Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura.
Inesgotábel a paisaxe como xénero pictórico, Julio Sarramián,
propón unha volta sobre as súas posibilidades plásticas. Unha
espectacular exposición no Espazo Nemonon reflicte esa nova
intencionalidade de facer da paisaxe un encontro entre o seu valor
máis tradicional e o que as transformacións de hoxe poden
peneirar nel.
Explorar a paisaxe
entendela e reasumila dende unha nova percepción é a engaiolante
aventura que afronta en cada cadro Julio Sarriamián. Percorrer o
espazo Nemonon é comezar, tamén, ao seu carón, unha aventura por
un territorio, ou territorios que, aínda que perceptibles, por todos
nós, vincúlannos a unha certa sensación de estrañeza. Unha
alteridade da realidade, ou mellor dito da nosa visión da realidade
que ten a súa explicación cando coñecemos o método empregado por
Julio Sarriamián por escoller os seus motivos.
Esa escolla vencella as
súas paisaxes ás novas tecnoloxías, as ferramentas que acostumamos
manexar hoxe en día tamén para visitar diferentes recantos do
mundo. O pintor escolle no Google Earth un lugar do planeta que será
o motivo do seu cadro, o título, xa vén dado polas súas
coordenadas xeográficas, que nós tamén podemos buscar nos nosos
dispositivos tecnolóxicos para darnos conta da realidade que
interpreta Julio Sarriamián e que nas súas pinturas amósanse como
fascinantes dando conta das súas calidades pictóricas. A paisaxe
así xorde como unha confluencia de situacións e percepcións que
van dende a pura tradición artística ata as novas transformacións
filosóficas, científicas ou sociais que, ao longo das últimas
décadas, modificaron o noso contexto, tamén a nosa forma de mirar a
unha natureza que con anterioridade case sempre se facía dun xeito
virxinal, bucólico, se o queremos dicir así, pero agora, cunha
óptica más vil, a paisaxe é unha sublimación da nosa sociedade.
Máis fermosa, sen dúbida, pero tamén moito máis afectada pola
nosa insensibilidade con ela.
As paisaxes de Julio
Sarramián desprezan a presenza humana, intelixentemente dalle todo o
protagonismo ao horizonte, á mirada de longa distancia que co ser
humano vese limitada a súa existencia que, paradóxicamente,
demasiadas veces, sendo tan pequena, condiciona e moito, o devir do
medio natural. A paisaxe é unha nova concepción cultural que se
nutre deses novos afluentes. Son as coordenadas dun novo punto de
vista para construír o horizonte, o limiar entre o que somos e o que
non somos, xa que a perda do que vemos sitúanos na nada. Eses
baleiros que xorden do silencio capturado polas paisaxes destes
cadros son tamén unha atinada reflexión sobre o ruido que nós
mesmos facemos para darnos unha importancia que nin moito menos
temos, menos aínda enfrontada a estas inmensidades que nos dan a
medida real do que somos.
É por iso que dialogar
con estas paisaxes, algo que podemos facer ata o vindeiro sábado 26,
aínda que nun primeiro momento non o pareza, ten moito de establecer
un diálogo con nós mesmos, unha maneira de atopar o entorno
axeitado para plantexar unha comunicación interior ao longo do
encontro coa natureza. Unha aventura pictórica coa que Julio
Sarriamián reinventa o horizonte para reinventarnos tamén a nós
mesmos.
Publicado no Diario de Pontevedra 21/05/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario