mércores, 18 de xaneiro de 2017

Maruja Mallo, la 'brujita joven'


A designación da Real Academia Galega de Bellas Artes de Maruja Mallo como protagonista do Día das Artes Galegas, a celebrar o 1 de abril, fará que ao longo deste ano diferentes iniciativas promovan o coñecemento da figura da artista nacida en Viveiro e que se converteu nunha das figuras máis singulares da plástica española do século XX. Non só a súa obra, senón que a súa vida, vencellada en moitas ocasións a grandes nomes da nosa cultura, como Rafael Alberti, Miguel Hernández, García Lorca, Buñuel, Dalí ou Neruda, así como a súa rebeldía vital, compoñen unha das vidas máis apaioxantes entre as dos nosos creadores.

"HASTA HACE 20 años te podías cruzar con ella por la calle Núñez de Balboa de Madrid. Llevaba los ojos pintados locamente, como si mirase a través de dos murciélagos. Viajaba a bordo de unos zapatos con palmo y medio de suela de corcho y el pelo teñido con una pócima de trementina y virutas de cobre. Se vestía con acumulaciones de telas que le iban dando forro y cuerpo, convirtiéndola en la mejor creación de sí misma. Y remataba su prêt-à-porter con un abrigo de pieles que bien podría ser un cementerio de gatos profanado. Maruja Mallo es elegante por su instinto de verbena...". Poucas maneiras mellores de retratar a Maruja Mallo (Viveiro, 1905-Madrid, 1995) que a realizada por Antonio Lucas en Vidas de santos (Círculo de Tiza, 2015), un libro de personaxes singulares entre os que Maruja Mallo non podía faltar. E é que toda a súa vida transitou por eses vieiros, os da estrañeza, a rebeldía, o camiño en soedade nunha unicidade artística sin parangón na nosa arte.
Na descrición do xornalista e poeta atopamos temos moitas das claves da súa vida e obra. Palabras como 'cementerio', 'verbena' ou ese atuendo de máscara balizan a súa pintura, a súa mellor pintura. Nesa etapa final recuperábase do esquecemento polo mundo artístico e unha sociedade que a foi orillando dende o descoñecemento do feito no seu esplendor artístico antes do seu regreso do exilio a España nos anos sesenta, aquel desexo de comportarse de xeito libre, sen atender ao que pensase o resto da sociedade e, como non, ese instinto de verbena que reside nas súas obras. A plasmación do popular para reformular a nosa arte no tempo das vangardas nun Madrid axitado pola modernidade do momento, permitiu afundir a súa obra en diferentes ismos artísticos que ían dende o surrealismo, o retorno á orde, a recuperación do valor plástico da obra de arte e a integración dunha clara mensaxe de concienciación do pobo e da súa situación social.
Rastrexar a vida de Maruja Mallo —o seu nome real é Ana María Gómez González— precisa de situar as coordenadas do momento. Da súa chegada a Madrid en 1920 xunto os seus 13 irmáns e os seus país, tras un periplo por varias localidades galegas e asturianas, nun ano no que aproba o exame de ingreso na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando para estudar como muller nun ambiente claramente masculinizado, non só dentro da institución, senón tamén en toda a sociedade.
Maruja Mallo asoma a súa rebeldía converténdose nunha daquelas 'sen sombreiro', como se define, dentro dun proxecto de recuperación de varias mulleres daquela Xeración do 27 (Las sinsombrero, Tania Balló. Editorial Espasa), que amosaron de xeito público o seu desafío a ese tempo de homes quitando o sombreiro que levaban pola rúa nun acto na Porta do Sol, polo que chegaron a ser apedreadas, como conta a propia Maruja Mallo: "Un día se nos ocurrió a Federico, a Dalí, a Margarita Manso y a mí quitarnos el sombrero porque decíamos que parecía que estábamos congestionando las ideas y, atravesando la Puerta del Sol, nos apedrearon llamándonos de todo".
Nese Madrid de entreguerras, grazas a neutralidade española durante a Primera Guerra Mundial, conformouse un caldo de cultivo que favoreceu a creación artística. Figuras como as de Ramón Gómez de la Serna ou Ortega e Gasset formaban parte dunha atmosfera que ía dende a acción de vangarda do primeiro á reformulación dun corpo de pensamento polo segundo, coa lumieira que supuxo a Revista de Occidente. Nos salóns desta publicación fixo Maruja Mallo a súa primeira exposición en Madrid en 1928. Gómez de la Serna calificouna como "la brujita joven", e Ortega, tras visitar a súa casa e ver aqueles primeiros cadros, foi o primeiro en apostar por ela.
