mércores, 20 de decembro de 2017

Viren as costas!

A literatura portuguesa está a vivir neste inicio dun novo século un forte pulo que chega da man de novos nomes que se integran a carón doutros xa consagrados. Un país que está de moda dende o turístico tamén quere facer da súa cultura unha referencia que traspase as fronteiras, algo que segue a costar moito e que curiosamente agrándase canto máis pegado se está a esas fronteiras. Dende España e Galicia Portugal tería que entenderse como unha prolongación, como un campo para sumar talento. E no literario hai moito talento do que gozar.


Tan preto e tan lonxe. Adoita pasar isto con Portugal. Territorios dunha mesma península, aquela Iberia pola que suspiraba de xeito ben intelixente o mesmo José Saramago. Galicia, España e Portugal están moitas veces de costas entre eles. Tres realidades sociais e culturais demasiadas veces afastadas entre si, preocupadas en ollar cara horizontes diferentes que as confunden fronte a súa propia historia e a unha chea de afinidades que servirían para facelas máis fortes, engadindo esforzos e as sobranceiras calidades das que todas elas dispoñen. A literatura tampouco é allea a esta situación e a escrita portuguesa vese de certa maneira desprezada pola ignorancia de non botarse a ela e de non  descubrir o seu potencial máis alá dos nomes consagrados como Camões, Eça de Queiroz, Pessoa ou José Saramago. Hoxe a literatura portuguesa vive unha bulideira actividade na que se integran autores de longo percorrido con outros nomes que lle confiren un novo alento a unha literatura que se enguedella con realidades paralelas a todo o ámbito da lusofonía, como as antigas colonias ou o Brasil.
Plantexar unha paisaxe literaria do que acontece hoxe precisaría dun amplísimo espazo para non caer nunha excesiva limitación de nomes, pero, amantes do risco, faremos unha escolla de cinco nomes que permitan cando menos deixar plantexada unha ollada á escrita dende o Portugal continental, tentando abranguer as realidades desa literatura que agora mesmo móvese nun contexto claramente interxeracional. O consagrado Lobo Antunes, o máis internacional e gabado Gonçalo M. Tavares, a renovación da man de Valter Hugo Mãe ou José Luis Peixoto e unha muller, como Lidia Jorge, xa asentada no panorama das letras portuguesas, permiten adentrármonos polos ‘Camiños da literatura portuguesa’, empregando o título que se utilizou na última Feira do Libro de Madrid, adicada a presentar o estado da cuestión desta literatura da que tampouco podemos esquecer nomes como os de Agustina Bessa-Luís, Eduardo Lorenzo, Mario Claudio, Alfonso Cruz ou Bruno Vieira Amaral.
António Lobo Antunes (Lisboa, 1942). Arredor do seu nome sempre xira o adagio de ser o eterno candidato portugués aos Nobel. El, sempre polémico nas súas declaracións, rise diso sabendo que nunca o gañará, e dicindo que quen lle dá prestixio aos premios son os gañadores e non o premio ao escritor. O seu carácter, desafiante as máis das veces, imponse á súa escrita, dunha calidade incuestionábel. Non gusta de Pessoa, o que, unha vez superada a súa intencionalidade herética, coloca a António Lobo Antunes nesa individualidade irreverente que o singulariza na escrita portuguesa. ‘Ata que as pedras se volvan máis lixeiras que a auga’ e a súa derradeira novela saída en outubro do prelo. Un libro co que o autor regresa á guerra de Angola, na que participou, pero tamén é unha declaración de intencións sobre a súa literatura que arrinca en 1979 con ‘Memoria de elefante’ , xa que nunha entrevista arredor deste último traballo explica que «non conta historias, nin pretendo entreter, nin ser divertido, nin ser interesante, só quero que que as pedras se volvan máis lixeiras que a auga. Cando consiga iso entonces si que me poden ler, porque daquela si que escribín o que tiña que escribir».
Gonçalo M. Tavares (Luanda, Angola, 1970). Del dixo José Saramago que sería o próximo autor portugués en gañar o Nobel. Isto, que podería ser unha lousa para calquera, para este escritor supuxo unha necesaria distancia para plantexar o seu propio camiño nas letras lusas. Un camiño cheo de obras dunha gran calidade na escrita, pero as veces complexas para o lector. Tamén gabadas as súas obras por Enrique Vila-Matas o esforzo da súa lectura convértese nunha recompensa ao ler a alguén que diversifica a súa maneira de escribir, sempre procurando alternativas diferentes en cada un dos seus textos que comezaron a publicarse en 2001co ‘Libro da danza’, un volumen de poesía, ata o último publicado en España por Seix Barral, ‘Unha nena está perdida no século XX’ (2016). «Cada frase é unha responsabilidade» para este escritor que procura sempre potenciar a mensaxe, fuxindo de adornos en forma de adxectivos ou distracións que leven ao home a despegarse da verdadeira intención do relato, a de facer ao lector partícipe del mesmo. Este mesmo ano publicouse en Portugal ‘A Mulher-Sem-Cabeça e o Homem-do-Mau-Olhado’ que inaugura un nuevo universo literario baseado nas mitoloxías e na oralidade.
Lidia Jorge (Boliqueime, Algarve, 1946). A súa primeira novela ‘O día dos prodigios’ (1980), converteuse nun gran éxito e entendeuse dentro dun proceso de renovación técnica da escrita en Portugal. Docente, a súa estadía en Angola no último momento da guerra colonial foi un pulo na súa obra, como amosou no libro ‘A costa dos murmurios’ (1988), no que se reflicte esa experiencia, foi merecente de numerosos premios dentro e fóra de Portugal. España, Francia e Alemania recoñeceron con diferentes mencións o seu papel na literatura universal e en Galicia a Asociación de Escritores en Lingua Galega concedeulle o título de Escritora Universal en 2013. ‘Os memorábeis’ (2014) é a súa novela máis recente -publicou un libro de contos en 2016, ‘O amor en Lobito Bay’- na que conta a realización dun documental a cargo dunha xornalista portuguesa centrado na Revolución de 1974, revisitando os mitos desa Revolución así como a ilusión e desilusión de moitos dos participantes nela.
Valter Hugo Mãe (Saurimo, Angola, 1971), o recoñecemento do premio José Saramago, acadado en 2007 deulle o empurrón definitivo ao seu traballo, singular por non empregar maiúsculas ou signos de puntuación, buscando unha «democracia das palabras». A súa figura en Portugal excede o literario e trasládase a outros territorios como os da música ou a televisión, ao ser unha persoa que ten unha gran empatía coa xente. Interésalle na súa obra a «dimensión ética da literatura», afastándose de «escribir para que a xente pase o tempo», así como o achegamento á identidade portuguesa e a súas características como colectividade, o que quedou ben reflectido nun dos seus libros traducidos ao castelán ‘A máquina de facer españois’ (2010), no que se pregunta sobre certa dúbida existente no país veciño arredor de se estarían mellor sendo españois. A súa novela máis recente ‘Homes imprudentemente poéticos’ (2016) pon de novo a súa cerna no home neste caso fronte á morte e á natureza.
José Luis Peixoto (Galveias, 1974). Revelación ou sorpresa son algúns dos adxectivos que aparecen pegados a quen leva gravado no seu antebrazo a palabra Yoknapatawpha, o mítico territorio xerado por William Faulkner para ubicar o seu universo literario. Coma el, José Luis Peixoto fai do rural o seu ámbito de traballo, o espazo onde sintetizar un Portugal tradicional con outro contemporáneo. Lugares que asisten á perda masiva de poboación fronte ás grandes cidades. Así, a súa novela ‘Galveias’ (2016), editada en castelán por Random House, céntranse nesa chamada de atención sobre unha realidade que adoita estar presente na súa obra dende ‘Ninguén nos mira’ (2001), o seu debut na escrita, e que lle valeu o premio José Saramago ata o seu derradeiro libro, ‘No teu ventre’ (2017), no que a partir das aparicións da Virxe de Fátima vólvense a plantexar diferentes trazos da idiosincrasia portuguesa
Viren as costas cara Portugal e cara a súa literatura, tan diversa como bulideira nestes tempos nos que o arrecendo portugués está indo máis alá dunha moda pasaxeira nunha guía de turismo, converténdose nun solido alicerce cultural hoxe.




Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda (17/12/2017. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo


Ningún comentario:

Publicar un comentario