luns, 21 de xuño de 2021

Máis alá do sangue

 

[Ramonismo 72]

 'A vida secreta de Úrsula Bas' non é só unha novela negra, plantexando cuestións como a parella ou a incomunicación



ARANTZA PORTABALES volve a convocarnos ante a parella de policías Santi Abad e Ana Barroso na súa nova novela ‘A vida secreta de Úrsula Bas’. Aos dous coñecémolos dende a anterior, ‘Beleza vermella’, ambas editadas en galego en Galaxia mentres que en castelán podemos atopalas na editorial Lumen, e se algo deixaron claro tanto eles como a súa creadora é que ambos viñeron para quedarse, para xerar unha desas alianzas que toda literatura precisa para afianzar lectores, para xerar unha complicidade que lle senta moi ben a todo sistema literario (refírome en especial ao ámbito galego) e no que Arantza Portabales soubo dar coas claves precisas.

Ambas novelas ubícanse nese andel do xénero negro, no que crimes e investigación propoñen unha trama que rápidamente engaiola ao lector pero no que a autora sabe tamén inxerir toda unha serie de elementos e circunstancias das nosas propias vidas que fan que no seus libros vaiamos moito máis alá do sangue. Funciona entón esa condición de novela negra como un envoltorio, unha sorte de ‘macguffin’ ao estilo Hitchcock que nos distrae polo ben armado que está todo o produto pero que agocha no seu interior unha literatura cun fondo moito más profundo do que nos pode parecer cando decidimos afrontar a súa lectura.

A vida secreta de Úrsula Bas’ plantexa ese misterio a partir da desaparición dunha famosa escritora, cuxa resolución cae nas mans desa sociedade que coñecimos na resolución do asasinato, con forma de obra de arte, que aconteceu en ‘Beleza vermella’. Alí descubrimos a esa parella Abad-Barroso na que, xunto ás súas dotes para a investigación, atopamos tamén reflectida unha intensa e complexa relación sentimental na que o pasado dos seus protagonistas convertía cada día do seu presente nunha loita contra eles mesmos. Se ese crime en Compostela quedou resolto o que nin moito menos quedou pechado foi o que aconteceu con aqueles dous policías nos que o traballo e a súa relación levounos a entender o mundo doutra maneira. A partir deles é, polo tanto, como entramos de xeito atinado en ‘A vida secreta de Úrsula Bas’ no que Arantza Portabales medra como autora en base a unha estruturación da novela máis complexa ca anterior así como cuns protagonistas moito mellor traballados e que se mostran dun xeito moi sólido, así acontece con todos os homes e mulleres que rodean a vida desa Úrsula Bas, protagonista dende a súa desaparición, pero tamén dende a explicación, por diferentes persoas, sobre como era a súa vida.

O certo é que vida e vidas son, principalmente, o que máis nos interesa nestes libros nos que Arantza Portabales se mergulla en cuestións que están presentes nas nosas propias existencias, reflexionando, e facéndonos reflexionar sobre as nosas relacións de parella, os procesos de comunicación (sempre presentes nos seus libros) ou cómo tecemos as nosas alianzas con familiares e compañeiros de traballo e cómo iso incide nas nosas vidas. Esa proposta é a que nos aproxima ás nosas propias realidades de aí que, ao tempo que lemos e procuramos desvelar o misterio plantexado, o lector tamén pensa en cómo se move fronte ea sas circunstancias moi semellantes ás que acontecen ao noso arredor, en cómo son as relacións coas nosas parellas, ou incluso cómo actuamos cos nosos móbiles tan invasivos da nosa cotidianeidade.

Esa mestura do que non deixa de ser parte de nós mesmos co entramado para desvelar un suceso ármase como unha xaula da que xa non poderemos saír ata o seu remate e no que nos atoparemos con numerosas sorpresas que enchen a acción dun atractivo que non permite ao lector desconectarse do que acontece no seu interior e que fala dese dominio dos recursos narrativos cada vez máis sólidos nunha autora que comezou no microrrelato, pasou ao relato breve e a esa colección de apuntes maxistral, en que se converteu a súa segunda novela, ‘Deixe a súa mensaxe despois do sinal’. Un xeito de escribir que aínda se mantén dalgunha maneira ao longo deste novo libro no que cada capítulo ten algo de pequeno relato, aínda que tolos eles aparezan unidos por esa desaparición e por como os dous policías afrontan a súa resolución.

Na intelixente aposta por achegarnos á lectura do seu texto, Arantza Portabales non dubida en incluír na propia novela novas que parten de fóra do libros, varias delas sucesos que nos impactaron dende as páxinas dos xornais. Sucesos que en Compostela ou en Pontevedra forman parte da nosas vidas como comunidade, alí onde pensamos que temos todo controlado e o mal non ten cabida, pero que nun momento determinado todo pode saltar polos aires, como saltou polos aires a vida de Úrsula Bas.

 

Publicado na Revista. Diario de Pontevedra 21/06/2021

Ningún comentario:

Publicar un comentario