Rue Saint-Antoine nº 170
Poesía ▶ O
acto de entrega do VI Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey serviu para
premiar o poemario ‘Corpo’ de Antón Lopo, pero tamén para que o
editor do poemario, Manuel Bragado, despois do anuncio da súa marcha
da Editorial Xerais, recibise o agradecemento dos presentes polo seu
labor a prol da cultura e de apoio a este galardón.
O MULTIUSOS DE Fornelos
de Montes, concello natal do poeta Manuel Lueiro Rey, foi onte unha
cerna de emocións a carón da poesía, a carón da cultura de
Galicia. A entrega do VI Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, que
serviu para lembrar os cincuenta anos da primeira edición completa
da novela ‘Manso’, publicada, tal e como a concebiu o autor, en
1968 en Bos Aires, permitiu a Antón Lopo recoller o premio como
gañador co poemario ‘Corpo’, servindo o acto, tamén, para a
presentación pública do libro editado, un ano máis, por Xerais.
Esta editorial, en
plena convusión pola decisión coñecida esta semana do seu director
durante case 25 anos, Manuel Bragado, de deixar o seu cargo, acadou
un protagonismo inesperado tan só uns días antes e despois de que
se coñecese esa decisión ao propiciar o aplauso unánime, o
primeiro dos moitos que chegarán nos próximos días á súa figura,
moito máis alá que a dun editor sendo un traballador arreo por
moitas causas da nosa cultura. Unha delas é a coñecida como ‘Causa
Lueiro’, que dende hai uns anos vén a poñer en valor a esta
figura comprometida co ser humano dende o seu amplo labor literario
que vai do xornalismo á narrativa pasando pola poesía. O editor
recibiu de mans do alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage e da
mantedora do acto, Carme Carreiro, e fronte a unha sala chea de
público, coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra,
Carmela Silva, unha placa polo apoio a este premio. A ovación dos
presentes fixo que ese agradecemento se espallase por moitos máis
eidos de traballo do puramente editorial.
As actuacións musicais
de Cintaadhesiva e de Tino Baz enmarcaron un acto no que o
protagonista era ese poemario, ‘Corpo’, que para o seu autor foi
unha inmensa felicidade escribilo cando se cumplían trinta anos do
seu primeiro poemario, agardando que esa felicidade se transmita aos
lectores. Manuel Bragado calificou o poemario de «peza fulcral
dentro da traxectoria do autor pola súa plenitude textual» e onde
«a palabra adquire textura, adquire intervalo».
Ese senso de intervalo
é fundamental á hora de achegarse a este texto. O corpo é a noda,
ese espazo intermareal, que cando baixa a marea queda ao descuberto,
e noutros momentos totalmente asolagado. Así os poemas sucédense
como xeografías físicas, pero tamén corporais, para converterse en
tránsito fronteirizo coa poesía como afoutada canle de expresión.
«Os recordos son o noso corpo», plantexou no seu discurso de
agradecemento Antón Lopo. De novo o territorio limiar entre pasado e
presente. Momento de sucar na memoria, de lembrar a Manuel Lueiro, do
seu compromiso e traballo nun xornal pontevedrés tan singular
como o republicano e galeguista ‘El País’, tamén a Herminio
Barreiro que lle abriu as fiestras á obra de Manuel Lueiro, para
despois lembrar os seus propios tempos de xornalismo xunto a Carme
Vidal, parte tamén desta paisaxe natural de Fornelos de Montes, pero
que a emoción converteu en intimidade dunha paisaxe enchoupada xa
por unha chuvia mansa que permitía deixar pegadas no chan. Como as
pegadas na area. «A historia é transitoria pero transmisible»,
dixo o poeta antes de recitar varias das composicións da primeira
parte deste poemario, que son moitos, por ese carácter fragmentario.
As crebas que o tempo deixa na costa, que deixa en nós, tamén
concebidas como restos de nós mesmos que alí, naquel espazo
estabamos a compartir como un momento único e
irrepetible antes de que o tempo o anegue co seu manto invisible.
Pero a palabra permanecerá sempre coma fío, coma emoción, coma
xeito de deter o tempo porque, como dixo o poeta: «Este momento é
irrepetible nunca voltaremos ter esta mirada».
Publicado no Diario de Pontevedra 16/04/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario