Rue Saint-Antoine nº 170
Fotografía ▶
Ata o 24 de febreiro o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a
exposición ‘Memoria Industrial en Galicia’, unha interesante
achega sobre un patrimonio esquecido, de gran importancia para a nosa
sociedade, e que agora reflicte o paso do tempo e a súa memoria coma
un vestixio do pasado ao que non debemos renunciar
Somos unha sociedade
afeita a esquecer. A poñer a un lado aquilo que o tempo, polas
razóns que foran, afastou de nós. Inesgotábel na súa función,
ese paso do tempo o muda todo, o físico e máis o mental, a
arquitectura, máis tamén a nosa relación con toda unha serie de
elementos patrimoniais que foron dunha gran importancia na nosa
sociedade e para moitos dos nosos veciños. José Chas (Pontevedra,
1976) non se deixou levar por ese tempo de esquecemento e un día
pousou a mirada nunha desas arquitecturas que a sociedade
desprestixou, cando elas foron ben importantes para o noso
desenvolvemento comunitario.
Dende aquela mirada de
un aínda estudante da Facultade de Belas Artes de Pontevedra ata
hoxe, van arredor de trescentas localizacións espalladas por toda
Galicia, unha escolla de vinte fotografías que compoñen esta mostra
e un interesante discurso conceptual e plástico sobre o que estas
infraestructuras supoñen e supuxeron para a nosa sociedade. Se nos
achegamos á sala de exposicións do Pazo da Cultura podemos
comprobar non só o potencial estético deste traballo, baseado na
capacidade notarial da fotografía, senón tamén como esas ruínas
convértense nun berro que reclama a nosa atención, e que quere que
tamén pousemos a nosa mirada nelas, ao igual que fixo aquel
estudante, para amosar a súa dignidade que, aínda que murchada polo
tempo, segue a manter ese aire digno do espazo vivido.
Se algo acadan estas
imaxes é o de facernos sentir o traballo de tantos, de xeracións e
xeracións que comeron e viviron do seu traballo neses espazos que
simbolizan hoxe o traballo industrial feito, en moitos casos, por
empresas familiares, moi identificadas co territorio e cos seus
habitantes. Unha das perversións deste progreso no que pensamos
estar inxeridos é o de desprestixiar moitos elementos do noso
pasado, como si todo pertencese a un mundo ao que impoñernos. As
fotografías de Chas son esa presenza necesaria hoxe para coñecer o
pasado, para non esquecelo e, na medida do posible, para recuperalo.
Moitos destes espazos abandonados ben poderían hoxe ter outra
función, un reaproveitamento dende moi diferentes ámbitos da
sociedade que permitise habitar e utilizar espazos que
arquitectónicamente son, en moitos casos, moi intelixentes e cuxa
utilidade aínda hoxe sería moi interesante.
Tempo e ruína
consolidan dende cada unha das imaxes a memoria de todos estes
espazos. Cada unha destas fotografías é unha pegada no noso
territorio, tamén no que é o colectivo. Cristais rotos, materiais
esnaquizados, humidades, graffitis,.. rastros do abandono que, pese
ao baleiro e ao silencio, non poden ter más ruído. As presenzas dos
que están sen estar, daquela vida que se viviu entre formigón e
máquinas, entres suores e complicidades, entre esforzos e ilusións.
Agora, entre os pedazos de vida que xa son anacos de memoria,
atopamos as preguntas que toda exposición ten que xerar cando actúa
dende o compromiso coa súa contorna. Como deixamos perder todo isto?
Seguiremos de costas ao que se contén nestas ruínas? Porque non
aproveitar estes espazos?
O primeiro chanzo para
atopar as respostas xa está dado grazas ao traballo de Chas. A
localización non só das infraestructuras que protagonizan a
exposición, senón de moitas máis, plantexa un mapa que seguir, un
itinerario polo que comezar esa recuperación dende o estudo de todo
ese patrimonio que forma parte da nosa historia, dende o artístico,
o histórico ou o social. Conserveiras, fábricas de cerámica, de
taboleiros, de embutidos... e así unha longa listaxe das máis
diferentes actividades que perderon pulo ante as novas sinerxias da
economía. Un tecido industrial que se foi desfacendo e que agora
asoma convertido en obra de arte, en fotografías que posúen unha
fonda beleza que xorde dese tempo conxelado, da presenza dos que alí
se moveron e da nosa mirada cómplice da escena.
Cada unha desas
fotografías é un acceso a un ronsel de historias, moitas delas
pódense pescudar no blog que José Chas adica a este proxecto:
«memoriaindustrialengalicia». Aí poden tirar deses fíos visuais
para coñecer a que se adicaban cada unha delas e saber un pouquiño
máis da súa historia. Nós, no Pazo da Cultura de Pontevedra, temos
esa mirada que rexistra a fotografía, a do seu autor no lugar dos
feitos, onde a historia se recupera para poñerse hoxe fronte a nós
e que sexamos, dende ese momento, tamén actores do seu interior,
dese universo descoñecido que agora deixa de ser unha ruína pola
que pasamos algún día sen facerlle caso, ignorando o valor que se
acubilla nese patrimonio irrenunciable.
Publicado no Diario de Pontevedra 23/01/2019
Fotografías: José Chas
Fotografías: José Chas
Ningún comentario:
Publicar un comentario