa ese Caravaggio madrileño que, por ter que venderse en España, non pasará dos 30 millóns de euros, mentres que si se puidese vender fóra custaría 100 millóns máis. Cal é o valor de certas cousas? O que se pague polo mosteiro das clarisas (que ademais entendemos moverase sempre dentro do racional) será, custe o que custe, un bo prezo e unha extraordinaria inversión. En canto ao seu uso o primeiro será pechar a compra, saber que se pode dispor del é, sobre todo, afrontar a rehabilitación do edificio que, os que pasamos por diante de forma frecuente, observamos o seu perigoso deterioro e como o potencial artístico vese afectado de maneira grave, de aí a necesidade de pechar de xeito urxente a compra e tempo haberá de falar das súas utilidades.

É desacougante esa sensación que transmite parte da poboación desta cidade en canto a todo o que signifique dar pasos cara adiante e tentar facer dela algo mellor do que xa é. Unha cidade que todos queremos, aínda que algúns dende os seus púlpitos tenten ser os que repartan os carnés de querer máis ou menos a Pontevedra, incapaces de entender as necesidades e posibilidades de progreso que hai que aproveitar cando xorden, e que semellan desexar sempre un inmovilismo tan rancio como inútil para a comunidade.

Un novo patrimonio é unha ocasión para todos, como o é afrontar de xeito valente a reforma deses edificios pechados e baleiros do Museo de Pontevedra, por decisión do partido que agora critica calquera paso adiante neles e que sabe da complexidade de afectar o seu interior e adaptalo ás obrigas de accesibilidade. Outra oportunidade cuxa negación só se pode entender dende rancores e siglas políticas e non dende as ilusións de facer a esta cidade mellor.

 


 

Publicado en Diario de Pontevedra 30/04/2021

Fotografía. Interior do Convento de Santa Clara (Beatriz Císcar)

Ningún comentario:

Publicar un comentario