A
designación da Real Academia Galega de Bellas Artes de Maruja Mallo
como protagonista do Día das Artes Galegas, a celebrar o 1 de abril,
fará que ao longo deste ano diferentes iniciativas promovan o
coñecemento da figura da artista nacida en Viveiro e que se
converteu nunha das figuras máis singulares da plástica española
do século XX. Non só a súa obra, senón que a súa vida, vencellada en moitas ocasións a grandes nomes da nosa cultura, como Rafael Alberti, Miguel Hernández, García Lorca, Buñuel, Dalí ou Neruda, así como a súa rebeldía vital, compoñen unha das vidas máis apaioxantes entre as dos nosos creadores.
"HASTA
HACE 20 años te podías cruzar con ella por la calle Núñez de
Balboa de Madrid. Llevaba los ojos pintados locamente, como si mirase
a través de dos murciélagos. Viajaba a bordo de unos zapatos con
palmo y medio de suela de corcho y el pelo teñido con una pócima de
trementina y virutas de cobre. Se vestía con acumulaciones de telas
que le iban dando forro y cuerpo, convirtiéndola en la mejor
creación de sí misma. Y remataba su prêt-à-porter con un abrigo
de pieles que bien podría ser un cementerio de gatos profanado.
Maruja Mallo es elegante por su instinto de verbena...". Poucas
maneiras mellores de retratar a Maruja Mallo (Viveiro, 1905-Madrid,
1995) que a realizada por Antonio Lucas en Vidas
de santos (Círculo
de Tiza, 2015), un libro de personaxes singulares entre os que Maruja
Mallo non podía faltar. E é que toda a súa vida transitou por eses
vieiros, os da estrañeza, a rebeldía, o camiño en soedade nunha
unicidade artística sin parangón na nosa arte.
Na descrición do xornalista e poeta atopamos temos moitas das claves da súa vida e obra. Palabras como 'cementerio', 'verbena' ou ese atuendo de máscara balizan a súa pintura, a súa mellor pintura. Nesa etapa final recuperábase do esquecemento polo mundo artístico e unha sociedade que a foi orillando dende o descoñecemento do feito no seu esplendor artístico antes do seu regreso do exilio a España nos anos sesenta, aquel desexo de comportarse de xeito libre, sen atender ao que pensase o resto da sociedade e, como non, ese instinto de verbena que reside nas súas obras. A plasmación do popular para reformular a nosa arte no tempo das vangardas nun Madrid axitado pola modernidade do momento, permitiu afundir a súa obra en diferentes ismos artísticos que ían dende o surrealismo, o retorno á orde, a recuperación do valor plástico da obra de arte e a integración dunha clara mensaxe de concienciación do pobo e da súa situación social.
Na descrición do xornalista e poeta atopamos temos moitas das claves da súa vida e obra. Palabras como 'cementerio', 'verbena' ou ese atuendo de máscara balizan a súa pintura, a súa mellor pintura. Nesa etapa final recuperábase do esquecemento polo mundo artístico e unha sociedade que a foi orillando dende o descoñecemento do feito no seu esplendor artístico antes do seu regreso do exilio a España nos anos sesenta, aquel desexo de comportarse de xeito libre, sen atender ao que pensase o resto da sociedade e, como non, ese instinto de verbena que reside nas súas obras. A plasmación do popular para reformular a nosa arte no tempo das vangardas nun Madrid axitado pola modernidade do momento, permitiu afundir a súa obra en diferentes ismos artísticos que ían dende o surrealismo, o retorno á orde, a recuperación do valor plástico da obra de arte e a integración dunha clara mensaxe de concienciación do pobo e da súa situación social.
Rastrexar
a vida de Maruja Mallo —o seu nome real é Ana María Gómez
González— precisa de situar as coordenadas do momento. Da súa
chegada a Madrid en 1920 xunto os seus 13 irmáns e os seus país,
tras un periplo por varias localidades galegas e asturianas, nun ano
no que aproba o exame de ingreso na Real Academia de Bellas Artes de
San Fernando para estudar como muller nun ambiente claramente
masculinizado, non só dentro da institución, senón tamén en toda
a sociedade.
Maruja
Mallo asoma a súa rebeldía converténdose nunha daquelas 'sen
sombreiro', como se define, dentro dun proxecto de recuperación de
varias mulleres daquela Xeración do 27 (Las
sinsombrero,
Tania Balló. Editorial Espasa), que amosaron de xeito público o seu
desafío a ese tempo de homes quitando o sombreiro que levaban pola
rúa nun acto na Porta do Sol, polo que chegaron a ser apedreadas,
como conta a propia Maruja Mallo: "Un día se nos ocurrió a
Federico, a Dalí, a Margarita Manso y a mí quitarnos el sombrero
porque decíamos que parecía que estábamos congestionando las ideas
y, atravesando la Puerta del Sol, nos apedrearon llamándonos de
todo".