A partir de aí a vida de Maruja Mallo encéndese dende a súa personalidade, con un magnetismo que debeu fascinar a quen se achegaba a ela. Amante de Alberti ou de Miguel Hernández, aos que inspirou, non só para a paixón, senón tamén para algúns dos mellores poemarios de ambos (Sobre los ángeles ou El rayo que no cesa, respectivamente), foi moza do sindicalista galego Alberto Fernández, coñecido como Mezquita. Xunto a el, no verán de 1936 en Bueu, atopouse co comezo da Guerra Civil que supuxo, como con tantas outras cousas, o remate dese tempo de ilusións e esperanzas. En Galicia atopábase formando parte das Misións Pedagóxicas e dela fuxiu a Lisboa cara un exilio que a levou a diferentes vilas sudamericanas, entre elas Bos Aires. Dende alí se achegará a Chile para, xunto con Pablo Neruda, visitar a Illa de Pascua e protagonizar as súas famosas fotografías rodeada de algas, nunha simbiose coa natureza e co mar que retoma aquela definición feita por Dalí sobre ela calificándoa de "mitad marisco, mitad ángel".
En 1961 regresa a España,a unha España moito máis triste da que ela deixara, e voltaba como unha descoñecida, como un nome do pasado que poucos lembraban e que non recuperou a nosa sociedade ata 1975 como recolle Carlos L. Bernárdez no clarificador Maruja Mallo. A pintura da nova muller (Editorial Nigratrea), a partir dunha exposición antolóxica da galería Ruíz-Castillo de Madrid, seguida da concesión da medalla de ouro de Belas Artes do Ministerio de Cultura en 1982 e as medallas de ouro da Comunidade de Madrid e de Galicia ou a exposición realizada polo CGAC en 1993.
Agora é o momento de deixar de lado ao mito e mergullarse no que realmente deixou entre nós Maruja Mallo, un colosal legado pictórico, que, dende ambas orelas do Atlántico, fálanos da súa afouteza como pintora, do tránsito feito por diferentes maneiras de enfrontarse á pintura sempre cunha carga de modernidade que a parangona cos mellores creadores do seu tempo. Como poucas veces se pudo ver a súa obra da maneira que se exhibiu en 2009 na Casa das Artes de Vigo e pouco despois en Madrid, no que fora o seu centro de estudos, a Academia de Bellas Artes de San Fernando, nunha exposición organizada por esta academia, a Fundación CaixaGalicia e a Sociedade Estatal de Conmemoraciones Culturales. Asomarse ao monumental catálogo, feito como poucas veces se ten feito un traballo de edición e recopilación de materiais sobre un artista, concede a medida do realizado en vida pola "gran transgresora do 27", empregando o título doutra das biografías de referencia sobre ela a cargo de José Luis Ferris, Maruja Mallo. La gran transgresora del 27 (Editorial Temas de Hoy). 
A primeira figuración, as Verbenas, a serie Cloacas e campanarios, a xeometrización tras coñecer a Torres-García na súa serie sobre o traballo Relixión do traballo, as cabezas de mulleres, a conquista da natureza da serie Naturezas vivas, as súas Máscaras e xa na súa última etapa creativa, nos anos setenta, coa reinterpretación das ilustracións que fixera para a Revista de Occidente, reflicten o itinerario artístico desta muller. O seu tempo final, nos oitenta e noventa, foi o da descuberta polos que a descoñecían, os que a recuperaron como emblema do periodo artístico anterior á Guerra Civil, que nestes anos comezaba a rescatarse, engadíndolle a súa condición feminina un plus que converteu nun símbolo de rebeldía.
As palabras de Antonio Lucas coas que iniciamos este texto preséntana nos seus últimos anos, nos que ela mesma converteuse na máscara daquela época, na permanencia indemne de quen enguedellou vida e obra entendida como un todo, unha actitude vital resolta dende o vencello coa Residencia de Estudantes, símbolo dunha época, e dunha maneira de entender un tempo que ela converteu en pintura para goce e orgullo de todos nós. Achegarse a ela ao longo de todo este ano suporá volver a atoparse co feitizo daquela pequena meiga que, chegada de Galicia, revolucionou a faciana vital e plástica dun Madrid efervescente, do que ela foi protagonista, como da pintura do século XX.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 15/01/2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario