sábado, 26 de xuño de 2021

Curso con final feliz

 

Saga/Fuga



CHEGOUSE á meta. O final do curso académico debe ser motivo de felicidade e aplauso por toda a sociedade que, dun ou doutro xeito, relaciónase co que é o desenvolvemento normal do curso escolar.

Pouco podíamos pensar no pasado setembro, cando todo isto arrincou baixo unha tremenda presión e as máis lóxicas dúbidas, que as cousas ían suceder sen máis atrancos que contaxios puntuais, pero que en ningún momento puxeron en peligro o curso no que non houbo nin un só parón no calendario. Toda unha fazaña na que temos que felicitar, por suposto á Consellería de Educación, pero moi especialmente aos verdadeiros protagonistas: alumnos, docentes, equipos directivos e todos os membros da comunidade educativa que, dende o persoal de limpeza e o non docente ata as ANPAS, fixeron todo o posible é máis para que as cousas fosen como foron e que agora cheguemos ao sempre necesario verán con este sobresaínte nas mans.

O exemplo dos nenos e nenas ao longo destes meses penso que é un dos fitos más destacables nesas insospeitadas consecuencias que trouxo consigo este estado de excepción social e sanitario no que aínda estamos inmersos. Cando tantas veces se pon o dedo acusador nos máis novos o seu comportamento nas aulas, a súa adaptación aos tapabocas e a súa  seriedade coas medidas de hixiene, convertéronse nunha auténtica lección para todos nós, e mesmo moitos pais fomos reprendidos cando durante uns segundos baixabamos a máscara para coller un pouco de aire e ao momento chegaba a xusta corrección.

Pasaron as semanas e, cando moitos non apostabamos por chegar a novembro, os meses e os trimestres coas súas avaliacións sucedéronse baixo esa bendición para o ser humano que é a normalidade, o facer do cotiá unha conquista para desenvolver as nosas diferentes tarefas, ata acadar un curso con final feliz. Un curso que quedará para a historia como un curso diferente, no que as medidas que se tomaron en canto ás distancias, os contactos persoais ou a limitación de actividades, deixarán en todos nós non só unha chea de situacións puntuais que serán dificiles de esquecer, senón que tamén ten que permanecer na memoria da comunidade escolar como un logro do que sacar moitas e enriquecedoras conclusións de cara a futuros cursos sobre a adaptación de todos a situacións límite e ás formas de relacionarse dos alumnos entre eles e mesmo cos seus mestres.

Agora xa toca pensar no curso seguinte á espera da evolución da pandemia e da súa superación do mellor modo posible. Xa se plantexa a vacinación dos alumnos e alumnas semanas antes do comezo o que dará unha maior tranquilidade, pero que non debería mudar moito os plantexamentos feitos ao longo deste curso, polo menos nos meses iniciais. O tempo dirá como se desenvolverá pero o que temos claro, tras os acontecementos superados, é que estamos nas mellores mans, que os profesionais da educación amosaron e nos deron moito máis do esixible e converteron o que ía ser un curso cheo de medos e incertezas nun curso máis que é o mellor que se pode dicir. Co verán ás portas é tempo de felicitarse polo feito por toda a comunidade educativa, máis aínda cando non adoitan recibir demasiados agarimos, como se o seu traballo fose un máis dentro da sociedade, cando é un dos máis importantes ao ter nas súas mans o futuro dos nosos fillos e fillas, pois oxalá ese sol sirva para repoñer forzas, para coller folgos e para asumir con afouteza un novo curso que agardamos.

 

 


Publicado en Diario de Pontevedra. 25/06/2021

Fotografía. Aula no IES Valle-Inclán de Pontevedra no comezo do curso escolar (David Freire)



Ningún comentario:

Publicar un comentario