martes, 22 de maio de 2018

A reinvención do horizonte

Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura. Inesgotábel a paisaxe como xénero pictórico, Julio Sarramián, propón unha volta sobre as súas posibilidades plásticas. Unha espectacular exposición no Espazo Nemonon reflicte esa nova intencionalidade de facer da paisaxe un encontro entre o seu valor máis tradicional e o que  as transformacións de hoxe poden peneirar nel.


Explorar a paisaxe entendela e reasumila dende unha nova percepción é a engaiolante aventura que afronta en cada cadro Julio Sarriamián. Percorrer o espazo Nemonon é comezar, tamén, ao seu carón, unha aventura por un territorio, ou territorios que, aínda que perceptibles, por todos nós, vincúlannos a unha certa sensación de estrañeza. Unha alteridade da realidade, ou mellor dito da nosa visión da realidade que ten a súa explicación cando coñecemos o método empregado por Julio Sarriamián por escoller os seus motivos.
Esa escolla vencella as súas paisaxes ás novas tecnoloxías, as ferramentas que acostumamos manexar hoxe en día tamén para visitar diferentes recantos do mundo. O pintor escolle no Google Earth un lugar do planeta que será o motivo do seu cadro, o título, xa vén dado polas súas coordenadas xeográficas, que nós tamén podemos buscar nos nosos dispositivos tecnolóxicos para darnos conta da realidade que interpreta Julio Sarriamián e que nas súas pinturas amósanse como fascinantes dando conta das súas calidades pictóricas. A paisaxe así xorde como unha confluencia de situacións e percepcións que van dende a pura tradición artística ata as novas transformacións filosóficas, científicas ou sociais que, ao longo das últimas décadas, modificaron o noso contexto, tamén a nosa forma de mirar a unha natureza que con anterioridade case sempre se facía dun xeito virxinal, bucólico, se o queremos dicir así, pero agora, cunha óptica más vil, a paisaxe é unha sublimación da nosa sociedade. Máis fermosa, sen dúbida, pero tamén moito máis afectada pola nosa insensibilidade con ela.
As paisaxes de Julio Sarramián desprezan a presenza humana, intelixentemente dalle todo o protagonismo ao horizonte, á mirada de longa distancia que co ser humano vese limitada a súa existencia que, paradóxicamente, demasiadas veces, sendo tan pequena, condiciona e moito, o devir do medio natural. A paisaxe é unha nova concepción cultural que se nutre deses novos afluentes. Son as coordenadas dun novo punto de vista para construír o horizonte, o limiar entre o que somos e o que non somos, xa que a perda do que vemos sitúanos na nada. Eses baleiros que xorden do silencio capturado polas paisaxes destes cadros son tamén unha atinada reflexión sobre o ruido que nós mesmos facemos para darnos unha importancia que nin moito menos temos, menos aínda enfrontada a estas inmensidades que nos dan a medida real do que somos.
É por iso que dialogar con estas paisaxes, algo que podemos facer ata o vindeiro sábado 26, aínda que nun primeiro momento non o pareza, ten moito de establecer un diálogo con nós mesmos, unha maneira de atopar o entorno axeitado para plantexar unha comunicación interior ao longo do encontro coa natureza. Unha aventura pictórica coa que Julio Sarriamián reinventa o horizonte para reinventarnos tamén a nós mesmos.



Publicado no Diario de Pontevedra 21/05/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario