‘Ekaitz e os seus
espazos’ é o nome da mostra exhibida por Elías Cochón na sala de exposicións da
Xunta de Galicia en Pontevedra. Unha mostra conformada por pinturas e
esculturas nas que se percibe unha mesma inquietude, a de estudar o espazo, a
de confrontar o baleiro coa forma para artellar un sistema de representación
que presenta infinidade de posibilidades, pero tamén o interese de compoñer
unha obra viva, case que orgánica, e que se desenvolve pola sala aparentando
ter autonomía propia. Forza e paixón que engaiolan ao espectador.
“O espazo é o sitio
que se desaloxa, o baleiro que se fai a si mesmo estatua”. Esta frase é un dos
postulados eternos dun escultor eterno, Jorge Oteiza. O seu rastro conceptual
sobrevive ao personaxe e, como un gran chamán, actúa de inspiración para moitos
creadores que seguen aínda apostando por esa dialéctica conceptual entre o
baleiro e a forma para artellar o seu discurso.
Percorrer a exposición de Elías Cochón, en primeiro lugar, é algo moi
recomendable, xa que nas súas pezas reside a forza e a paixón que tanto se bota
en falta en moitos dos escultores de hoxe e que tanto reconforta a quen gusta
da boa arte e, en segundo lugar, tamén o é por plantexar toda unha lección de
escultura que nos leva, de xeito directo, ao mestre vasco e a súa perenne teima
baseada na desmaterialización do obxecto.
Así é como, ao camiñar entre as súas pezas, tanto nas pinturas como nas
esculturas, un recoñece esa pegada, pero tamén a achega dunha linguaxe propia
por parte deste home de raíces arousás. Pinturas como ‘Desintegración’,
‘Erupción’, ‘Reducción simple a uno’ ou ‘Los tres espacios’ despoxan á propia
palabra pintura para ir un pouco máis aló, converténdoas en obxectos que buscan
a autonomía da propia parede. Tamén nelas elabórase un xogo territorial coa
delimitación de espazos, barreiras internas dentro do lenzo que acotan
superficies nunha loita planimétrica cun resultado visual máis que apreciable.
Pero coido que nas súas esculturas é onde Elías Cochón acada con máis éxitos os
seus propósitos. Así o defenden pezas tan soberbias como ‘Contraposición’ ou
‘Vacíos en esquinas superpuestas’, ambas feitas en bronce e que posúen unha
asombrosa fluidez na súa composición que choca co que un se pode esperar deste
tipo de materiais. Pero é que os materiais tamén son diversos no traballo deste
creador para o que, ademais do bronce, o ferro ou o aluminio son elementos do
seu interese. Dende eles será dende os que plantexe esa dinámica tan ligada a
do chamán vasco. Nas súas pezas tamén hai moito do ascetismo de Oteliza, da súa
percepción poética do espazo desa distensión permanente por atopar dentro da
peza aquilo que lle interesa, aquela percepción espacial que xera o facer do
oco un elemento de razón, unha aposta por aquilo que nun principio só está no
maxín do artista e que nun seguinte paso converte en peza.
Elías Cochón configura un universo plástico que está cheo de
contundencia, polo que ten de experimentación e acaída visibilización desa
aposta, resultando así unha arte de seu, chea de xogos volumétricos que se
apropian do que hai ao seu arredor e co que debuxan formas e sentimentos. Unha
parella inexpugnable cando falamos do que falamos, isto é, de arte.
Publicado en Revista. Diario de Pontevedra, 9/06/2013
Imagen. Gonzalo García
Ningún comentario:
Publicar un comentario