«Ao viaxeiro dixéronlle que
Guimarães é o berce da nacionalidade portuguesa. Aprendeuno na escola, oíuno
nos discursos de conmemoracións varias, non lle faltaban, pois, razóns para
encamiñar os seus primeiros pasos ao outeiro sagrado onde está o castelo. (...).
Hoxe é un xardín de camiños coidados e abundante arboredo, bo sitio para
noivados iniciais.»
(‘Viaxe a Portugal’. José Saramago)
París, Londres, Roma, Nova York.... son algúns dos destinos para as nosas
vacacións que máis sonan entre aqueles que adican uns días do seu lecer a
coñecer mundo ou simplemente sacudirse o cotián. Non poucas veces semella que
teñamos que mirar ao lonxe para sentir que facemos unha viaxe importante ou que
nos vai achegar algunha experiencia inesquecible as nosas vidas, cando nin
moito menos ten que ser así. A poucos kilómetros de nós ábrese un fermoso
espazo cheo de vilas con historia, fermosuras naturais e xentes agarimosas. É o
norte de Portugal, un ámbito separado tan só por unha raia que durante moitos
anos parecía afastarnos doutro mundo, pero ao que o tempo cada vez máis fai
xustiza. Nesta recuperación de confianzas traballa durante a fin de semana
‘Expocidades’, un miradoiro sobre moitas vilas de Galicia e Portugal que
conforman un potencial destino turístico con Pontevedra nun enclave estratéxico
dentro desa comunidade coñecida como Eixo Atlántico.
Vilas como Braga, Bragança, Douro Alliance (Peso e Vila Real), Guimarães,
Penafiel, Viana, Vila do Conde, Chaves, Vilanova de Gaia, Macedo de Cavaleiros,
Barcelos achéganse a nós para que nós nos acheguemos a elas, para que
descubramos a súa fermosura de pedras alicerzando as súas cidades e verdes
vales repenicando ao seu arredor. De historias que configuraron a historia de
Portugal pero tamén a nosa propia historia. Descubramos tamén a súa
gastronomía, a súa cultura e os seus lugares de ocio e pracer, nun país que
mellorou moito nesa faciana e que agora quere contar con nós, cos seus veciños
para seguir medrando en posibilidades.
Escribiu José Saramago nese indispensable libro (todos os seus o son,
pero este aínda máis) para coñecer o país luso, ‘Viaxe a Portugal’, que: «A
felicidade ten moitos rostros. Viaxar é, abofé, un deles». En ‘Expocidades’
ábrese a fiestra a moitas desas
felicidades que compoñen unha viaxe que pode ser tan intensa coma unha viaxe a
calquera outro punto de Europa ou de América. Moitas veces esa proximidade
xogou na nosa contra para vertebrar un espazo común, unha identidade que nos
faga únicos no mundo e cunha maior fortaleza á hora de loitar coas incertezas e
dúbidas deste tempo. Percorran os stands das diferentes vilas que se achegaron
ata Pontevedra e verán de qué lles falo, seguro que non terán fins de semana ou
vacacións dabondo para descubrir o que se esconde alén da raia. Vilas que nos
abren un país cheo de posibilidades e que nestes tempos amosan unha exemplar
afouteza que os fará máis fortes cara o futuro. Ese ronsel de vilas son a
antesala a grandes cidades como Porto ou Lisboa, xoias que tampouco valoramos
como se merecen, de novo por esa proximidade, e que son xigantes destinos
turísticos e culturais ao nivel das grandes capitais europeas, e nas que
latexa, en feliz maridaxe, a esencia do Portugal de sempre coa modernidade de
hoxe.
‘Expocidades’ é, polo tanto, un xeito de viaxar e de coñecernos entre
todos, un punto de encontro que é un orgullo que se xestione dende Pontevedra,
capital tamén dese Camiño Portugués a Compostela que tanto pulo está a coller e
que é unha testemuña histórica da importancia desa posta en común entre territorios
moi semellantes. ‘Dous países, un destino’, é un dos lemas desta convocatoria
para darlle forma a unha aposta que ven a respaldar o bo traballo feito na
visibilización de Pontevedra como parte desa paisaxe turística e económica a
que é tan complexa suxeitarse nestes tempos escuros. A Concellería de Promoción
Económica e Turismo ven traballando moi ben nese terreo e non son poucas as
iniciativas, dende moi diversos ámbitos, que están a integrar a nosa cidade en
espazos nos que estaba ausente e que agora artellan a imaxe da cidade no
exterior, e de xeito obrigado tamén, alén da raia.
Publicado no Diario de Pontevedra 5/07/2014
Fotografía de Guimarães, xentileza de Raquel Calviño
Ningún comentario:
Publicar un comentario