Ángel Santos na rodaxe de 'Las altas presiones' |
Fin de semana de galardóns en San
Sebastián, a gran cita do cine peninsular, co permiso dos amigos de Cans, por
suposto, e sen nada que envexarlle aos grandes festivais europeos como Berlín,
Cannes ou Venecia. O festival deste ano zumegou saudade galega a través dunha
película que tamén chega nesta fin de semana aos cines, El Desconocido, de Dani
de la Torre , da
que todo o mundo fala ben e que non ven máis que a refrendar as calidades e
potencialidades dun sector que non deixa de dar alegrías a Galicia a través do
bo facer dos seus protagonistas, e desa franquicia chamada Vaca Films, que todo
o que toca convérteo en ouro de intelixencia. A industria do cine segue a
medrar na nosa terra, pasos lentos, abofé que sí, pero firmes e posiblemente xa
sen marcha atrás.
Pontevedra tamén quere dar algúns deses
pasos, pasos que levaron o nome da nosa cidade ata ese senlleiro festival no
que se proxectou na sección ‘Made in spain’ cun cheo absoluto e as entradas
vendidas dende días antes da súa proxección a obra do marinense Ángel Santos, 'Las altas presiones', producida pola pontevedresa Matriuska con Daniel Froiz á
fronte e a colaboración entre os actores da nosa Marta Pazos, sustento creativo
dese outro milagre de talento e inxenio que é a compañía de teatro Voadora. Tal
conxunción de nomes non podía parir outra cousa que unha boa película, un
intimista retrato do ser humano nunha desas complicadas situacións ante as que
nos sitúa a vida resolta como un fragmento real desa propia existencia, sen
estridencias, simplemente rexistrando feitos comúns, idas e vidas, luces e
sombras, e toda ela envolta nun territorio, o de Pontevedra e a súa bisbarra,
que cada vez máis se afianza como posible escenario para retomar o que xa fora
en tempos, un axeitado escenario para diferentes producións. Apostar por
Pontevedra, como o ven de facer de xeito decidido por A Coruña Dani de la Torre na súa película, será
descubrirá e aportará vida a eses filmes. Estámolo vendo nas webseries que
xurden do entorno da Facultade de Ciencias Sociais, canteira emerxente para
abordar futuros proxectos de maior calado que por necesidade fan de Pontevedra
escenario, pero que tamén pode selo polas súas invocacións a todo o que se
agocha nela.
Ogallá algúns deses proxectos xurdidos
dese centro educativo teñan cabida en anos sucesivos no recén presentado
Festival de Novos Cinemas que, dende esta semana, está na rúa como un deses
pasiños para seguir camiñando no audiovisual galego. Concello de Pontevedra e
Universidade de Vigo apostan de xeito decidido, esperamos que así sexa e que
non aconteza como en experiencias pasadas, por afondar neste terreo que amosa
tantas posibilidades, tanto para explotar a creatividade como para facer da
cidade unha referencia dentro do sector, co que iso pode significar en canto a
prestixio e tamén, que o queredes todo, como referente turístico e económico. A
edición cero, que terá lugar en decembro, servirá para tomarlle o pulso ao que
dende a organización se plantexará ao longo do ano 2016, pero non nos cabe
dúbida que tendo a Daniel Froiz, Suso Novás ou Ángel Santos, xente de cine pola
que corren fotogramas polas súas veas, como coordinadores do evento, as
expectativas de éxito xa se poñen a funcionar.
A semana deixou máis deses pasiños,
confirmándose que outro deses proxectos cinematográficos made in Galicia segue
adiante, como é a película baseada na novela de Manuel Jabois, 'La estación
violenta' que, producida por Matriuska, contará co apoio da AGADIC (Axencia
Galega das Industrias Culturais) e na dirección con Anxos Fazáns, unha desas
creadoras de webseries ('Fame') das que lles falei antes e que seguen a medrar
unha vez que atopan o osíxeno da confianza depositada e tamén os cartos
precisos para que os soños se volten realidade.
Cámaras, luces e acción podería
chamarse esta semana que posiciona a Pontevedra nun lugar no que leva
intentando mergullarse dende hai algún tempo. A creación da Pontevedra Film
Commission foi un paso valente para que a cidade se resitúe nesa competición
por ser unha cidade de cine, agora, con novos actores ao fronte de todo isto, a
valentía debe converterse en accións e subliñar as posibilidades que nós mesmos
temos de facer cousas tan boas como as que asomaron ao longo destas poucas
liñas. Non hai máis que deterse nos nomes propios escritos en negrita para
darse conto do potencial, ou de parte dese potencial, xa que hai moitos outros
nomes agardando a que ese pasos medren en lonxitude, pero tamén en afouteza,
para que o cine ou o audiovisual deixe de ser a gran eiva do sector cultural de
Galicia e tamén de Pontevedra. Actores, escearios, produtores, certames,
directores, divulgadores... todos eles conforman unha paisaxe que quere deixar
o fundido en negro para que as imaxes flúan sen interferencias, sen sombras que
ameacen, como ao protagonista de Las altas presiones, o seu devir pola vida. El
busca localizacións para unha película, abofé as localizacións son as da súa
propia vida, os escenarios nos que vencellarse a un entorno necesario ao que
volta a buscar respostas, aínda que se saia con máis dúbidas. Ogallá no cine en
Pontevedra se afasten as dúbidas e os pasos vaian na dirección axeitada.
Publicado no Diario de Pontevedra 26/09/2015
Fotografía. Gonzalo García
Ningún comentario:
Publicar un comentario