mércores, 13 de decembro de 2017

Madrid faise Galicia


Dende Valle-Inclán a Jabois, Madrid sempre amosou o seu interese polo sentir galego. Unha querenza de lonxe que se ve renovada de xeito cada vez máis intenso, e xa non só dende os parnasos culturais, senón no día a día, naquilo tan cotiá como camiñar pola rúa ou consumir algún dos nosos produtos gastronómicos máis totémicos.
Non hai máis que pasar uns días na vila e corte para entender que todo o que arrecende a galego gusta e que ten éxito entre os madrileños, así como entre os moitísimos visitantes que durante estes días enchen rúas e prazas, entre colas interminábeis ante as administracións de Lotería e as compras no Primark. Toda esa multitude precisa de espazo para moverse e Madrid vén de estrear unha ampliación provisional, que despois do Nadal será definitiva, das beirarrúas da Gran Vía convertidas nun caudaloso Amazonas polo que discorren milleiros de persoas cara arriba e cara abaixo. Manuela Carmena arrinca así en Madrid un proceso de humanización que se prolongará por diferentes espazos urbanos, alentando un proceso xa irreversíbel e que semella que llo borboriñou ao oído o mesmísimo Miguel Anxo Fernández Lores, autoridade mundial na materia e recordman de recollida de premios ao modelo de cidade por esa loita contra os fumes e a conquista de espazos para o cidadán.
Mimetízase así fisicamente Madrid en Pontevedra, un Madrid no que pasear entre as arquitecturas doutro galego, Antonio Palacios, é tamén no que manter un fío directo coa terra a través da gastronomía. Mercados de Nadal nas prazas nos que diferentes postos do Forno de Lugo dispoñen ante a multitude un amplísimo repertorio de lambetadas, tortas, pans e empanadas. Alí, xunto ao Teatro Real, e baixo os anuncios das representacións de La Boheme, os nosos paisanos non paran de vender empanadas de polbo ou cachos dun pan de millo escintilante baixo o sol do inverno madrileño. Pero máis aló do espontáneo destas apostas, outras afúndense na cerna da capital. Na Cava Alta, ás costas do mesmísimo Lucio, abriu as portas un local da franquicia galega Galeguesa, cunhas hamburguesas que son máis que comida, son un compromiso coa terra, o medio ambiente e a gandería máis tradicional. Non dubiden de que en pouco tempo o sabor das cachenas deixará os famosos ovos estrelados como o recordo dun tempo pretérito, converténdose esta carne noutro atractivo nesta zona tan senlleira do plano madrileño.
E é que Madrid respira polos seus barrios, os seus entornos máis tradicionais, sometidos nos últimos tempos a uns procesos de revitalización que enchen estes espazos de novas posibilidades. Un dos que mellor se está a enfrontar aos novos tempos é o barrio das Letras. Alí onde Cervantes, Lope de Vega e Quevedo moveron a súa pluma en colosais duelos literarios, un dos nosos referentes editorais, Kalandraka, tamén abriu as súas portas á cidadanía para amosar as súas xoias, porque iso é o que son estes libros especialmente dirixidos aos cativos, xoias de palabras e debuxos que non deixan de inspirar aventuras e soños entre eles, e que agora os lectores de Madrid teñen ben preto, como tiveron a Kiko Da Silva o pasado sábado explicándolles o proceso de creación dunha novela gráfica. Unha delicia que lles podo asegurar que moitos pequechos non esquecerán por cómo aquel miudiño home de negro acabado de chegar de Galicia faloulles de moitos dos seus heroes. Heroes como os que están a facer de Madrid Galicia.


Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 13/12/2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario