luns, 14 de maio de 2018

Un burato na abstracción

Rue Saint-Antoine nº 170
Obituario ▶ O inesperado e demoledor pasamento de Berta Álvarez Cáccamo deixa un fondo baleiro na nosa pintura que levará tempo recuperar. A súa obra e vida, vencelladas á facultade de Belas Artes de Pontevedra, eran dúas referencias de cualidades e calidades que a converteron nun dos nomes máis interesantes e destacados da plástica.

Berta Cáccamo, no centro, entre as profesoras de Belas Artes e artistas,
Ana Soler, Almudena Fernández, Silvia García e Mónica Ortúzar (David Freire)

Nunca se está preparado para o desacougo. Nunca o desalento que deixa a ausencia é unha boa compaña. Na perda dos que valen todos saímos magoados, danados na alma e na mente. O pasado venres unha nova deixounos nese estado de  impresión que deixa o que non se espera, aquilo que ademais é irreversibel. A morte de Berta Álvarez Cáccamo (Vigo, 1963-2018), colocounos fronte ao abismo, alí onde ela mesma nos puxo en tantas ocasións cunha pintura que tiña moito de viaxe cara o descoñecido, e a posibilidade de situarnos ante un silencio convertido en trascendencia.
Filla pequena do escritor Xosé María Álvarez Blázquez e irmá de homes de letras como José María e Alfonso Álvarez Cáccamo o ambiente cultural no que se criou prendeu nela, decantándose pola pintura. Ela misma afirmaba que «a pintura era un instrumento, un medio, e que perfectamente podía terse expresado con outro medio creativo». Licenciouse en Belas Artes na Facultade de San Jordi de Barcelona e acadará o doutoramento na Facultade de Belas Artes de Pontevedra onde impartirá clase. Dende ben cedo acada becas e recoñecementos e a súa obra logra o II Premio na XXI Bienal de Arte de Pontevedra. Dende 1986 sucédense as súas mostras individuais comezando en 1994 a súa colaboración coa galería Trinta, espazo no que fixo a súa derradeira exposición o pasado ano. En 2016 unha extraordinaria mostra no CGAC, comisariada por David Barro, plantexou un percorrido pola súa traxectoria e permitiu a reflexión precisa trinta anos despois da súa aparición, xunto cos compoñentes do colectivo Atlántica. Nese 2016 acada o Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas.
No catálogo desa sobranceira exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea, o seu comisario afirma nunha frase reveladora: «Trátase de convocar a memoria das formas, de entrar na materia». Memoria, forma e materia como vértices dunha obra ubicada sempre no gume da creación, na interrogación hacia a propia artista, pero tamén no plantexamento da dúbida permanente pola obra e as súas posibilidades. Un debate que exerceu de dinamo creativa e conceptual dende unha abstracción na que o seu valor plástico dominaba por enriba de calquera outra cuestión. Afirma David Barro que o seu irmán Pepe incitouna a escribir e a debuxar contos. Poucos cicerones puido ter aquela rapaza mellores. O destino quixo xuntalos de novo fronte ao abismo, no remate dunha vida que deixa o futuro e o talento perdido como un gran berro que resoa entre familiares, amigos e compañeiros. Ese berro será o que sempre atoparemos ao abrir o seu derradeiro proxecto, en colaboración con ese home-irmán que a empurrou a facer do mundo soporte da súa creatividade, acubillo das súas teimas e reivindicación do compromiso co ser humano. ‘Tinta de luz’, editado por Chan da Pólvora, espazo e sentimentalidade que se fixeron fortes na súa vida, como o está sendo na de moitos que beliscamos na poesía, convértese nese proxecto común nunha fermosura que nos leva á viaxe (outra vez a concepción do itinerario), por toda unha riqueza do signo que xa é símbolo. Xogos de palabras que conflúen na imaxe como insólita e radical liberdade tanto de poeta coma de pintora.
Outro dos espazos senlleiros na súa itinerancia foi a pontevedresa facultade de Belas Artes. Dende o seu labor docente desenvolveu tamén varias incursións no expositivo dende esa condición de profesora que, como os seus colegas, plantexaban a loita entre as obrigas funcionariais e a súa condición de creadoras. Así en 2009 en ‘Ex profeso 1’ forma parte dunha exposición xunto a varias compañeiras na Sala-X da propia facultade, e en 2014 dentro do proxecto ‘En plenas facultades’, participa doutra colectiva no Museo de Pontevedra xunto a varios colegas do centro académico.
Un burato aberto na abstracción, un burato aberto na alma de tantos.


Publicado no Diario de Pontevedra 14/05/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario