Rue Saint-Antoine nº 170
Fotografía.
‘Francisco Curra. O abstracto e o concreto’ é o título da
mostra que a Fundación Laxeiro inaugura o vindeiro venres na súa
sede de Vigo, na que amosa a obra do fotógrafo de Bueu Francisco
Curra. Unha descuberta que, da man do comisario Javier Pérez-Buján,
pon ante nós unha obra descoñecida pero chea dunha poética
espiritualidade
Cada vez é menos
habitual pero é unhas das achegas máis interesantes do mundo da
arte e do labor dos comisarios. A descuberta ou posta en valor dun
artista non demasiado coñecido (ben por vontade propia, ou por que o
destino non foi xeneroso) permite abrir a nosa mirada, acumular
novas sensacións a través da súa obra artística. Este é o caso
de Francisco Curra (Bueu, 1954) cuxa obra poderemos contemplar dende
o venres 5 de abril na sede da Fundación Laxeiro no Edificio da Casa
das Artes de Vigo. Unha xa longa traxectoria que se resumirá en
trinta fotografías, trinta imaxes que permitirán ao espectador
atopar a obra dun fotógrafo moi descoñecido, pero que, a vista do
que se vai mostrar, cheo de interese e con capacidade máis que
salientábel para que a súa fotografía sexa máis coñecida do que
é.
Máis de trinta anos
resúmense en trinta fotografías analóxicas en branco e negro.
Imaxes obtidas entre 1988 e 2005 que proceden do propio arquivo do
autor e nas que queda ben clara a súa intencionalidade artística na
conquista dunha poética da imaxe que xorde do cotiá, dese
territorio tantas veces desprezado no que semella non haber nada de
interese pero que o artista, o bo artista, dende a súa mirada, é
quen de rescatar un instante para a nosa posterior reflexión. Aquí
é esa mirada cara o mundo interior do fotógrafo o que reflicte
tamén o noso, nun exercicio de contemplación que poderíamos dicir
orixínase no concreto e tende ao abstracto. Aí, na súa mirada,
móvense os dous elementos, o concreto, a partir desa recuperación
dun territorio físico, ora íntimo ora público, pero que, nambos
casos prolóngase ata o outro elemento, o abstracto.
Esa dobre condición é
a que lle outorga o título a mostra, pero a que tamén amosa na súa
preparación fronte ao público cunha montaxe que remite á
fotografía máis clásica. Copias de pequeno formato, 30x20 cm.,
dispostas dun xeito convencional, afastándose das montaxes ás que
semella estar condenada a fotografía contemporánea nas que se
diversifican composicións e tamaños.
Pero o máis
interesante acontece non no exterior, senón no interior de cada unha
desas imáxenes nas que Francisco Curra fragmenta a realidade,
xerando uns encadres dunha gran modernidade nos que se rexistra unha
incerteza precisa para que o espectador dialogue coas fotografías
dun xeito moito máis intenso que si o encadre fose outro. Obxectos,
interiores, espazos limitados... ese xeito de recoller a realidade
provoca no visitante á mostra unha certa inquedanza, a fraxilidade
de sentirse fronte a un espazo non resolto, no que hai lugar a
incerteza, ao descoñecido, a aquilo que non vemos pero que sabemos
que o está a rondar. É como ler un dos relatos de Julio Cortázar
nos que sentimos como o noso universo domesticado estoupa por algún
lugar imprevisíbel. As fotografías de Francisco Curra son como esa
porta de acceso a unha narrativa que temos que completar, ese
desasosego da narrativa é o que fai desta proposta unha achega
contemporánea que fuxe da primeira sensación que podíamos ter
dunha fotografía demasiado clásica. A súa framentación, a mirada
posta no que adoita pasar desapercibido, o noso papel para completar
a escena, todo é un camiño proposto polo artista plenamente
consciente do que fai, do que nos quere propoñer coa súa fotografía
solitaria e austera, fría se se quere tamén, pero na que emerxe
unha contundente poética visual.
Unha sorte de
conxelación do tempo, como si ese anaco de tempo reflectise toda
unha secuencia temporal moito máis prolongada no tempo pero que non
é preciso amosar completamente. A forza dese lazo que cae, ou a
imaxe do seu pai aparentemente ausente do mundo, ou un instante nunha
rúa tras o paso da choiva, son fragmentos dun relato moito máis
amplo pero que non é necesario amosar de xeito completo. A súa
forza xorde precisamente dese carácter unitario de ser o lóstrego
dentro dunha tormenta, e aí, no seu interior, o artista dende o seu
eu tenta explicar esa contorna súa na que buscar a inspiración
necesaria para extender a súa mirada máis alá. Cada un deses
ámbitos inquedantes poden ser outros moitos polos que movérmonos.
Baixo o comisariado de
Javier Pérez Buján a mostra ‘Francisco Curra. O abstracto e o
concreto’ ademais do seu salientábel valor plástico ten ese plus
de descubrimento dun artista que non se prodigou en absoluto no campo
expositivo. A fotografía emerxe así como o diario dese traballo
agochando e silencioso, un silencio que tamén se contén no interior
de cada unha destas imáxenes que dende o vindeiro venres podemos
descubrir como unha nova mirada artística, como un novo xeito de
mirar ao que nos rodea.
Publicado no Diario de Pontevedra 1/04/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario