Familiares das vítimas na inauguración do Bosque da Memoria en Figueirido (Vilaboa). Foto: Rafa Fariña. |
España
e Cambodia xuntas nun listado a nivel mundial. E pensarán vostedes
que é o que pode arrexuntar a un país que se ten como do primeiro
mundo, no que os nosos gobernantes peléxanse por darnos cifras que
amosen a súa afouteza fronte ao orbe, e outro, un ausente, para nós,
país do sudeste asiático. Pois agárrense que vai o dato: Cambodia
e España lideran a táboa de países cun maior número de
desaparecidos en foxas comúns. En España hai máis de 115.000
vítimas do réxime franquista neses enterramentos anónimos e
vergoñentos para calquera país que se teña como civilizado. Este
dato, que é unha labazada a todos nós como sociedade, leva dando
voltas na miña cabeza dende que o vin hai un par de días no libro
que Ian Gibson vén de publicar, ‘El asesinato de García Lorca’,
a piques de cumprirse os 120 anos do nacemento do poeta granadino.
É
probábel que Federico García Lorca sexa o máis coñecido de todas
esas persoas, pero tanto el como a máis descoñecida das demais
vítimas son merecedoras da nosa dignidade como colectivo, como
sociedade madura que non o será nunca ata que a súa memoria, as
súas memorias, sexan recuperadas como merecen.
Outra
vez coa memoria histórica! Pensarán algúns, e aquí me deixo levar
por unha das moitas frases xeniais que Manuel Rivas nos ofrece no seu
libro ‘Contra todo esto’ (editado por Alfaguara e que
próximamente publicará Xerais en galego): «Que futuro lle
deixaremos aos nosos devanceiros». Un libro no que Manuel Rivas
apela ao goberno para que simplemente cumpra as leis. Dez anos dunha
Lei de Memoria Histórica ignorada, así como un recente informe da
ONU no que se lle pide a España que cumpra os tratados que ten
firmados para a reparación das vítimas.
Pero
o noso Goberno ponse de costas a esta realidade e dá vergoña ver a
Mariano Rajoy na Arxentina nunha homenaxe ás vítimas da Ditadura
daquel país, nun Parque da Memoria, mentres esquece as do seu. Como
de costas está todo un Goberno que ve como é o poder xudicial o que
tenta arranxar as cousas, iso si, cos seus tempos de tartaruga en
terra. Ese poder xudicial é o que vén de ordenar a recuperación de
dous corpos nesa gran foxa de esplendor fascista que é o ‘Valle de
los Caídos’ ou o que en Madrid permitirá o cambio de nomes
vencellados ao franquismo no rueiro da capital.
E
xunto á xustiza o pobo, o pobo que ten que ser quen máis ordea (que
ben soa isto nun 25 de abril) e que dá en moitos lugares resposta á
indignidade de tantos. Así é como dous feitos estes días son
semente de dignidade e o camiño a seguir para tentar normalizar un
país que, lonxe de abrir feridas (outro territorio común da
dereita), o que ten que facer dunha vez por todas é pechalas.
Vilaboa e A Pobra do Brollón irmandadas, non como España e
Cambodia, senón no orgullo que conleva honrar a memoria dos seus. O
pasado sábado inaugurouse o ben chamado Bosque da Memoria en
lembranza dos presos do cárcere franquista que funcionou en
Figueirido entre 1936 e 1943, inzado polo colectivo de defensa da
Memoria Histórica A Regaduxa. Un bosque que virá a substituír os
laios e as bágoas polo axóuxere das súas follas movidas polo vento
da liberdade e que se sufragou coa venda do libro ‘Non des a
esquecemento’, de Luís Bará, no que se recollen moitas historias
da represión franquista.
Unha
semana despois dese acto, na Casa da Cultura da Pobra do Brollón, os
restos de José Rodríguez Silvosa e Ramón Somoza Álvarez serán
devoltos aos seus familiares. Ambos foron asasinados, tras pasar,
despois do golpe, dous anos agochados no monte, e recuperados grazas
ao labor da ‘Asociación por la Recuperación de la Memoria
Histórica’. Eles, como Lorca, e tantos miles de nomes, precisan
dun país que os recobre dende a semente que é a memoria. Unha
semente de dignidade.
Publicado en Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 25/04/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario