Oito edicións do
Festival de Poesía PontePoética. Oito anos escoitando o latexar da
poesía repicando entre as pedras de Pontevedra. Beizóns aos poetas,
beizóns aos organizadores, Ateneo de Pontevedra e Concello de
Pontevedra, e a todos os que axudan para que a poesía forme parte de
nós dun xeito máis intenso do que é habitual cando collemos un
libro nas mans.
Dende hoxe e ata o
domingo as palabras soarán en diferentes linguas para rexistrar unha
mesma emoción. A da palabra que xorde da alma, a palabra que se
converte en rexistro do ser humano, a palabra que, como deixou fixado
Luis García Montero nunha edición anterior deste certame, precísase
como «un axuste de contas coa realidade». Abofé que si, que
necesitamos axustar contas con esta sociedade na que nos movemos as
veces entre tanta lama, entre tanta sucidade. A poesía é un
respiradoiro, a posibilidade de facer da mente un territorio para
coñecernos e recoñecernos, para tender pontes cara esa realidade
que en tantas ocasións nos abafa e esgota.
E para pontes,
Pontevedra, a vila que medrou paseniño a carón do Lérez,
enchoupada na cultura ao longo da súa historia, e que agora fai da
recuperación de rúas e espazos públicos un canto á vida e ao ser
humano como medida de tódalas cousas realmente importantes da vida.
Neste abril que comeza a florecer acariñado por un sol que se botaba
tanto en falla, é o mellor tempo para a poesía, para mergullarse
nela entre as xornadas do bulideiro Salón do Libro Infantil e
Xuvenil e ledos ante a chegada do Día do Libro, o vindeiro luns,
coas nosas librerías xuntiñas, promovendo a visita dos lectores aos
seus interiores tan fermosos coma necesarios.
Estamos, polo tanto,
ante días especiais. Días que fan medrar a unha cidade. Días de
pontes, poesías, flores e libros. Un edén que segue a facer desta
cidade unha referencia en Galicia e máis alá, e á que chegarán
poetas de Cataluña, País Vasco, Portugal, Francia, Irlanda ou
Galicia co veludo da poesía como bandeira e fío común. Cando hoxe
se levante o pano no Teatro Principal e Manuel Rivas, Filipa Leal,
Elías Portela e María Xosé Queizán protagonicen o primeiro
recital do ciclo dirixido por outra gran poeta, Yolanda Castaño,
sentiremos como a palabra nos constrúe como se foramos pontes con
firmes piares capaces de suxeitarnos en pé, afoutos, fronte á
corrente da vida.
Non perdan a ocasión
de compartir a experiencia de sentirse ouvintes da poesía e, a
través dos poetas galegos, Manuel Rivas, Elías Portela, María Xosé
Queizán e Miriam Ferradáns, tomarlle o pulso á nosa, á que está
bulindo dun xeito como había anos que non pasaba, con novos nomes,
con mozos e mozas abraiantes, con novos proxectos editoriais como
Apiario ou Chan da Pólvora que están a poñer en circulación todo
o noso potencial creativo dende a poesía, algo que é parte da nosa
propia historia de escritores xigantes que estarían ben orgullosos e
orgullosas das nosas poesías, das nosas pontes, desta PontePoética.
Publicado no Diario de Pontevedra 20/04/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario