Rue Saint-Antoine nº 170
ENCONTROS NA CREACIÓN. Foron mestre e
alumna, e agora son colegas no mundo da escrita. Xesús Constela e Tamara Andrés
reúnense na biblioteca do Instituto de Poio para falar sobre o seu contacto no
eido da educación e sobre as súas obras literarias recentemente saídas do
prelo. Novela e poesía que procuran atopar a súa identidade
UN DÍA calquera na vida dun Instituto.
Xesús Constela (Ferrol, 1963), profesor de Inglés, non deixa de pensar na
inesquecíbel experiencia vivida o día anterior ao acompañar a un grupo de
alumnos do Instituto de Poio, pertencentes a un clube de lectura, ata Catoira,
onde alumnos do instituto, integrantes doutro clube de lectura, esperaban aos
de Poio na estación do ferrocarril cunha pancarta de benvida nas mans.
Cincuenta e un rapaces falando das súas lecturas, pero tamén dos seus desexos
de ser escritor. Aínda queda esperanza. Tamara Andrés (Combarro, 1992) aparece
polo corredor cun ramo de flores, hoxe despídese das prácticas como profesora
de francés no Instituto no que se formou.
Os anos bótanse enrriba e quenes
compartiron aulas dende a posición de profesor e de alumna, agora comparten o
claustro de profesores, pero tamén, unha das súas paixóns, a escrita. Xesús
Constela, xa asentado como unha das voces máis solventes da nosa narrativa
chega cunha nova novela baixo o brazo, ‘A rotura das paisaxes’, editada por
Xerais, e que será presentada o vindeiro xoves no Museo de Pontevedra; mentres,
Tamara Andrés, aínda segue pendurada do seu soño de ser escritora, e o fai
firmemente suxeita a un poemario de fortes alicerces na infancia editado por
Medulia, ‘Nenaespiraes’.
Como é a convivencia do escritor co
Instituto?
Xesús Constela: Eu teño unha relación
de amor odio co centro. O que máis me gusta é o contacto cos adolescentes,
xente moito máis nova ca min que me fascina. Ofrécenche unha visión da
realidade totalmente distinta a túa.Moitas veces fanche preguntas, non só sobre
a asignatura, senón sobre a propia vida que te deixan descolocado e te fan
pensar.
Experiencias que serven de nutrintes
para o eido literario?
X.C: Claro, claro. son enormemente
enriquecedoras. Non é que apareza nun libro reflectida esa situación, pero si
esa idea, e te leva a plantexarte cousas que nunca te plantexarías a ti mesmo.E
aínda son máis ricas cando saes da rutina do instituto, cando fas actividades
fora do centro. Nós, neste instituto viaxamos moito. Nós mesmos, Tamara e eu,
coincidimos en diferentes viaxes, ver como responden perfectamente todos os
rapaces, que non hai problema algún, e que cando pasan as xeracións aprendes
cousas moi distintas porque aínda que visitemos os mesmos sitios os alumnos son
diferentes.
|
Vitrina con libros asinados polos seus autores na biblioteca |
Como alumna, Tamara, como cre que
influiu ese ambiente do centro en que se decantase pola escrita?
Tamara Andrés: Pois mira, xa que
estamos falando de Xesús, el si que introduce a literatura nas aulas, aínda que
non fale de literatura.
X. C.: A mín encataríame ser profesor
de literatura.
T.A.: Si que é certo que falas de
moitas historias, tamén dos teus libros, e iso ao longo eu creo que si cala no
alumno. Sempre contas anécdotas. Tes moi claro que o docente no só ensina contidos
teóricos en inglés, transmitías a vida desas historias na aula.
X.C: Sabes que pasa, a min encántame
viaxar, cando aparece algo nun texto en inglés que a min me suxire algunha
cousa fago como unha paréntese e introduzco algunha historia na clase. Date
conta que como adultos temos moitas máis experiencia e anécdotas, e ante nós
temos uns rapaces de trece ou catorce anos nun centro rural onde non todo o
mundo ten moitos recursos e nas súas casas non houbo esa inquedanza por
amosarlles cousas, e as veces len temas nos libros que non manexan e pérdense.
Por exemplo, hoxe mesmo, púxenlle, porque nos sobraban cinco minutos, e tendo
acceso a Youtube nas aulas, agora temos moitas posibilidades, é fascinante,
pois púxenlle, ‘The big bang theory’ con Sheldon Cooper, en inglés,
subtitulado. Pois quedaron calados completamente, moi interesados, pero un dime
porque non nos poñes ‘La que se avecina’, e entón o que quero dicir é que hai
que amosarlles que hai máis mundo daquelo que manexan habitualmente.
Como mestre, Xesús, e falando de
Tamara, e tamén con outros mestres do claustro, recoñecíase a posibilidade
dunha futura escritora?
X.C: Si, ela foi unha alumna que nunca
deu ningún problema, sempre moi colaboradora en todo. Ela estudou traducción.
sempre foi moi boa en linguas e fora do inglés sempre amosaba inquietudes,
preguntaba cousas. Pode ser algo xenético, porque a súa irmá vai polo mesmo
camiño.
T.A.: Dende moi nova participei en
concursos, e dende ben pequeniña xa escribía poemas moi sinxelos.
X.C: Pero eso non o debes perder nunca,
eso son tesouros absolutos. Eu supoño que detrás de todas as cousas que se
escriben ou que se pintan, hai unha sensibilidade especial, ese pretender ver
algo que ao mellor outros non ven.
Supoño que para un profesor ver cun
alumno acada un camiño no mundo da escrita é un orgullo?
