Foguetes Verdes
A medalla de prata obtida por Teresa Portela é
moito máis que unha vitoria nunha carreira. É a conquista dun desafío persoal,
do soño dunha deportista e das arelas dunha nai traballadora
O BERRO de
Teresa Portela cando se confirmou a súa medalla de prata no K1-200 era co que soñou
durante tantas noites, o mesmo berro que a impulsaba polas augas dos seus
adestramentos en Verducido ou no Lérez e nas que durante horas, días, meses e
anos adicouse a preparar esta e todas as carreiras que a levaron a obter 17
medallas en Campionatos de Europa e 15 en Campionatos do Mundo, pero había unha
medalla que se resistía, a olímpica, a que a calquera deportista lle abre as
portas do Olimpo onde todo, a loita, o esforzo e a vida cobran o seu sentido.
Ese Olimpo atopábase ben lonxe da súa terra de Aldán, en Toquio, aos pés doutro
cume sagrado, o monte Fuji, e alí Teresa Portela, deportista, traballadora e
nai, berrou para, seis Xogos Olímpicos despois, conquistar esa gloria eterna e
poñer nas mans da súa filla un anaco de prata.
Ese berro era
tamén á resposta dunha nai coraxe, como todas as deportistas de alto nivel que
teñen que conciliar a súa vida como deportistas, como traballadoras e como
nais. Naira, a súa filla de sete anos, díxolle, xusto antes de saír: «Mami,
gana», e eu imaxino o silencio que se debeu producir durante uns segundos
despois de escoitar aquilo, xa que iso si que é presión. Abofé que nin os cinco
Xogos Olímpicos anteriores, nin o doloroso cuarto posto de Londres 2012, nin o
cada vez máis preto remate da traxectoria como padexeira, son quen de activar
unha presión semellante, a dunha filla mirando aos teus ollos e poñéndote ante
un reto que xa non sae de ti mesma, senon do que máis queres no mundo.
En Sidney
2000 arrincou este camiño olímpico. Despois viñeron Atenas, Pekín, Londres e
Río de Janeiro, cuartos, quintos e sextos postos que poderían levar, xunto co
paso do tempo e a vida persoal, na que Teresa Portela conformou unha familia e
sacou adiante tres licenciaturas, a emprender outra tarefa, pero no diccionario
desta muller o verbo renunciar non se conxuga e o podio olímpico agardaba por
ela.
Anotou José
Saramago, na previa do seu libro ‘A viaxe do elefante’ que «Sempre chegamos ao
sitio onde nos esperan». A gloria agardaba por Teresa Portela e ela nunca
dubidou á hora de continuar esa viaxe, converter a súa teimudez en parte da
conquista do éxito e un mérito que impulsase o seu kayak mentres ese «Mami
gana» converteu o seu padeo nunha máquina perfecta e a súa mente xa só tiña un
obxectivo, satisfacer á súa filla.
Así cruzou a
liña de meta tras unha inalcanzable neozelandesa e ese berro de liberación
chegou ata os ouvidos de Naira. Mama gañou e así a deportista dos seis xogos
olímpicos, que é un mérito tan importante como esa medalla, obtivo a recompensa
a tantos anos de sacrificios e esforzos contra ese reloxo que é o que realmente
dá mostra do acadado, moito máis cos anos aos que tanto se alude cando se fala
de Teresa Portela. Apuntou con bo tino o presidente da Federación Galega de
Piragüismo, Alfredo Bea, neste mesmo xornal que o DNI non rixe no deporte,
sendo o crono o auténtico elemento que di ata onde chegar. E a nosa padexeira
de prata quere chegar a París, e todos sabemos que será quen de facelo. Alí non
hai un monte sagrado, pero a ela iso xa non lle importa xa que conquistou o seu
e o agasallo para a súa Naira. Tamén, na cita francesa, será o momento do
relevo e de que outro nome do piragüismo, filla do Lérez, Antía Jácome, colla o
testemuño para seguir mantendo ese elo sagrado entre a nosa terra e o
olimpismo.
Publicado no Diario de Pontevedra 6/07/2021