Rúe Saint-Antoine nº 170
Literatura. O acto de entrega do III Premio de
Poesía Manuel Lueiro Rey, a presentación de dous libros arredor da súa figura
na súa vila natal de Fornelos de Montes e a posta en marcha dunha web volven a
poñelo foco nunha persoa fondamente ligada a Pontevedra e cuxa obra literaria
pide con cada vez máis forza unha revisión e posta en valor.
Acto de entrega do III Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey a Luís Valle pola súa obra 'As cicatrices do sol' |
O nove de abril de 1916 naceu en
Fornelos de Montes Manuel Lueiro Rey. Cando resta pouco menos dun ano para
celebralo centenario desa data actívanse diferentes circunstancias que rodean a
unha figura todavía por descubrir polo que deu como escritor dende diferentes
eidos que van dende a poesía, a narrativa ou a opinión xornalística. En todas
elas o seu nivel de creación e de compromiso co ser humano reivindica a súa
obra como unha das máis diversas da nosa escrita non recoñecida como o merece.
Fornelos de Montes leva sendo o
acubillo dende hai tres anos á entrega do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.
‘As uñas crecen’ de Silvia Penas, ‘Anamnese’ de Eli Ríos e agora ‘As cicatrices
do sol’ de Luís Valle empezan a fornecer a unha cita que comeza a ser senlleira
nos premios da poesía en Galicia. Novas voces que emerxen grazas ao nome dun
enorme poeta e a un legado que defende como unha causa propia Carmen Carreiro,
activista cultural e presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe que
non deixa de artellar propostas coa feliz axuda do crítico e autor Ramón
Nicolás na descuberta da xa chamada ‘Causa Lueiro’. Un traballo calado
que agora comeza a ver como as luces convértense en publicacións e nunha
afoutada páxina web que nos leva á vida e a obra do autor de Fornelos.
No Multiusos de Fornelos de Montes e coa
presencia do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, pioneiro
na súa achega á figura de Manuel Lueiro Rey e o alcalde Emiliano Lage,
desenrolouse o acto de entrega deste III premio de Poesía que recaeu en Luís
Valle polo seu poemario ‘As cicatrices do sol’, xa editado por Sotelo Blanco e
que se presentou nese mesmo acto. O poemario impúxose a outros 37 traballos e
del o xurado composto por Luís Cochón, Mercedes Queixas e Armando Requeixo
destacou «a súa dicción poderosa para percorrer as realidades máis universais,
o amor, a dúbida, a orfandade, a esperanza, o pasar do tempo. (...) Voz por
veces oracular, recendos proféticos e imáxenes visionarias fan deste ‘As
cicatrices do sol’ un poemario con selo propio». O acto, ao que acudiron numeros
veciños, familiares de Lueiro Rey e xente da cultura, desenrolouse entre o
recordo sempre afoutado del e o optimismo xerado pola nova poesía, da premiada
e da que recitou a gañadora do pasado ano Eli Ríos. Voces que se suceden para
que a súa obra siga sendo a testemuña notarial do valor da poesía, hoxe
sustentada en nomes como os de Lueiro Rey.
Nese mesmo acto aproveitouse para
presentar un volume chamado ‘Lueiro nas coordenadas de Fornelos’ editado polo
Concello de Fornelos no que se apañan unha serie de textos feitos polo propio
Manuel Lueiro Rey arredor da súa vila natal. Poesía, narrativa e textos
xornalísticos que Carmen Carreiro soubo apañar e que con textos limiares de
Ramón Nicolás e Manuel Carlos Lueiro Lores detéñense nesa xeografía primixenia
como é a da contorna na que se nace e da que un nunca se pode desfacer. Esa
xeografía de Fornelos, xunto coas de O Grove onde viviu a maior parte da súa
vida e a Pontevedra na que traballou como funcionario de Facenda, compoñen un triángulo
vital dende o que Manuel Lueiro artellou a súa obra literaria.
E outra boa nova no universo de Manuel
Lueiro Rey é a creación dunha páxina web adicada a súa figura e a súa obra. A
dirección www.manuellueirorey.com é
un territorio no ciberespacio para espallar o seu quefacer, aquel que comezou
dende o mesmo momento do seu nacemento en Fornelos e ao que agora se pode
acceder dende calquera lugar do mundo.
Manuel Lueiro Rey (4º dta.) nunha homenaxe nos anos sesenta |
Impulsada por Carmen Carreiro e co
deseño de Daniel Ferreiro conta co asesoramento nos seus contidos de Ramón
Nicolás, toda unha conxunción de forzas para que nos podamos mergullar en
aspectos como a súa biografía, obra, un arquivo con imáxenes e textos e un
historial dos premios que levan o seu nome, como son o xa comentado Premio de
Poesía e o Premio de Novela que se entrega no concello de O Grove. Abofé que en
pouco tempo será unha ferramente imprescindible á hora de descubrir o que nese
universo se agocha e co que o tempo non foi moi xeneroso. Chega a hora de
saldar débedas, de colocar a Manuel Lueiro Rey no lugar que se merece por todo
o escrito, por todo o pensado, por todo o feito e de reinvindicar todo ese
labor para o que o ano que ven, lembramos de novo, o do centenario do seu
nacemento, ten que ser clave. Por moito menos do feito por el houbo adicacións
no Día das Letras Galegas así que teremos que agardar acontecementos para ver
se por fin se pon luz na escuridade desa ‘Liberdade Ferida’, como titulou Ramón
Nicolás un espléndido e recente traballo editado por Xerais na reivindicación
desa causa. O autor de poemarios como ‘Memoria de la raíz de las cosas’,
‘Mientras crece la hierba’ ou ‘Escolma ferida’; libros para nenos como ‘Non
debían medrar’; relatos como os que compoñen ‘O sol na crista do galo’; novelas
como ‘Manso’ ou centos de artigos xornalísticos abofé que precisa esta
descuberta que comeza a latexar con forza de Fornelos ao mundo.
Publicado no Diario de Pontevedra 20/04/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario