martes, 19 de decembro de 2017

Na beleza do efémero

Rue Saint-Antoine nº 170
Poesía ▶ Lucía Novas pon nas nosas mans ‘Cervatos’ un poemario construido a base de golpes de palabras que repenican entre si para dar conta dunha mestizaxe de sensacións que xorden da experiencia da poeta. Unha colaxe literaria e case visual que dubida do propio concepto da poesía, para facer da palabra a última instancia de acubillo.


É na súa fugacidade onde repousa o seu misterio. Nesa condición do efémero onde o belisco atrona a pel. O tempo é o xuíz que permite concederlle a importancia precisa ás cousas, por exemplo, a ese cervato que ergue a mirada dende a indefensión no medio do bosque ulindo cara o descoñecido, cara esa sorpresa ante á que aínda ignora se se atopa fronte ao bo ou ante unha ameaza, xusto antes de liscar. A vida, no fondo, non é máis que iso, a incerteza ante o próximo. Un ulido no aire.
Lucía Novas (Bueu, 1979) segue a medrar na súa poesía. No plantexamento instrospectivo dende a palabra daquilo que nos rodea. Levamos xa anos fronte a súa poesía recoñecendo capacidades e posibilidades, e agora, dende este poemario, a poeta volve a subir un chanzo máis cunha proposta arriscada na que se confía na forza da palabra dun xeito extremo. Palabra que é case imaxe, tanto pola súa contundencia, como polas relacións que se establecen entre elas, xa non dende o verso, senón dende unha linearidade que nos conduce por unha nova estética do verso, un transitar por aqueles elementos da realidade que deixaron un arrecendo na poeta e que agora converte nun fluido que reflicte todo aquilo que se apegou a un sentir na procura da beleza, capaz de moverse dende a néboa ata o kitsch.
Cervatos’, editado na afouta colección Tambo da editorial Kalandraka, ten ese ton de mestizaxe que envolve hoxe a nosa sociedade, na que, dende as máis altas instancias culturais, ata a compoñente aparentemente máis superflua da nosa contorna, todas elas forman parte dunha mesma realidade da que nós mesmos somos protagonistas. A partir deste contexto que tan ben suliña a autora, esa poética hibrídase na conquista dunha nova mirada que fai desa fragmentación da frase, dese encapsular unha idea convertida en imaxe, unha radicalización da brevidade que cada vez máis caracteriza ao noso mundo composto por un universo fugaz, de mensaxes tan lixeiros coma evanescentes no aire.
A diferenza coa proposta de Lucía Novas e que as súas palabras pesan. Sabemos que detrás do esvelto, das malvas, das coitelas, do blue, do pube,das revoltas ou do xarope o que se agocha é unha experiencia condensada nunha palabra entendida como porta, como facho que alumea todo un espirito de resistencia fronte á fraxilidade. A palabra como mastro no que izar as velas para a navegación polas augas da marxe, as que fuxen da monótona oficialidade. Alí arriba tamén sube a poeta de Bueu para ollar máis aló das Ons, para enxergar a ruptura do horizonte, para asexar o espazo da vida onde bikinis de flores e corazóns dourados latexan xunto a galletiñas salgadas e a unha mañá de domingo.
«Cervatos alleos -na distracción e a fraxilidade- ao teimudo, fascinante e implacable paso do tempo», lese na lapela do libro. De novo voltamos ao tempo. Precisamos do tempo para calibrarnos, tamén para medírmonos fronte ao conxunto, fronte a unha contorna cada vez máis difusa na que só a palabra pode servir de compás na mesta bruma. Onde a palabra, como campá, repenique na súa inesgotábel dimensión atemporal e así tentar atopar a nosa cerna, a nosa identidade. «O NEON séntalle mal ás peles fracas, amortalladas./Mais refulxen/as belezas, os corazóns, my love».



Publicado no Diario de Pontevedra. 18/12/2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario