OS DOMINGOS do
Principal cumpren vinte anos. Vinte anos de tardes cheas de sorrisos,
de emocións e de momentos inesquecíbeis para moitos nenos que
compartiron espectáculos coas súas familias e que doutro xeito, se
non se lles ofrecese esa oportunidade, non o farían. Fíxense por un
instante na fotografía que acompaña este artigo, unha imaxe da
edición de Domingos do Principal do ano 2004. Súmenlle a eses nenos
quince anos máis e terán hoxe a un adulto, un adulto que ao mellor
é un apaixoado do teatro e da cultura, e que grazas a esta semente
da infancia agora ten nestes elementos unha parte importante da súa
formación.
Ese é o gran valor
deste ciclo, desta idea que vinte anos despois ten que ser valorada
como un chanzo fundamental na cultura da cidade. Todos os
concelleiros de cultura que dende quen ideou esta proposta, Luis
Bará, ata quen ocupa hoxe ese cargo, Carmen Fouces, todos sen
excepción, mantiveron ese proxecto como algo irrenunciábel, unha
sorte de cuestión de estado que, xunto co Salón do Libro, marca boa
parte da aposta cultural da cidade. María Xesús López Escudeiro,
Lola Dopico ou Anxos Riveiro forman parte desa secuencia na que o
teatro, o teatro para nenos, converteuse nesa achega moitas veces
silenciosa pero á que o tempo dalle a súa precisa importancia.
Moitas veces pénsase a cultura dende a súa xestión como unha
cuestión puntual, unha sorte de xogos de artificio, de accións
espectaculares para encher as páxinas dos xornais pero que logo
disólvense no tempo e na memoria como a area entre os dedos. O paso
destes anos deixou entre a nosa mocidade algo intanxible dende o
material, pero que ninguén pode dubidar da súa contribución ao
crecemento de toda esa rapazada que hoxe, se falamos dos presentes
nas primeiras edicións, xa pertencen máis ao universo dos adultos.
Nesta nova edición
serán sete as compañías que se acheguen ata Pontevedra. A primeira
delas Nórdika, de Granada, foi a encargada de inaugurar o ciclo a
pasada semana, mentes que este domingo será Caramuxo Teatro quen
leve á escena ‘Pavillón Lino’. Os seguintes domingos serán
Gorakada Teatro (ollo a esta compañía que no 2017 trouxo a este
mesmo ciclo unha marabillosa adaptación de Moby Dick), Teatro de
sombras, Pérez & Fernández, Trócola Circo e Markeliñe os que
voltarán a cumprir co compromiso anual que ten lugar cada principio
de ano no Teatro Principal de Pontevedra. Compañías galegas e de
fóra que amosan como a imaxinación pódese apañar cun lazo e
baixar á terra para que todos a poidamos compartir. E digo todos
porque aínda que se pense que estas funcións están dirixidas á
rapazada non é así, e de feito moitas veces as caras de sorpresa,
ou de gozo ao rematar a función son máis expresivas nesas persoas,
que se entendían como meros acompañantes, que nos propios cativos.
Continúan así estes
domingos de felicidade como parte da vida da cidade. Unha xeración,
e outra e outra... súmanse a un proxecto colectivo arredor da
cultura, do pensamento e dunha actividade que nos leva a
relacionarnos co mundo empregando moitos máis sentidos cos que
adoitan utilizar os nenos cando están ante un televisor ou xogando
cunha consola, e é que iso tamén é parte importante das decisións
dos políticos e dos que xestionan a cultura, a aposta polo ser
humano que é moito máis importante que outras cuestións que se
traducen en titulares ou en liortas cheas dun ruído estéril e
aburrido, cando ante estas compañías a palabra aburrimento todos
sabemos que está desterrada.
Publicado no Diario de Pontevedra 25/01/2018
Fotografía. Sesión de Domingos do Principal de 2004. (Gonzalo García)
Ningún comentario:
Publicar un comentario