Non se enganen vostedes
e pensen que Galicia se vertebra a través de ter un banco propio, ou
por un sistema de comunicacións axeitado ao século XXI, ou por unha
política cultural que responda ás necesidades dun país, ou polo
emprego cotiá e apoiado polo seu goberno do galego. Non, non... todo
iso, que aínda está por acadar, palidece cando o comparamos co que
realmente estrutura a sociedade galega de norte a sur ou de este a
oeste, sen fisura algunha, sen unha soa dúbida e camiñando todos
xuntos da man: a cervexa que brota da factoría coruñesa de Estrella
Galicia e que se consome por toda Galicia como un néctar que nos une
a todos nunha mestura de paixón e orgullo.
Paixón por unha
calidade que vemos como medrou co paso do tempo, como esas cervexas
pequeniñas dos anos oitenta, que agora recuperamos visualmente
grazas á serie ‘Fariña’ e que formaron parte do noso proceso de
crecemento. Son moitos os instantes das nosas vidas que se unen a
esas botellas e a esas caixas amerelas co logotipo da marca. Agora as
botellas medraron, ao mesmo tempo que o fixo a empresa, con novas
variedades, como esa 1906 que marca a súa data de nacemento, pero
que ao mesmo tempo é un agasallo dos deuses polo seu sabor. Cada vez
máis asociamos un bo momento a un sabor e a compartilo cos nosos. Un
ámbito, o dos afectos, traballado tamén pola empresa con propostas
para o Samaín, o Nadal ou o Día da Nai.
E orgullo polo que ten
case de bandeira dunha terra, por sentir que unha empresa galega pode
facer ben as cousas ata posicionarse non só no noso territorio,
senón espallarse por toda a xeografía do estado e agora, tamén por
fóra del. Moverse por España, e sentir co paso das horas como medra
a distancia co Atlántico, ten o seu acougo cando un se senta nunha
cadeira co logotipo desta cervexa, pero sobre todo cando a bebe ao pé
da Giralda de Sevilla, ou na Gran Vía de Madrid, e semella regresar,
sen moverse desa cadeira, a unha das nosas prazas de pedra e memoria
ou sente que se atopa nunha praia ollando a liña do horizonte como
se nada máis importase no mundo.
Ese posicionamento
publicitario e mediático que chega a festivais musicais, equipos de
fútbol ou eventos gastronómicos como o salón Gourmet que se está
a celebrar estes mesmos días en Madrid, é un pulo, xa non só a
unha marca e ao seu rendemento económico, senón que tamén reflicte
a toda unha terra como é Galicia. Nese salón vense de celebrar o V
Campeonato Nacional de tiraxe de cervexa, no que un hosteleiro de
Ribadumia, Gustavo Rey, acadou o subcampeonato. Todo un fenómeno en
xestionar cañas que xa levou en 2016 o título. Sempre me chamou a
atención este tipo de certames por coñecer que é o que se valora á
hora de tirar do mellor xeito unha boa caña. Cal é o equilibrio tan
misterioso coma preciso entre o dourado e o branco, entre esa escuma
de paixón e esa bebida de orgullo. Nesa harmonía está o segredo do
que no concurso da vida tamén podemos gozar grazas ao cada vez
mellor facer dos nosos hosteleiros.
A cultura da cervexa
ten en Galicia unha referencia. Bares cada vez máis equipados e
mellor preparados para acadar ese equilibrio e proporcionar un deses
intres que fan o día a día o máis levadeiro posible, tamén as
marcas de cervexa artesanal están a xerar produtos dunha gran
calidade e nos descubren excitantes sabores. Identificámonos coa
nosa cervexa porque bebela significa beber moito do que é unha terra
chea de estrelas que brillan de noite e de día.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo.
Fotografía. Estrella Galicia 9/05/2018
Fotografía. Estrella Galicia 9/05/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario