Rue Saint-Antoine nº 170
Arte.
Seis artistas vencellados á Facultade de Belas Artes, un mestre e cinco
exalumnos, fan da arte experimentación con este desafío de enguedellar o seu
traballo sobre un mesmo soporte conxunto. Unha parede que sustenta un rolo de
papel no se suceden as súas diferentes opcións artísticas, converténdose en
toda unha revelación para o visitante.
A Sala-X
da Facultade de Belas Artes de Pontevedra segue a darnos alegrías. Alegrías xa
non só artísticas, senón vivenciais, polo que ten ese espacio de implicar a
diferentes axentes artísticos dese mundo tan fermoso da creatividade, do reto
continuo do home fronte a súa capacidade para interpretar a nosa realidade a
través da experiencia artística.
Poucos
encontros poden ser tan emocionantes para a comunidade universitaria, e por
extensión para a sociedade, como o de mestres con alumnos. Isto é, os que exerceron
como ensinantes e que agora traballan ombreiro con ombreiro con aqueles aos que
adicaron o seu tempo para tentar formalos como artistas. Nono Bandera asume
neste caso ese papel de mestre, artista e compañeiro, e a carón del, exalumnos,
e agora artistas ou creadores enfrontados á arte, xa non dende as aulas, senón
dende o exterior dos grosos muros da Facultade. Berto Fojo, Nuria Figueiredo,
Natalia Umpiérrez, Julia Huete e Marcos Covelo participan dende a súa
heteroxeneidade artística deste proxecto común de nome ‘Un rolo de papel
continuo’ que como alicerces ten os de establecer, dende cada unha desas
heteroxeneidades, unha nova realidade artística a desembocar nos vieiros do
debuxo, a ilustración e a discusión sobre a pintura e os seus límites.
Nese triángulo
móvense todos eles para facer dunha parede un rolo continuo de arte, unha
ilustración que acolle toda unha narración que loita contra os seus propios
límites establecidos como soporte. Así é como moitas veces ese debuxo sae fora
do propio rolo para conquistar paredes, espazos e visións, na discusión do
límite, pero tamén na procura de osíxeno cara o teito ou cara o chan.
Cada
un dos participantes na mostra vai fiando a súa proposta coa dos seus
compañeiros facendo da interferencia inspiración, isto é, sacándolle proveito
ao feito polos outros artistas para alentar a inspiración propia e a
creatividade continua. Sobre esa base xa admitida do debuxo, que ten un claro
administrador na presenza de Nono Bandera, profesor desa disciplina na
facultade, o comisariado de Susana Cendán incide nesa condición experimental do
agrupamente artístico, a recuperación daquela teima surrealista do cadáver
exquisito para xerar unha obra nova e retadora.
E
nesa nova obra tamén abrollan compoñentes habituais en todos eles, que nos
atopamos nunhas vitrinas individuais que anteceden ao rolo. A ironía, o humor,
a irreverencia, o desafío á sociedade á que as veces hai que perderlle o medo
facendo unha relectura dela dende linguaxes como as do cómic, o fanzine ou o
grafiti que nos mergullan en parte desa cultura popular do século XXI na que a
arte moitas veces enriquécese dende unha faciana de a pé, afastada de
institucións que lastran o seu contido. Aquí atopámonos unha arte chea de
vitalidade, unha mirada fresca e desafiante que, baixo esa óptica aparentemente
banal, agocha a súa mirada crítica sobre a nosa realidade. ‘Los mecenas son los
padres’, lemos no arrinque do ‘mural’, aludindo á complexidade da entrada
destas novas xeracións no mundo profesional da arte, tendo que estar moitas
veces sufragadas as súas ‘aventuras’ pola economía familiar. Moitos dos aquí
presentes rebeláronse contra esa situación levando adiante proxectos creativos
valentes como o Liceo Mutante ou o Estudo Pacheco, cadáveres exquisitos na vida
da nosa cidade e que agora semellan regresar á matriz na que todo comezou.
Publicado no Diario de Pontevedra 23/01/2017
Fotos. Sala-X e Beatriz Císcar
Ningún comentario:
Publicar un comentario