Nese
Madrid de entreguerras, grazas a neutralidade española durante a
Primera Guerra Mundial, conformouse un caldo de cultivo que favoreceu
a creación artística. Figuras como as de Ramón Gómez de la Serna
ou Ortega e Gasset formaban parte dunha atmosfera que ía dende a
acción de vangarda do primeiro á reformulación dun corpo de
pensamento polo segundo, coa lumieira que supuxo a Revista de
Occidente. Nos salóns desta publicación fixo Maruja Mallo a súa
primeira exposición en Madrid en 1928. Gómez de la Serna
calificouna como "la brujita joven", e Ortega, tras visitar
a súa casa e ver aqueles primeiros cadros, foi o primeiro en apostar
por ela.
A
partir de aí a vida de Maruja Mallo encéndese dende a súa
personalidade, con un magnetismo que debeu fascinar a quen se
achegaba a ela. Amante de Alberti ou de Miguel Hernández, aos que
inspirou, non só para a paixón, senón tamén para algúns dos
mellores poemarios de ambos (Sobre
los ángeles ou El
rayo que no cesa, respectivamente),
foi moza do sindicalista galego Alberto Fernández, coñecido como
Mezquita. Xunto a el, no verán de 1936 en Bueu, atopouse co comezo
da Guerra Civil que supuxo, como con tantas outras cousas, o remate
dese tempo de ilusións e esperanzas. En Galicia atopábase formando
parte das Misións Pedagóxicas e dela fuxiu a Lisboa cara un exilio
que a levou a diferentes vilas sudamericanas, entre elas Bos Aires.
Dende alí se achegará a Chile para, xunto con Pablo Neruda, visitar
a Illa de Pascua e protagonizar as súas famosas fotografías rodeada
de algas, nunha simbiose coa natureza e co mar que retoma aquela
definición feita por Dalí sobre ela calificándoa de "mitad
marisco, mitad ángel".
En
1961 regresa a España,a unha España moito máis triste da que ela
deixara, e voltaba como unha descoñecida, como un nome do pasado que
poucos lembraban e que non recuperou a nosa sociedade ata 1975 como
recolle Carlos L. Bernárdez no clarificador Maruja
Mallo. A pintura da nova muller (Editorial
Nigratrea), a partir dunha exposición antolóxica da galería
Ruíz-Castillo de Madrid, seguida da concesión da medalla de ouro de
Belas Artes do Ministerio de Cultura en 1982 e as medallas de ouro da
Comunidade de Madrid e de Galicia ou a exposición realizada polo
CGAC en 1993.
Agora
é o momento de deixar de lado ao mito e mergullarse no que realmente
deixou entre nós Maruja Mallo, un colosal legado pictórico, que,
dende ambas orelas do Atlántico, fálanos da súa afouteza como
pintora, do tránsito feito por diferentes maneiras de enfrontarse á
pintura sempre cunha carga de modernidade que a parangona cos
mellores creadores do seu tempo. Como poucas veces se pudo ver a súa
obra da maneira que se exhibiu en 2009 na Casa das Artes de Vigo e
pouco despois en Madrid, no que fora o seu centro de estudos, a
Academia de Bellas Artes de San Fernando, nunha exposición
organizada por esta academia, a Fundación CaixaGalicia e a Sociedade
Estatal de Conmemoraciones Culturales. Asomarse ao monumental
catálogo, feito como poucas veces se ten feito un traballo de
edición e recopilación de materiais sobre un artista, concede a
medida do realizado en vida pola "gran transgresora do 27",
empregando o título doutra das biografías de referencia sobre ela a
cargo de José Luis Ferris, Maruja
Mallo. La gran transgresora del 27 (Editorial
Temas de Hoy).
A
primeira figuración, as Verbenas,
a serie Cloacas
e campanarios,
a xeometrización tras coñecer a Torres-García na súa serie sobre
o traballo Relixión
do traballo, as
cabezas de mulleres, a conquista da natureza da serie Naturezas
vivas,
as súas Máscaras e
xa na súa última etapa creativa, nos anos setenta, coa
reinterpretación das ilustracións que fixera para a Revista de
Occidente, reflicten o itinerario artístico desta muller. O seu
tempo final, nos oitenta e noventa, foi o da descuberta polos que a
descoñecían, os que a recuperaron como emblema do periodo artístico
anterior á Guerra Civil, que nestes anos comezaba a rescatarse,
engadíndolle a súa condición feminina un plus que converteu nun
símbolo de rebeldía.
As
palabras de Antonio Lucas coas que iniciamos este texto preséntana
nos seus últimos anos, nos que ela mesma converteuse na máscara
daquela época, na permanencia indemne de quen enguedellou vida e
obra entendida como un todo, unha actitude vital resolta dende o
vencello coa Residencia de Estudantes, símbolo dunha época, e dunha
maneira de entender un tempo que ela converteu en pintura para goce e
orgullo de todos nós. Achegarse a ela ao longo de todo este ano
suporá volver a atoparse co feitizo daquela pequena meiga que,
chegada de Galicia, revolucionou a faciana vital e plástica dun
Madrid efervescente, do que ela foi protagonista, como da pintura do
século XX.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 15/01/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario