Rue Saint-Antoine nº 170
Obituario ▶ O
inesperado e demoledor pasamento de Berta Álvarez Cáccamo deixa un
fondo baleiro na nosa pintura que levará tempo recuperar. A súa
obra e vida, vencelladas á facultade de Belas Artes de Pontevedra,
eran dúas referencias de cualidades e calidades que a converteron
nun dos nomes máis interesantes e destacados da plástica.
Berta Cáccamo, no centro, entre as profesoras de Belas Artes e artistas, Ana Soler, Almudena Fernández, Silvia García e Mónica Ortúzar (David Freire) |
Nunca se está
preparado para o desacougo. Nunca o desalento que deixa a ausencia é
unha boa compaña. Na perda dos que valen todos saímos magoados,
danados na alma e na mente. O pasado venres unha nova deixounos nese
estado de impresión que deixa o que non se espera, aquilo que
ademais é irreversibel. A morte de Berta Álvarez Cáccamo (Vigo,
1963-2018), colocounos fronte ao abismo, alí onde ela mesma nos puxo
en tantas ocasións cunha pintura que tiña moito de viaxe cara o
descoñecido, e a posibilidade de situarnos ante un silencio
convertido en trascendencia.
Filla pequena do
escritor Xosé María Álvarez Blázquez e irmá de homes de letras
como José María e Alfonso Álvarez Cáccamo o ambiente cultural no
que se criou prendeu nela, decantándose pola pintura. Ela misma
afirmaba que «a pintura era un instrumento, un medio, e que
perfectamente podía terse expresado con outro medio creativo».
Licenciouse en Belas Artes na Facultade de San Jordi de Barcelona e
acadará o doutoramento na Facultade de Belas Artes de Pontevedra
onde impartirá clase. Dende ben cedo acada becas e recoñecementos e
a súa obra logra o II Premio na XXI Bienal de Arte de Pontevedra.
Dende 1986 sucédense as súas mostras individuais comezando en 1994
a súa colaboración coa galería Trinta, espazo no que fixo a súa
derradeira exposición o pasado ano. En 2016 unha extraordinaria
mostra no CGAC, comisariada por David Barro, plantexou un percorrido
pola súa traxectoria e permitiu a reflexión precisa trinta anos
despois da súa aparición, xunto cos compoñentes do colectivo
Atlántica. Nese 2016 acada o Premio da Cultura Galega de Artes
Plásticas.
No catálogo desa
sobranceira exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea, o
seu comisario afirma nunha frase reveladora: «Trátase de convocar a
memoria das formas, de entrar na materia». Memoria, forma e materia
como vértices dunha obra ubicada sempre no gume da creación, na
interrogación hacia a propia artista, pero tamén no plantexamento
da dúbida permanente pola obra e as súas posibilidades. Un debate
que exerceu de dinamo creativa e conceptual dende unha abstracción
na que o seu valor plástico dominaba por enriba de calquera outra
cuestión. Afirma David Barro que o seu irmán Pepe incitouna a
escribir e a debuxar contos. Poucos cicerones puido ter aquela rapaza
mellores. O destino quixo xuntalos de novo fronte ao abismo, no
remate dunha vida que deixa o futuro e o talento perdido como un gran
berro que resoa entre familiares, amigos e compañeiros. Ese berro
será o que sempre atoparemos ao abrir o seu derradeiro proxecto, en
colaboración con ese home-irmán que a empurrou a facer do mundo
soporte da súa creatividade, acubillo das súas teimas e
reivindicación do compromiso co ser humano. ‘Tinta de luz’,
editado por Chan da Pólvora, espazo e sentimentalidade que se
fixeron fortes na súa vida, como o está sendo na de moitos que
beliscamos na poesía, convértese nese proxecto común nunha
fermosura que nos leva á viaxe (outra vez a concepción do
itinerario), por toda unha riqueza do signo que xa é símbolo. Xogos
de palabras que conflúen na imaxe como insólita e radical liberdade
tanto de poeta coma de pintora.
Outro dos espazos
senlleiros na súa itinerancia foi a pontevedresa facultade de Belas
Artes. Dende o seu labor docente desenvolveu tamén varias incursións
no expositivo dende esa condición de profesora que, como os seus
colegas, plantexaban a loita entre as obrigas funcionariais e a súa
condición de creadoras. Así en 2009 en ‘Ex profeso 1’ forma
parte dunha exposición xunto a varias compañeiras na Sala-X da
propia facultade, e en 2014 dentro do proxecto ‘En plenas
facultades’, participa doutra colectiva no Museo de Pontevedra
xunto a varios colegas do centro académico.
Un burato aberto na
abstracción, un burato aberto na alma de tantos.
Publicado no Diario de Pontevedra 14/05/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario