O extraordinario
traballo dos actores da serie ‘Fariña’ convértese nun orgullo
para todos nós e explica moito do éxito desta produción
Varios dos actores da serie 'Fariña' na súa rodaxe en Pontevedra (Gonzalo García) |
Rematou ‘Fariña’ e
xusto sete días despois dese espectacular capítulo final aínda
seguen no aire as sensacións que a serie deixou entre nós. Que toda
España se asomase a uns feitos dos que non nos podemos sentir
orgullosos como sociedade que os acolleu ten que servir de terapia
para o propio país, para facer da memoria daqueles anos unha
lembranza irrenunciábel do que aconteceu, e merece unha reflexión
sobre como toda unha comarca se mergullou nun escenario que tiña
bastante de película, pero que ao fin e ao cabo se converteu nun
inferno para moitas familias que viron como moitos dos seus
compoñentes esnaquizaron a súa vida pola acción de todos estes
indesexábeis. O libro de Nacho Carretero no que se basea esta
produción televisiva remata cunha frase que nos obriga, tanto como
lectores do libro como espectadores da serie, a que «Non se debe
esquecer o que aínda non rematou». Obriga, polo tanto, a manter
vivos uns tempos nos que demasiadas veces mirabamos cara outro lado e
que aínda hoxe, ao coller o xornal, lévanos a decatarnos da
realidade desa afirmación, xa que as bandas do narcotráfico seguen
a actuar en diferentes puntos da península entre os que Galicia
segue a ser un dos seus epicentros, os Charlines veñen de levar unha
malleira na súa propia casa e temos ao gran protagonista da serie,
Sito Miñanco, entrando e saíndo de cárceres e xulgados.
Se daqueles feitos non
nos podemos sentir orgullosos, do que si o podemos facer, e ben
forte, é do traballo dos nosos actores, que son un dos puntos
sobranceiros da serie e do seu éxito. Un elenco actoral cuxa
selección foi ben atinada, en primeiro lugar por confiar en moitos
dos nomes que levan anos a traballar na interpretación e, por outro,
por outorgarlles un papel protagonista, non deixándoos como meros
figurantes xunto a actores recoñecidos a nivel nacional pero
afastados da nosa identidade, un elemento esencial á hora de
achegarse a aqueles feitos. Todos eles e elas fan un impresionante
exercicio que amosa as súas capacidades, as mesmas que contemplamos
en diferentes traballos do audiovisual galego, en representacións
teatrais ou noutro tipo de interpretacións que non tiveron este
altofalante mediático que supón traballar nunha serie a nivel
nacional e con moitos recursos, e o que é aínda máis importante,
sendo ben investidos nun produto de calidade.
Morris, Carlos Blanco,
Manuel Lourenzo ou Isabel Naveiras, por citar algúns dos que máis
me impactaron, dentro do altísimo nivel de todos os participantes,
deixaron ben claro que poden afrontar calquera reto e meterse na pel
de quen se lles poña por diante. ‘Fariña’ constatou que xunto a
Luis Tosar ou Javier Gutiérrez, hai toda unha constelación de
actores que converten a Galicia en potencia neste campo. Moitas
veces os temos visto en traballos que non tiñan este lustre.
Proxectos que, sobre todo na Televisión de Galicia, tiñan un punto
desventurado en canto ao propósito, pero que os actores eran quen
sempre de soster e sacar adiante. Agora, con este marabilloso produto
que Antena 3, a través da productora Bambú (tamén de esencias
galegas), puxo en circulación, todos eles libéranse de atrancos e
brillan dun xeito descomunal e fan que esteamos orgullosos dos nosos,
deses que durante tempo nos levan acompañando nun entretemento
indispensábel para poder sobrevivir e para seguir facendo cultura,
da que todos eles son boa parte. Cultura que hoxe, a carón do Día
de Letras Galegas, supón tamén, dende as súas interpretacións,
algo ben importante que celebrar por todos nós.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 16/05/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario