luns, 9 de abril de 2018

Fellini. En busca de si mesmo

Vintecinco anos despois do seu pasamento a obra de Federico Fellini continúa mantendo afouta toda a enerxía vital coa que foi creada. Un lúcido mundo entre o real e o irreal que foi medrando nas súas posibilidades á medida que o director italiano ía buscándose a si mesmo en cada un dos seus filmes. O seu alter ego Marcello Mastroianni converteuse nunha prolongación súa na pantalla, mentres, fóra dela, as súas amizades con directores como Ettore Scola e o seu eterno amor con Giulietta Masina, fixeron da súa figura unha das grandes señas de identidade do cinema italiano.


En 1939, con apenas 19 anos, Federico Fellini deixa a súa natal cidade de Rímini, na costa do Adriático, para petar na porta dun bisemanario humorístico, ‘Marco Aurelio’, en Roma, no que colaborará ata 1942. Alí chegou cunha carpeta baixo o brazo chea de debuxos, unha afición que nunca deixaría e que serviría de base para moitos dos seus proxectos cinematográficos. Aqueles debuxos foron a súa entrada na cidade de Roma, á que estivo tan vencellado e que se converteu no gran plató do seu cine, co permiso do mítico Estudio 5 de Cinecittá, pero sobre todo foi a gran inspiración para o seu traballo a partir do coñecemento dos seus habitantes e como tubo de ensaio para coñecer os comportamentos do ser humano.
Daquela redacción, marcada por tentar evitar as censuras do fascismo de Mussolini, xurdiron moitas cousas que serían de proveito para aquel rapaz. As amizades alí feitas ábrenlle as portas para traballar no mundo do cine, na construción de gags. Tamén vería como uns anos despois outro mozo que tamén chegaba de fóra de Roma, chamado Ettore Scola, seguía os seus pasos para entrar no mundo da cultura de Roma. Tamén debuxante e despois cineasta, a súa amizade tivo nos paralelismos das súas vidas un elo irrenunciábel ao que contribuiu outra amizade común e que xerou un dos grandes triángulos do cinema mundial coa presenza entre eles do actor Marcello Mastroianni. Con aquela entrada no cine Federico Fellini colabora como guionista en dous dous monumentos do cinema italiano, ‘Roma, ciudad abierta’ e ‘Paisá’, na que filma algúns planos, ambas de Roberto Rossellini, un director ao que o propio Fellini considerou a súa primeira inspiración no mundo da imaxe. Meses antes coñeceu á que sería a súa inseparábel muller ata a súa morte, e a protagonista de moitos dos seus filmes, a actriz Giulietta Massina.
En 1950 comeza a súa andaina como director con ‘Luces de Variedades’, codirixida con Alberto Lattuada, pero dous anos despois xa podemos falar do seu primeiro traballo en solitario con ‘O xeque branco’, protagonizada por Alberto Sordi, a ela seguiralle ‘Los inútiles’ (1953), que se converteu nunha obra moi aplaudida pola crítica que comezaba a entender unha poética diferente ao acostumado Neorrealismo nas súas imaxes,e  valorou moito o emprego da música, que viña da man de Nino Rota, outro dos compañeiros de viaxe (ata 17 bandas sonoras dirixiu para el) dos que se rodeu Federico Fellini ao longo da súa vida. Abrirase a partir de aquí unha especie de triloxía con ‘La Strada’ (1954), ‘Almas sen conciencia’ (Il Bidone, 1955) e ‘As noites de Cabiria’ (1957), coas que se comeza a poñer en crise os postulados do Neorrealismo e asoman algunhas das teimas do cine de Federico Fellini como é o achegamento a coñecer os problemas do ser humano, e sobre todo dun mal que el percibía, como era a soidade na que este víase envolto no seu tempo. Así comezaban a aparecer moitos personaxes marxinais, moitos deles inspirados nas vidas de romanos anóninos e que Federico Fellini coñecía grazas ao seu insomnio, que enganaba conducindo pola noite romana co seu coche e subindo a el a persoas que atopa e ás que lles preguntaba pola súa vida e experiencias. Aqueles protagonistas non entusiasmaban precisamente aos productores das súas películas que cando leron o guión de ‘As noites de Cabiria’ dixéronlle ao director: «Sexamos francos. Fixeches un filme sobre vagabundos e homosexuais, e logo sobre xitanos, sobre imbécis, e outro sobre estafadores. Querías facer un sobre mulleres tolas. E agora ves cun argumento sobre prostitutas. Pregúntome sobre que versará o seguinte». Ao que Fellini secamente contestoulle: «Sobre productores».
E é que o cine de Federico Fellini comezou a ser habitado por toda unha serie de personaxes singulares, seres que xurdían da realidade pero tamén da pegada onírica que cada vez ía estando máis presente no seu cinema. Soños e melancolías que se daban a man como gran representación do teatro do mundo. Para Fellini todo era unha gran representación, e moitos dos seus traballos recrean proxectos creativos do cine, do teatro, do circo e a loita con esas narrativas dende a complexidade do ser humano. Explórase a creación, indágase sobre a ilusión do espectáculo pero sempre dende unha forte posición autoral como foi a súa. Poucos directores teñen unha pegada tan forte, tan persoal como a que Fellini lle imprime aos seus traballos. E aí é cando precisa de estar el mesmo dentro da pantalla, formar parte desa outra realidade que é a que el mesmo crea. Esa presenza non podería ter mellor materialización que na figura de Marcello Mastroianni, o seu alter ego en moitos filmes, e a súa conexión física cos seus soños, recordos, obsesións ou frustracións.
En 1958 o cinema italiano asistiu ao seu gran esplendor nunha Italia que vivía un resurxir económico tralos efectos da II Guerra Mundial. As rúas de Roma estaban cheas de estrelas de cine. Os cafés da Vía Venetto eran un fervedoiro de actores, actrices, xornalistas e fotógrafos. Aínda máis cando Hollywood serviuse dos Estudios de Cinecittá para filmar obras como ‘Quo Vadis’ ou ‘Ben-Hur’. Aquel ambiente fixo que Federico Fellini naqueles cafés comezara a escribir o guión de ‘A dolce vita’ (1960), un mundo de praceres e excesos que non deixa de falar dunha certa decadencia do ser humano. Personaxes que fan dese pracer un camiño para chegar a unha felicidade que nunca conquiren.Unha sociedade do espectáculo salpicada polos flashes dos fotógrafos que buscan reflectir todas esas miserías.
Ademais de para esa propia función do relato ‘A dolce vita’ sírvelle a Fellini para rachar coa narratividade do seu cine, para traballar por bloques, episodios que rexistran diferentes escenarios. Éxito y escándalo danse a man e o director acude a un psicoanalista que o introduce no mundo das teorías de Jung, afastándose das frustracións freudianas e dando saída a todo un mundo do inconsciente que pode agochar todo un universo de imaxinacións. Dúas películas levarano a plantexar estas cuestións, dende o punto de vista masculino ‘Fellini 8 y medio’ (1963) e dende o feminino ‘Giulietta de los espíritus’ (1965). Dúas películas riquísimas e totalmente persoais. A primeira válelle para conseguir o seu terceiro Oscar á mellor película estranxeira, tras acadar dous por ‘La Strada’ e ‘As noites de Cabiria’, respectivamente, e quedándolle aínda un por gañar con ‘Amarcord’ (1973) e outro honorífico a toda a súa carreira en 1993, o ano da súa morte. Meses despois falecerá a súa compañeria Giulietta Massina.
Fellini había chegado co seu cine, e con esa nova percepción do mundo dos soños, ao que el mesmo definía como «un punto de encontro entre ciencia e maxia, entre racionalidade e fantasía». ‘Satiricón’ (1969), ‘Os clowns’ (1970) e ‘Roma’ (1972) serán os seus seguintes filmes. Virá despois a aclamada internacionalmente ‘Amarcord’, na que proxecta os seus recordos de infancia, un relato colectivo dunha vila provinciana chea de desexos adolescentes. ‘El Casanova’ (1976) ‘Ensaio dunha orquestra’ (1978) e ‘A cidade das mulleres’ (1980) anuncian o fin do seu cinema que chegará con ‘E a nave vai’ (1983), ‘Ginger e Fred’ (1985) e ‘A voz da luna’ (1990).
Quizais podamos empregar a mesma evocación que o seu amigo Ettore Scola fixo no seu filme ‘Qué estraño chamarse Federico’, (na que evoca a figura de Fellini e o seu cinema, así como a relación entre ambos) para rematar esta aproximación á vida e á obra de Federico Fellini. Alí cando milleiros de italianos pasan durante tres días ante o cadaleito do director, ubicado no Estudio 5 de Cinecittá custodiado por dous carabinieris, este fuxe entre os presentes e é perseguido por eses policias, mentres, pola pantalla desfila todo ese imaxinario de personaxes co que o seu talento nos agasallou. Ver a vida subido a un carrusel ou sentado nunha cadeira fronte a unha praia, como as do seu Rímini natal, seguramente sexa o mellor para rematar. Unha mirada á pureza da vida, á inocencia que os anos van pervertindo e ante a que só estamos nós, na procura dun mesmo.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 18/02/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario