Foguetes verdes (11)
O Museo de
Pontevedra acolle unha soprendente mostra do labor gráfico e
humorístico de Sileno. Un dos nomes sobranceiros na crítica á
política nacional no comezo do século XX
BOA PARTE DO labor dun
Museo ten que estar no da descuberta, no que supón achegar ao
público anaquiños da nosa cultura ou historia que o paso do tempo e
a falla de atención, por diferentes motivos, deixou no esquecemento.
Estou seguro que non moita xente coñece a Sileno, alcume de Pedro
Antonio Villahermosa y Borao, nado en Zaragoza en 1868 e que faleceu
en Madrid en 1945. O seu pseudónimo de Sileno foi un nome habitual
en diferentes publicacións de principios do século XX nas que a
política nacional e internacional amosábase acotío dun xeito
lúcido e mordaz, dende as caricaturas e as viñetas humorísticas.
Na excelente mostra do
Museo de Pontevedra, non só pola calidade dos materiais, senón pola
súa montaxe, chama a atención a orixe destes fondos, compartidos
entre o Museo ABC de Madrid-que participa na organización da
mostra-, e o propio Museo de Pontevedra. A pregunta xorde
inmediatamente ao tentar saber porque razón o Museo de Pontevedra
dispón de materiais deste home, en primeira instancia tan afastado
da nosa xeografía. Pois esa razón hai que buscala no legado feito
ao Museo por parte do pontevedrés Santiago Losada Amor (futbolista
do Eiriña, Celta, Atlético de Madrid e Real Madrid) que casou cunha
das fillas do viñetista, deixando para o futuro e a bo coidado toda
unha serie de materiais: debuxos, publicacións, cadros... que agoran
brillan con luz propia nesta mostra, e que vén tamén a darlle valor
a estes espazos como custodios da nosa memoria.
Arrincamos a mostra
comprobando a calidade técnica de Sileno. Os seus debuxos, baseados
nos gravados do seu paisano Goya, son asombrosos, e póñennos sobre
a pista dun gran debuxante que comezou a publicar no semanario
humorístico Gedeón, nome do protagonista satírico desa revista que
tivo unha gran sona no seu momento. Dende ese instante son moitos,
prácticamente a totalidade dos protagonistas da política de
principios do século XX, os que serán interpretados por Sileno.
Canalejas, Dato, Romanones ou Maura, foron centro das súas viñetas,
moitas das cales recupéranse aquí para amosar a calidade do seu
traballo. Ao excelente debuxo, engádeselle a precisión dun gran
caricaturista e a ironía que medra no interior da imaxe, e que se
completa coa lenda que acompaña esa imaxe e que, como nos debuxos de
Castelao, moito máis coñecidos por nós, deixa no espectador esa
segunda lectura que te leva durante uns instantes a pensar sobre o
sentido desa viñeta. O Heraldo de Madrid acollerá estas imaxes e
reforzarán o seu protagonismo neste ámbito. Unhas vitrinas amosan a
súa relación con personaxes da época. Libros adicados, como os do
singular e xenial Ramón Gómez de la Serna, xunto a outros deixan
constancia do seu vencello coa vida cultural madrileña.
Descansamos uns
instantes do seu traballo cunha serie de fotografías sobre a
presenza na provincia de Pontevedra de Sileno. Os seus veraneos dende
1930 en Lourido, Nigrán, onde o arquitecto Antonio Palacios
constrúelle un fermoso chalé, e onde o collerá a Guerra Civil,
pasando alí os anos da contenda. Volvemos ao seu debuxo con outra
sorpresa, unha colección de sinxelos debuxos que forman parte dos
fondos do Museo de Pontevedra. Mulleres espidas, outras en traxes de
baño ou provocativas situacións, amosan a intimidade do seu debuxo
en traballos feitos para a privacidade e non para ser públicos, pero
nos que se contén todo o seu talento. En 1921 funda ‘Buen Humor’
referente do xornalismo humorístico, da que foi director. O final da
mostra componse da súa revisión diaria no Heraldo dos
acontecementos que tiveron lugar na Primeira Guerra Mundial e que o
Museo ABC amosa de xeito primoroso.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 11/01/2019
Fotografías: Exposición de Sileno no Museo de Pontevedra (Gonzalo García)
Ningún comentario:
Publicar un comentario