Vintecinco anos
despois do seu pasamento a obra de Federico Fellini continúa
mantendo afouta toda a enerxía vital coa que foi creada. Un lúcido
mundo entre o real e o irreal que foi medrando nas súas
posibilidades á medida que o director italiano ía buscándose a si
mesmo en cada un dos seus filmes. O seu alter ego Marcello
Mastroianni converteuse nunha prolongación súa na pantalla,
mentres, fóra dela, as súas amizades con directores como Ettore
Scola e o seu eterno amor con Giulietta Masina, fixeron da súa
figura unha das grandes señas de identidade do cinema italiano.
En 1939, con apenas 19
anos, Federico Fellini deixa a súa natal cidade de Rímini, na costa
do Adriático, para petar na porta dun bisemanario humorístico,
‘Marco Aurelio’, en Roma, no que colaborará ata 1942. Alí
chegou cunha carpeta baixo o brazo chea de debuxos, unha afición que
nunca deixaría e que serviría de base para moitos dos seus
proxectos cinematográficos. Aqueles debuxos foron a súa entrada na
cidade de Roma, á que estivo tan vencellado e que se converteu no
gran plató do seu cine, co permiso do mítico Estudio 5 de
Cinecittá, pero sobre todo foi a gran inspiración para o seu
traballo a partir do coñecemento dos seus habitantes e como tubo de
ensaio para coñecer os comportamentos do ser humano.
Daquela redacción,
marcada por tentar evitar as censuras do fascismo de Mussolini,
xurdiron moitas cousas que serían de proveito para aquel rapaz. As
amizades alí feitas ábrenlle as portas para traballar no mundo do
cine, na construción de gags. Tamén vería como uns anos despois
outro mozo que tamén chegaba de fóra de Roma, chamado Ettore Scola,
seguía os seus pasos para entrar no mundo da cultura de Roma. Tamén
debuxante e despois cineasta, a súa amizade tivo nos paralelismos
das súas vidas un elo irrenunciábel ao que contribuiu outra amizade
común e que xerou un dos grandes triángulos do cinema mundial coa
presenza entre eles do actor Marcello Mastroianni. Con aquela entrada
no cine Federico Fellini colabora como guionista en dous dous
monumentos do cinema italiano, ‘Roma, ciudad abierta’ e ‘Paisá’,
na que filma algúns planos, ambas de Roberto Rossellini, un director
ao que o propio Fellini considerou a súa primeira inspiración no
mundo da imaxe. Meses antes coñeceu á que sería a súa inseparábel
muller ata a súa morte, e a protagonista de moitos dos seus filmes,
a actriz Giulietta Massina.
En 1950 comeza a súa
andaina como director con ‘Luces de Variedades’, codirixida con
Alberto Lattuada, pero dous anos despois xa podemos falar do seu
primeiro traballo en solitario con ‘O xeque branco’,
protagonizada por Alberto Sordi, a ela seguiralle ‘Los inútiles’
(1953), que se converteu nunha obra moi aplaudida pola crítica que
comezaba a entender unha poética diferente ao acostumado
Neorrealismo nas súas imaxes,e valorou moito o emprego da
música, que viña da man de Nino Rota, outro dos compañeiros de
viaxe (ata 17 bandas sonoras dirixiu para el) dos que se rodeu
Federico Fellini ao longo da súa vida. Abrirase a partir de aquí
unha especie de triloxía con ‘La Strada’ (1954), ‘Almas sen
conciencia’ (Il Bidone, 1955) e ‘As noites de Cabiria’ (1957),
coas que se comeza a poñer en crise os postulados do Neorrealismo e
asoman algunhas das teimas do cine de Federico Fellini como é o
achegamento a coñecer os problemas do ser humano, e sobre todo dun
mal que el percibía, como era a soidade na que este víase envolto
no seu tempo. Así comezaban a aparecer moitos personaxes marxinais,
moitos deles inspirados nas vidas de romanos anóninos e que Federico
Fellini coñecía grazas ao seu insomnio, que enganaba conducindo
pola noite romana co seu coche e subindo a el a persoas que atopa e
ás que lles preguntaba pola súa vida e experiencias. Aqueles
protagonistas non entusiasmaban precisamente aos productores das súas
películas que cando leron o guión de ‘As noites de Cabiria’
dixéronlle ao director: «Sexamos francos. Fixeches un filme sobre
vagabundos e homosexuais, e logo sobre xitanos, sobre imbécis, e
outro sobre estafadores. Querías facer un sobre mulleres tolas. E
agora ves cun argumento sobre prostitutas. Pregúntome sobre que
versará o seguinte». Ao que Fellini secamente contestoulle: «Sobre
productores».
E é que o cine de
Federico Fellini comezou a ser habitado por toda unha serie de
personaxes singulares, seres que xurdían da realidade pero tamén da
pegada onírica que cada vez ía estando máis presente no seu
cinema. Soños e melancolías que se daban a man como gran
representación do teatro do mundo. Para Fellini todo era unha gran
representación, e moitos dos seus traballos recrean proxectos
creativos do cine, do teatro, do circo e a loita con esas narrativas
dende a complexidade do ser humano. Explórase a creación, indágase
sobre a ilusión do espectáculo pero sempre dende unha forte
posición autoral como foi a súa. Poucos directores teñen unha
pegada tan forte, tan persoal como a que Fellini lle imprime aos seus
traballos. E aí é cando precisa de estar el mesmo dentro da
pantalla, formar parte desa outra realidade que é a que el mesmo
crea. Esa presenza non podería ter mellor materialización que na
figura de Marcello Mastroianni, o seu alter ego en moitos filmes, e a
súa conexión física cos seus soños, recordos, obsesións ou
frustracións.
En 1958 o cinema
italiano asistiu ao seu gran esplendor nunha Italia que vivía un
resurxir económico tralos efectos da II Guerra Mundial. As rúas de
Roma estaban cheas de estrelas de cine. Os cafés da Vía Venetto
eran un fervedoiro de actores, actrices, xornalistas e fotógrafos.
Aínda máis cando Hollywood serviuse dos Estudios de Cinecittá para
filmar obras como ‘Quo Vadis’ ou ‘Ben-Hur’. Aquel ambiente
fixo que Federico Fellini naqueles cafés comezara a escribir o guión
de ‘A dolce vita’ (1960), un mundo de praceres e excesos que non
deixa de falar dunha certa decadencia do ser humano. Personaxes que
fan dese pracer un camiño para chegar a unha felicidade que nunca
conquiren.Unha sociedade do espectáculo salpicada polos flashes dos
fotógrafos que buscan reflectir todas esas miserías.
Ademais de para esa
propia función do relato ‘A dolce vita’ sírvelle a Fellini para
rachar coa narratividade do seu cine, para traballar por bloques,
episodios que rexistran diferentes escenarios. Éxito y escándalo
danse a man e o director acude a un psicoanalista que o introduce no
mundo das teorías de Jung, afastándose das frustracións freudianas
e dando saída a todo un mundo do inconsciente que pode agochar todo
un universo de imaxinacións. Dúas películas levarano a plantexar
estas cuestións, dende o punto de vista masculino ‘Fellini 8 y
medio’ (1963) e dende o feminino ‘Giulietta de los espíritus’
(1965). Dúas películas riquísimas e totalmente persoais. A
primeira válelle para conseguir o seu terceiro Oscar á mellor
película estranxeira, tras acadar dous por ‘La Strada’ e ‘As
noites de Cabiria’, respectivamente, e quedándolle aínda un por
gañar con ‘Amarcord’ (1973) e outro honorífico a toda a súa
carreira en 1993, o ano da súa morte. Meses despois falecerá a súa
compañeria Giulietta Massina.
Fellini había chegado
co seu cine, e con esa nova percepción do mundo dos soños, ao que
el mesmo definía como «un punto de encontro entre ciencia e maxia,
entre racionalidade e fantasía». ‘Satiricón’ (1969), ‘Os
clowns’ (1970) e ‘Roma’ (1972) serán os seus seguintes filmes.
Virá despois a aclamada internacionalmente ‘Amarcord’, na que
proxecta os seus recordos de infancia, un relato colectivo dunha vila
provinciana chea de desexos adolescentes. ‘El Casanova’ (1976)
‘Ensaio dunha orquestra’ (1978) e ‘A cidade das mulleres’
(1980) anuncian o fin do seu cinema que chegará con ‘E a nave vai’
(1983), ‘Ginger e Fred’ (1985) e ‘A voz da luna’ (1990).
Quizais podamos
empregar a mesma evocación que o seu amigo Ettore Scola fixo no seu
filme ‘Qué estraño chamarse Federico’, (na que evoca a figura
de Fellini e o seu cinema, así como a relación entre ambos) para
rematar esta aproximación á vida e á obra de Federico Fellini. Alí
cando milleiros de italianos pasan durante tres días ante o
cadaleito do director, ubicado no Estudio 5 de Cinecittá custodiado
por dous carabinieris, este fuxe entre os presentes e é perseguido
por eses policias, mentres, pola pantalla desfila todo ese imaxinario
de personaxes co que o seu talento nos agasallou. Ver a vida subido a
un carrusel ou sentado nunha cadeira fronte a unha praia, como as do
seu Rímini natal, seguramente sexa o mellor para rematar. Unha
mirada á pureza da vida, á inocencia que os anos van pervertindo e
ante a que só estamos nós, na procura dun mesmo.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 18/02/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario