domingo, 16 de xaneiro de 2022

Pensar o futuro

 

[Foguetes verdes]


O UN de decembro de 2021 quedará xa para sempre fixada como unha data para a historia da cidade. Ese día, cando o alcalde e a abadesa das Clarisas asinaban ante notario a compra polo Concello do Convento de Santa Clara aínda non eramos de todo conscientes das posibilidades dese feito para todos nós. Pero cando confirmamos o contrato coa nosa visita ao cenobio, pechado á cidadanía ao longo de 700 anos, un dase conta do que realmente supón e do que suporá cara un futuro no que hai aínda moito no que pensar.

Baixo esa operación, enfiada dende a súa mesma xénese cara a opción de pasar a formar parte na súa parte construtiva do Museo de Pontevedra, xunto coa zona verde aberta de xeito permanente para o goce cidadán, atopamos unha decidida aposta pola cultura como pulo para a nosa sociedade, nun futuro no que esa coordenada ten que seguir sendo unha das fortes apostas de todos nós. As posibilidades espaciais, que se definirán nos próximos meses, do Convento en relación ao Museo de Pontevedra coa súa función, xa non só expositiva, senón como dinamizadora de diferentes frontes culturais, plantexará unha das liñas de actuación da cidade no futuro. Un futuro que ten aquí un firme alicerce de esperanza no que unha boa nova, como a súa compra e posta en valor, ten que ser un punto de unidade común, e non deixarnos caer nos agoiros dos mercaderes do desánimo, apóstolos da tristura, incapaces de sumarse á felicidade colectiva ou de aceptar unha boa noticia como beneficiosa para o colectivo.

Empregar Santa Clara como confrontación dende o político, o cultural, as administracións ou o social non semella moi boa idea para aqueles que gustan de tensar as cordas do día a día, os que prefiren agocharse tras as celosías que impiden ver a vida con optimismo e alegría e axudar coas súas accións ao que será un proceso longo e complexo, que presentará atrancos de todo tipo, pero no que todos deberíamos confiar para a súa mellor resolución. Debémosllo a nosa cidade, pero tamén ás que habitaron ese espazo segredo ao longo dos séculos e que deixan en nós un patrimonio con moitas cousas por descubrir. Certo que é unha mágoa moverse nese espazo e ver os baleiros que deixaron as imaxes relixiosas que formaban parte dos seus retablos, pero tamén temos que entender que hai condicións insalvables que impedirían a compra do conxunto. O mesmo acontece cando camiñamos polo exterior e botamos en falla elementos fermosísimos e dun gran valor artístico que saíron do Convento, pero que ao mellor o tempo e ó regreso á vida no seu interior permiten a volta desa Santa que coroaba a fonte do claustro ou do antigo tímpano que se atopaba na capela do bosque. A recuperación da vida é quen de acadar milagres, non perdamos a fe.

Queda moito por facer e agora é tempo de calmar as impaciencias, de estudar o que temos no noso poder dende hai unhas poucas semanas e darlle moitas voltas ao que podemos facer. Todas as axudas serán poucas para un dos grandes retos da cidade nos vindeiros anos. O bo, é que ese desafío, vén da man das posibilidades que a cultura é quen de ofrecernos a todos nós. Sensibilidade, intelixencia, complicidade e amor polo que somos serán as ferramentas que nos unirán nunha tarefa común á que todos estamos convidados, sempre e cando queramos sumar e non facer de todo isto unha liorta que de producirse amosará a pel de cada un.

Santa Clara axudará a escorrentar as sombras e a afastar os trebóns, é algo que xa fixo durante séculos, pero oxalá sexamos quen de estar á altura do que o tempo vén de poñer nas nosas mans.

 

 


Publicado en Diario de Pontevedra 14/01/2021

Ningún comentario:

Publicar un comentario