[Foguetes Verdes]
A presenza do prestixioso Cuarteto Quiroga foi un marabilloso xeito de felicitación para a entidade organizadora, a Sociedad Filarmónica de Pontevedra, no seu centenario
Foi o pasado venres cando a escuridade do escenario do Pazo da Cultura envolveu aos compoñentes do Cuarteto Quiroga, unha das máis prestixiosas agrupacións musicais de España, para converter a súa actuación nun espazo máxico arredor da música clásica. A súa presenza, da man da Sociedade Filarmónica de Pontevedra, fixo que o inicio da programación deste ano da entidade musical pontevedresa, e como parte da tempada do seu centenario, se entendese por tódolos presentes como unha cita especial. Para a historia quedará xa como o concerto número 1.094, que se di ben pronto, pero ese número responde a moitas veladas dende o comezo da súa actividade en 1921, establecendo complicidades entre músicos e público, entre os socios da Filarmónica e os sons que os mellores intérpretes do mundo achegaron ao longo de cen anos ás beiras do Lérez.
E entre eses mellores músicos o Cuarteto Quiroga é todo un galano para a propia cidade, convertidos por vontade propia nos embaixadores nos mellores palcos do mundo do noso inesquecible violinista Manuel Quiroga. Todo un virtuoso que marabillou alí onde foi e ao que un accidente de tráfico condeou a abandoar a música demasiado pronto, sutituíndoa por unha pintura que non se lle daba tampouco nada mal, e facendo da súa vivenda, na rúa que agora leva o seu nombre, antes rúa do Comercio, un espazo de peregrinaxe para todo o orbe musical. De feito, os compoñentes do Cuarteto Quiroga non deixaron pasar a ocasión de fotografarse baixo a placa que lembra aquela vida de sona e compartilo nas súas redes sociais coa emoción de visitar o espazo vital do músico que lles dá o seu nome. Todo un orgullo para eles, pero tamén para nós, para os veciños dunha vila cuxo nome tamén percorre o mundo entre os violíns, viola e violonchelo que, nas mans de Aitor Hevia, Cibrán Sierra, Josep Puchades e Helena Poggio, fan vibrar a tanta xente nos auditorios máis sobranceiros.
Comprobámolo na nosa propia pel cando no seu concerto interpretaron sendos cuartetos de Beethoven e Brahms, agasallándonos no remate do mesmo cunha música procedente da Catedral de Mondoñedo que viña a reivindicar a música popular nas altas esferas musicais. Un vencello que sempre está presente no facer musical desta agrupación que, dende hai moitos anos, recupera e pon en valor toda unha serie de composicións que dende a formulación do cuarteto serven para facer da música un elemento de universalización do ser humano, de igualdade e progreso que, como lemas do novo mundo que xorde despois da Revolución Francesa, fixo da música un espazo de concordia e exaltación dos sentidos e que, despois do Clasicismo de Mozart, envorcouse dende a intimidade do creador no Romanticismo que se encarnou en Beethoven para mudar xa para sempre a música e que o outro compositor da noite, Brahms, desenvolveu para chegar a outro novo mundo, a unha nova realidade como a que trouxo o século XX.
Todo iso xurdiu das cordas de instrumentos máxicos nas mans de músicos prodixiosos. Dun violín Amati, como o que tocaba o propio Manuel Quiroga no seu tempo, e que podemos ver no Museo de Pontevedra, institución que lle adica un amplo espazo para o seu coñecemento, e que un músico con vencellos familiares na nosa cidade, Cibrán Sierra, converteu nun pasaporte ao pasado e á emoción que só a música é quen de acadar e que o Cuarteto Quiroga e a Sociedade Filarmónica maridaron nunha noite histórica.
Publicado en Diario de Pontevedra 24/02/2022
Ningún comentario:
Publicar un comentario