X.C: Por suposto. De feito o maior
orgullo foi que eu lle presentei o seu primeiro libro ‘A mentalista’ en
Pontevedra, e foi algo inesquecíbel, pensar que estaba sucedendo iso. E temos o
recordo que comentamos que na cartela diante dela puxéronlle o seu nome e
debaixo ‘escritora’.
T.A.: Eu as teño gardadas.
Impresionoume, dixen, xa me consideran unha escritora.
X.C.: Pois vaite acostumando, díxenlle.
Porque isto non fixo máis que comezar. Eu estou convencido de que detrás de ‘A
mentalista’ou ‘Nenaespirais’ virán moitas máis obras, e sobre todo pola súa
determinación. Non é iso casual de dicir ‘mira a nena escribiu un poema’.
T.A.: Eu a raíz diso que preguntas
quero dicir que hai moitos rapaces que escriben. Non que o mostren, pero si que
o fan. Eu coñezo a moitos e é algo que me chama moito a atención. Nas miñas
xeracións non se escribía tanto.
Unha defensa polo tanto da xente nova
de hoxe
X.C: Si, é certo que se falan pestes
das novas xeracións, pero non é verdade. É verdade o que sae na televisión, ese
casos truculentos, e moi espectaculares. Pero iso non é representativo. Eu por
exemplo teño entre os meus rapaces, nos cursos de terceiro de ESO nenos con
moitos potenciais dende diferentes planos: cultural, coñecementos, lecturas,
deportes... Onte en Catoira, eran 51 rapaces e preguntei cantos escribían, e
tres, cunha gran determinación dixéronme que eles escribían, e tiñan moi claro
o que querían facer.
|
Tamara Andrés e Xesús Constela na biblioteca do IES Poio |
Falando xa máis do literario. A Xesús
Constela que é o que máis lle preocupa acadar coa escrita?
Eu teño moi claro que a miña teima é
por buscar unha voz propia. E creo que o estou acadando. Quero que alguén colla
un texto meu e diga isto é de Xesús Constela, creo que é o mellor, como cando
ves un cadro de Van Gogh ou Zurbarán, que enseguida os recoñeces. Eu traballo
iso realmente, por exemplo, cos diálogos, que é algo que me gusta moito
manexar, nesta novela quixen espilo totalmente con dous personaxes que falan
constantemente sen eu meterme polo medio. Quero que o lector sinta as cousas
sen que eu lle teña que contar nada. Como si estivese a escoitar unha
conversación entre dous personaxes sin que eu interveña. Teño dúas asignaturas
pendientes, unha esa, a min non me gustan os autores que un día sacan un libro
dun tipo, e outro día doutro; e a outra é que tódalas cousas que escribín están
ubicadas nun lugar que nunca se describe, que non ten unha localización
concreta e quero que siga así.
Con este libro estou moi contento
porque é volver ao principio de todo, ‘As humanas proporcións’, un libro que
escribín libre totalmente e despois sempre estás pendentes das vendas, dalgún
premio...este non vai para aí, é un exercicio literario puro e duro do que
estou moi satisfeito.
E vostede, Tamara, neste momento
iniciático cal é a súa maior preocupación?
T.A.: A mon o que máis preocupou era
que eu considerábame distinta ao que había na literatura galega en xeral, ou no
caso da poesía, á liña que había dentro desa poesía galega, sobre todo nos
rapaces coma min. Ahora preocúpame un pouco menos, si o de atopar unha voz
poética propia, pero iso creo que é algo que se irá artellando co tempo. Un
exercicio a longo prazo.
X.C.: Ainda estou eu niso. Eu sempre o
comparo coa pintura que é moito máis visual. Picasso é unha persoa a que
recoñeces, ou Miró, pero que comezaron pintando paisaxes, e foron
evolucionando. A paisaxe foi por aí. Necesitamos unha paisaxe propia.
No poemario, Tamara, sorpréndeme que
sendo tan nova haxa un interese moi claro pola volta á infancia, cando aínda é
moi nova
T.A.: Eu son moi nova, pero sei que
tiven moitas experiencias distintas que dalgún xeito fixérome madurar moi
pronto e quixen voltar a ese inicio. E facelo dende a poesía, como o mellor
medio para recuperar esa infancia. Necesitaba da voz poética para facelo.
E vostede, Xesús, inclúe poesía na
novela?
X.C.: Si, non o fixera nunca. Escribira
poesía, pero noutro plan. Eu envéxolle aos poetas a capacidade para nuns versos
explicar o que eu necesito facer en tres páxinas. Os poemas aquí están moi
traballados, cun ton surrealista.
A novela é tamén un xogo de realidades
literarias?
X.C.: Si, iso vai na liña de procurar
unha voz diferente. Hoxe en día na novela hai que experimentar. Nun mundo
inmediato, de cousas pequenas, hai que darlle ao lector cousas fragmentarias.
Os meus relatos falan todos do mesmo, pero dende diferentes perspectivas alleas
á propia novela.
Que é o que máis lle interesa a Xesús
Constela do que fai Tamara Andrés?
A capacidade para ver a realidade
doutro xeito, sabendo plasmala. Non é unha fotógrafa da realidade, interpretaa.
E a Tamara de Xesús Constela que lle
atrae da súa obra?
Dende que o comecei a ler pareceume
unha voz diferente dentro da literatura galega. Achega un valor engadido á hora
de escribir ao ser unha literatura moi fresca. E ten algo de Amélie
Nothomb, unha autora que me encanta.
Publicado no Diario de Pontevedra 25/04/2016
Fotografías. Gonzalo García