Foguetes verdes (22)
Xosé Manuel
Budiño, tras seis anos de silencio, aposta agora pola súa voz como
canle de emocións. O seu disco ‘Fulgor’ é unha valente achega a
nosa música e ao propio artista
POUCAS EMPRESAS máis
arriscadas e tamén valentes para calquera artista que a da
reinvención. Pisar terreos novos para eles que os obriguen a saír
da súa zona de confort, alí onde tiñan todo ben controlado. Pero
ao artista tamén hai que esixirlle ese puntiño de risco, de medirse
fronte ao desafío. Xosé Manuel Budiño, ao que eu polo menos nunca
escoitara cantar, plantexa, no seu novo traballo ‘Fulgor’, ese
salto ao baleiro a través da súa propia voz que substitúe aos seus
tradicionais sons de gaita e flauta. Dez cancións, dúas das cales
se repiten pero cantadas en castelán, conforman este traballo
fermosísimamente editado e que cando un comeza a escoitalo vese
reconfortado por ver como un artista pode ter éxito dende o risco.
En primeiro lugar
destacan as letras, compostas polo propio Budiño, a excepción dunha
fermosísima canción adicada a Compostela que baixo o título de
‘Santiago’ firma Xoel López. Letras en galego, que permiten de
novo confirmar como a nosa lingua pode moverse por outros territorios
máis comerciais ou vencellados ao pop, e non tanto á música
tradicional, tal e como vén de demostrar tamén Xoel López con dúas
cancións en galego no seu último disco ‘Sueños y pan’.
Palabras, ritmos, xeografías que Budiño expresa dende unha voz
suave que nos presenta ese ton de cantautor melodioso dende o que
seguir medrando cara novas proxeccións da súa voz. ‘Fulgor’,
‘Pulso’ ou ‘Sós’, son tres fermosas cancións que se moven
nese rexistro. Noutras cancións Budiño non está só e se suxeita
en colaboracións tan sobranceiras como a xa citada de Xoel López, a
da cantante Vega, ou a do cuartero Quiroga que, sobre todo, na última
canción do disco, ‘Bos amores’, belisca a pel co seu apoio á
voz de Budiño, á musica do inesquecíbel Narf e ás palabras de
Rosalía de Castro.
Con todos estes nomes
temos claro que Budiño buscaba tantear posibilidades, facer unha
diversidade de músicas que pegasen ben entre elas pero que ao tempo
amosasen tamén unha diversidade pola que moverse sen o sometemento a
unha liña similar que podería esgotar tanto ao cantante como ao
público.
Levaba seis anos Budiño
sen presentar un traballo. Abofé que seis anos nos que experimentar
e valorar o que podía supoñer para el dar este xiro a súa carreira
de dúas décadas de música. O seu disco ‘Paralaia’, está xa
chantado na historia da nosa música e a partir del Budiño constrúe
a súa traxectoria. Un disco a propósito do cal e en resposta a unha
entrevista neste xornal o músico de Moaña dicía que «Cada un é
dono dos seus soños». Penso tras escoitalo, e tamén o sinto, que
este disco responde moito a esa sensación, á de acadar un soño. O
soño de poder cantar e expresarse co que non deixa de ser un son
máis, como é o da voz. Preto del, no concerto que deu Xoel López
hai uns meses na Sala Karma de Pontevedra e sen que se dera conta
mireille aos ollos cando ollaba ao escenario, e neles agochábase esa
mirada bulideira que, escoitando ao seu amigo, abofé pensaba que el
tamén podería subirse a un escenario a cantar. Pois aquí está, un
marabilloso comezo que un escoita con enorme pracer.
O disco agocha outras
dinámicas no seu interior grazas ao mecenazgo da adega Ponte da Boga
que pon en circulación un viño co mesmo nome, ‘Fulgor’, unha
maridaxe que me interesa polo que ten de sinerxia entre eidos da
cultura. Música e viño o son e Galicia, tendo en ambas marabillosas
posibilidades aínda non explotadas a fondo. Sigámonos xuntando na
procura da excelencia, na conquista de alianzas que xeren riscos tan
de gabar como este ‘Fulgor’ de Xosé Manuel Budiño.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 29/03/2019
Fotografía: Ponte da Boga
Fotografía: Ponte da Boga
Ningún comentario:
Publicar un comentario