domingo, 27 de xaneiro de 2019

Domingos de felicidade


OS DOMINGOS do Principal cumpren vinte anos. Vinte anos de tardes cheas de sorrisos, de emocións e de momentos inesquecíbeis para moitos nenos que compartiron espectáculos coas súas familias e que doutro xeito, se non se lles ofrecese esa oportunidade, non o farían. Fíxense por un instante na fotografía que acompaña este artigo, unha imaxe da edición de Domingos do Principal do ano 2004. Súmenlle a eses nenos quince anos máis e terán hoxe a un adulto, un adulto que ao mellor é un apaixoado do teatro e da cultura, e que grazas a esta semente da infancia agora ten nestes elementos unha parte importante da súa formación.
Ese é o gran valor deste ciclo, desta idea que vinte anos despois ten que ser valorada como un chanzo fundamental na cultura da cidade. Todos os concelleiros de cultura que dende quen ideou esta proposta, Luis Bará, ata quen ocupa hoxe ese cargo, Carmen Fouces, todos sen excepción, mantiveron ese proxecto como algo irrenunciábel, unha sorte de cuestión de estado que, xunto co Salón do Libro, marca boa parte da aposta cultural da cidade. María Xesús López Escudeiro, Lola Dopico ou Anxos Riveiro forman parte desa secuencia na que o teatro, o teatro para nenos, converteuse nesa achega moitas veces silenciosa pero á que o tempo dalle a súa precisa importancia. Moitas veces pénsase a cultura dende a súa xestión como unha cuestión puntual, unha sorte de xogos de artificio, de accións espectaculares para encher as páxinas dos xornais pero que logo disólvense no tempo e na memoria como a area entre os dedos. O paso destes anos deixou entre a nosa mocidade algo intanxible dende o material, pero que ninguén pode dubidar da súa contribución ao crecemento de toda esa rapazada que hoxe, se falamos dos presentes nas primeiras edicións, xa pertencen máis ao universo dos adultos.
Nesta nova edición serán sete as compañías que se acheguen ata Pontevedra. A primeira delas Nórdika, de Granada, foi a encargada de inaugurar o ciclo a pasada semana, mentes que este domingo será Caramuxo Teatro quen leve á escena ‘Pavillón Lino’. Os seguintes domingos serán Gorakada Teatro (ollo a esta compañía que no 2017 trouxo a este mesmo ciclo unha marabillosa adaptación de Moby Dick), Teatro de sombras, Pérez & Fernández, Trócola Circo e Markeliñe os que voltarán a cumprir co compromiso anual que ten lugar cada principio de ano no Teatro Principal de Pontevedra. Compañías galegas e de fóra que amosan como a imaxinación pódese apañar cun lazo e baixar á terra para que todos a poidamos compartir. E digo todos porque aínda que se pense que estas funcións están dirixidas á rapazada non é así, e de feito moitas veces as caras de sorpresa, ou de gozo ao rematar a función son máis expresivas nesas persoas, que se entendían como meros acompañantes, que nos propios cativos.
Continúan así estes domingos de felicidade como parte da vida da cidade. Unha xeración, e outra e outra... súmanse a un proxecto colectivo arredor da cultura, do pensamento e dunha actividade que nos leva a relacionarnos co mundo empregando moitos máis sentidos cos que adoitan utilizar os nenos cando están ante un televisor ou xogando cunha consola, e é que iso tamén é parte importante das decisións dos políticos e dos que xestionan a cultura, a aposta polo ser humano que é moito máis importante que outras cuestións que se traducen en titulares ou en liortas cheas dun ruído estéril e aburrido, cando ante estas compañías a palabra aburrimento todos sabemos que está desterrada.



Publicado no Diario de Pontevedra 25/01/2018
Fotografía. Sesión de Domingos do Principal de 2004. (Gonzalo García)


Ningún comentario:

Publicar un comentario