luns, 10 de xuño de 2013

O espazo: razón e sentimento

‘Ekaitz e os seus espazos’ é o nome da mostra exhibida por Elías Cochón na sala de exposicións da Xunta de Galicia en Pontevedra. Unha mostra conformada por pinturas e esculturas nas que se percibe unha mesma inquietude, a de estudar o espazo, a de confrontar o baleiro coa forma para artellar un sistema de representación que presenta infinidade de posibilidades, pero tamén o interese de compoñer unha obra viva, case que orgánica, e que se desenvolve pola sala aparentando ter autonomía propia. Forza e paixón que engaiolan ao espectador.  


“Oespazo é o sitio que se desaloxa, o baleiro que se fai a si mesmo estatua”. Esta frase é un dos postulados eternos dun escultor eterno, Jorge Oteiza. O seu rastro conceptual sobrevive ao personaxe e, como un gran chamán, actúa de inspiración para moitos creadores que seguen aínda apostando por esa dialéctica conceptual entre o baleiro e a forma para artellar o seu discurso.
Percorrer a exposición de Elías Cochón, en primeiro lugar, é algo moi recomendable, xa que nas súas pezas reside a forza e a paixón que tanto se bota en falta en moitos dos escultores de hoxe e que tanto reconforta a quen gusta da boa arte e, en segundo lugar, tamén o é por plantexar toda unha lección de escultura que nos leva, de xeito directo, ao mestre vasco e a súa perenne teima baseada na desmaterialización do obxecto.
Así é como, ao camiñar entre as súas pezas, tanto nas pinturas como nas esculturas, un recoñece esa pegada, pero tamén a achega dunha linguaxe propia por parte deste home de raíces arousás. Pinturas como ‘Desintegración’, ‘Erupción’, ‘Reducción simple a uno’ ou ‘Los tres espacios’ despoxan á propia palabra pintura para ir un pouco máis aló, converténdoas en obxectos que buscan a autonomía da propia parede. Tamén nelas elabórase un xogo territorial coa delimitación de espazos, barreiras internas dentro do lenzo que acotan superficies nunha loita planimétrica cun resultado visual máis que apreciable.

Pero coido que nas súas esculturas é onde Elías Cochón acada con máis éxitos os seus propósitos. Así o defenden pezas tan soberbias como ‘Contraposición’ ou ‘Vacíos en esquinas superpuestas’, ambas feitas en bronce e que posúen unha asombrosa fluidez na súa composición que choca co que un se pode esperar deste tipo de materiais. Pero é que os materiais tamén son diversos no traballo deste creador para o que, ademais do bronce, o ferro ou o aluminio son elementos do seu interese. Dende eles será dende os que plantexe esa dinámica tan ligada a do chamán vasco. Nas súas pezas tamén hai moito do ascetismo de Oteliza, da súa percepción poética do espazo desa distensión permanente por atopar dentro da peza aquilo que lle interesa, aquela percepción espacial que xera o facer do oco un elemento de razón, unha aposta por aquilo que nun principio só está no maxín do artista e que nun seguinte paso converte en peza.

Elías Cochón configura un universo plástico que está cheo de contundencia, polo que ten de experimentación e acaída visibilización desa aposta, resultando así unha arte de seu, chea de xogos volumétricos que se apropian do que hai ao seu arredor e co que debuxan formas e sentimentos. Unha parella inexpugnable cando falamos do que falamos, isto é, de arte.

Publicado en Revista. Diario de Pontevedra, 9/06/2013
Imagen. Gonzalo García

Ningún comentario:

Publicar un comentario