venres, 27 de xaneiro de 2017

Un rolo de papel continuo

Rue Saint-Antoine nº 170
Arte. Seis artistas vencellados á Facultade de Belas Artes, un mestre e cinco exalumnos, fan da arte experimentación con este desafío de enguedellar o seu traballo sobre un mesmo soporte conxunto. Unha parede que sustenta un rolo de papel no se suceden as súas diferentes opcións artísticas, converténdose en toda unha revelación para o visitante.

 


A Sala-X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra segue a darnos alegrías. Alegrías xa non só artísticas, senón vivenciais, polo que ten ese espacio de implicar a diferentes axentes artísticos dese mundo tan fermoso da creatividade, do reto continuo do home fronte a súa capacidade para interpretar a nosa realidade a través da experiencia artística.
Poucos encontros poden ser tan emocionantes para a comunidade universitaria, e por extensión para a sociedade, como o de mestres con alumnos. Isto é, os que exerceron como ensinantes e que agora traballan ombreiro con ombreiro con aqueles aos que adicaron o seu tempo para tentar formalos como artistas. Nono Bandera asume neste caso ese papel de mestre, artista e compañeiro, e a carón del, exalumnos, e agora artistas ou creadores enfrontados á arte, xa non dende as aulas, senón dende o exterior dos grosos muros da Facultade. Berto Fojo, Nuria Figueiredo, Natalia Umpiérrez, Julia Huete e Marcos Covelo participan dende a súa heteroxeneidade artística deste proxecto común de nome ‘Un rolo de papel continuo’ que como alicerces ten os de establecer, dende cada unha desas heteroxeneidades, unha nova realidade artística a desembocar nos vieiros do debuxo, a ilustración e a discusión sobre a pintura e os seus límites.
Nese triángulo móvense todos eles para facer dunha parede un rolo continuo de arte, unha ilustración que acolle toda unha narración que loita contra os seus propios límites establecidos como soporte. Así é como moitas veces ese debuxo sae fora do propio rolo para conquistar paredes, espazos e visións, na discusión do límite, pero tamén na procura de osíxeno cara o teito ou cara o chan.
Cada un dos participantes na mostra vai fiando a súa proposta coa dos seus compañeiros facendo da interferencia inspiración, isto é, sacándolle proveito ao feito polos outros artistas para alentar a inspiración propia e a creatividade continua. Sobre esa base xa admitida do debuxo, que ten un claro administrador na presenza de Nono Bandera, profesor desa disciplina na facultade, o comisariado de Susana Cendán incide nesa condición experimental do agrupamente artístico, a recuperación daquela teima surrealista do cadáver exquisito para xerar unha obra nova e retadora.

E nesa nova obra tamén abrollan compoñentes habituais en todos eles, que nos atopamos nunhas vitrinas individuais que anteceden ao rolo. A ironía, o humor, a irreverencia, o desafío á sociedade á que as veces hai que perderlle o medo facendo unha relectura dela dende linguaxes como as do cómic, o fanzine ou o grafiti que nos mergullan en parte desa cultura popular do século XXI na que a arte moitas veces enriquécese dende unha faciana de a pé, afastada de institucións que lastran o seu contido. Aquí atopámonos unha arte chea de vitalidade, unha mirada fresca e desafiante que, baixo esa óptica aparentemente banal, agocha a súa mirada crítica sobre a nosa realidade. ‘Los mecenas son los padres’, lemos no arrinque do ‘mural’, aludindo á complexidade da entrada destas novas xeracións no mundo profesional da arte, tendo que estar moitas veces sufragadas as súas ‘aventuras’ pola economía familiar. Moitos dos aquí presentes rebeláronse contra esa situación levando adiante proxectos creativos valentes como o Liceo Mutante ou o Estudo Pacheco, cadáveres exquisitos na vida da nosa cidade e que agora semellan regresar á matriz na que todo comezou.



Publicado no Diario de Pontevedra 23/01/2017
Fotos. Sala-X e Beatriz Císcar

Ningún comentario:

Publicar un comentario