Foguetes verdes
A Asociación Sociocultural Cedofeita publica un primoroso libro no que se garda toda a historia da parroquia de Lérez nun exercicio de respecto ao seu pasado e a súa identidade
CANDO os bos amigos da Asociación Cedofeita, a través de Xosé Estévez Solla, me comentaron que ían deixarme a súa última publicación na redacción pouco podía esperar o tesouro co que me agasallaron, a min e máis ao xornal. Coñezo ben o seu labor ao longo dos anos, a súa revista é unha publicación de referencia para a cultura e coñecemento da nosa cidade, que vén de cumprir vintecinco anos, de aí que agardara con ilusión e confianza, polos seus sempre interesantes contidos, a chegada dese novo exemplar que esperaba na liña da revista. A sorpresa foi monumental ao atopar nas miñas mans unha desas publicacións que honran a quen a fai e a quen a apoia cos medios económicos e de impresión precisos para levala a cabo. ‘Historia de Lérez. Unha ollada dende Cedofeita’ é un volumen para a historia, para a de toda a comunidade de Lérez, parte imprescindíbel para entender a propia configuración histórica e social da cidade e, polo tanto, tamén para o conxunto de Pontevedra. Un cofre que abrir de cando en cando para gozar co que somos, e unha ferramenta ben útil para calquera que precise escribir sobre a parroquia que nomea o noso río.
Un libro editado con ‘primor e fermosura’ no que se agochan unha chea de relatos que lle dan gloria á parroquia pontevedresa que percorre así a súa historia, as súas lendas, tradicións e personaxes arredor dese elemento simbólico como é o Mosteiro de Lérez que marca boa parte da súa historia retomando a importancia que tivera o castelo de Cedofeita en tempos pretéritos. Arredor dese Mosteiro configúrase a poboación de Lérez ao longo dos séculos ata chegar a un século XX cheo de fitos, moitos deles descoñecidos polo resto da poboación, como a masonería en Lérez, a represión despois do golpe militar de 1936, os monicreques de Barriga Verde, o proxecto de facer un aeroporto na Xunqueira de Lérez ou a historia de personaxes como o poeta Juan Bautista Andrade, o médico Enrique Ballina, o bibliófilo Antonio Odriozola ou o polifacético Valentín Paz Andrade, entre outros, que completan unhas páxinas que acariñan unha historia non sempre sinxela de vivir e tamén de recuperar e escribir, de aí o mérito de todos os que coordinan e asinan o resultado dun libro que prologa de xeito inmellorábel unha veciña chea de bondades, como unha torta recén feita. Fina Casalderrey ábrenos a porta cara un territorio que precisaba poñer luz na súa memoria, irrenunciábel elemento para construírnos e tamén para «recoñecer os soños», como escribiu o poeta Manuel Álvarez Torneiro nunhas palabras que emprega como pé para comezar o seu relato a escritora e académica. Esa memoria é a que alumea, como a luz dun candíl, nesa mina que é o paso do tempo. Este tipo de traballos convértense nunha luz permanente que toda parroquia tería que alentar como xeito de gabar aos que nos precederon e como leccións aos que virán. Facelo coa dignidade dunha publicación feita para permanecer é tamén unha esperanza, un acto de resistencia nestes tempos líquidos onde o fugaz semella ser o que se demanda por parte dunha sociedade na que acostumamos a esquecer e a unha intensidade vital que non deixa tempo para mirar cara nós mesmos.
Nas miñas camiñadas para manter a raia ao colesterol unha das rutas favoritas arredor da cidade é a que se desenvolve polas terras de Lérez, a que me leva a cruzar a Ponte das Palabras, non sen antes ver no alto ese Mosteiro que domina todo o conxunto e cuxa rotundidade compróbase cando se pasa ao seu carón, cando se observa a súa impoñente fachada dende as escaleiras que lle dan acceso ou cando se le no seu exterior o nome de ilustres visitantes como o Pai Feijoo ou Frei Martín Sarmiento. Os pasos seguen ata o monumento ao cura Leandro del Río, pasando despois diante da reformada Casa da Cultura, no vello edificio da Juventud Lerezana. Xiro cara a cidade ante a impoñente canteiría do edificio que foi sede da Caixa Rural e continuo pola rúa, pensando no desaparecido trolebús, e que leva o nome de Juan Bautista Andrade, poeta que viviu e morreu nunha casa na que unha gran placa lembra a quen escribiu así desta parroquia: «Oh, campos lerezanos, los de rientes verdores/acompañad mis cánticos con plácidos rumores».
O teimoso compromiso de Cedofeita co seu territorio, e o apoio do Concello para levar a cabo esta publicación, son unha mostra máis de como converter o pasado nun alicerce do que somos hoxe.
Publicado no Diario de Pontevedra 29/10/2021
Ningún comentario:
Publicar un comentario