luns, 1 de abril de 2019

Fulgor

Foguetes verdes (22)
Xosé Manuel Budiño, tras seis anos de silencio, aposta agora pola súa voz como canle de emocións. O seu disco ‘Fulgor’ é unha valente achega a nosa música e ao propio artista


POUCAS EMPRESAS máis arriscadas e tamén valentes para calquera artista que a da reinvención. Pisar terreos novos para eles que os obriguen a saír da súa zona de confort, alí onde tiñan todo ben controlado. Pero ao artista tamén hai que esixirlle ese puntiño de risco, de medirse fronte ao desafío. Xosé Manuel Budiño, ao que eu polo menos nunca escoitara cantar, plantexa, no seu novo traballo ‘Fulgor’, ese salto ao baleiro a través da súa propia voz que substitúe aos seus tradicionais sons de gaita e flauta. Dez cancións, dúas das cales se repiten pero cantadas en castelán, conforman este traballo fermosísimamente editado e que cando un comeza a escoitalo vese reconfortado por ver como un artista pode ter éxito dende o risco.
En primeiro lugar destacan as letras, compostas polo propio Budiño, a excepción dunha fermosísima canción adicada a Compostela que baixo o título de ‘Santiago’ firma Xoel López. Letras en galego, que permiten de novo confirmar como a nosa lingua pode moverse por outros territorios máis comerciais ou vencellados ao pop, e non tanto á música tradicional, tal e como vén de demostrar tamén Xoel López con dúas cancións en galego no seu último disco ‘Sueños y pan’. Palabras, ritmos, xeografías que Budiño expresa dende unha voz suave que nos presenta ese ton de cantautor melodioso dende o que seguir medrando cara novas proxeccións da súa voz. ‘Fulgor’, ‘Pulso’ ou ‘Sós’, son tres fermosas cancións que se moven nese rexistro. Noutras cancións Budiño non está só e se suxeita en colaboracións tan sobranceiras como a xa citada de Xoel López, a da cantante Vega, ou a do cuartero Quiroga que, sobre todo, na última canción do disco, ‘Bos amores’, belisca a pel co seu apoio á voz de Budiño, á musica do inesquecíbel Narf e ás palabras de Rosalía de Castro.
Con todos estes nomes temos claro que Budiño buscaba tantear posibilidades, facer unha diversidade de músicas que pegasen ben entre elas pero que ao tempo amosasen tamén unha diversidade pola que moverse sen o sometemento a unha liña similar que podería esgotar tanto ao cantante como ao público.
Levaba seis anos Budiño sen presentar un traballo. Abofé que seis anos nos que experimentar e valorar o que podía supoñer para el dar este xiro a súa carreira de dúas décadas de música. O seu disco ‘Paralaia’, está xa chantado na historia da nosa música e a partir del Budiño constrúe a súa traxectoria. Un disco a propósito do cal e en resposta a unha entrevista neste xornal o músico de Moaña dicía que «Cada un é dono dos seus soños». Penso tras escoitalo, e tamén o sinto, que este disco responde moito a esa sensación, á de acadar un soño. O soño de poder cantar e expresarse co que non deixa de ser un son máis, como é o da voz. Preto del, no concerto que deu Xoel López hai uns meses na Sala Karma de Pontevedra e sen que se dera conta mireille aos ollos cando ollaba ao escenario, e neles agochábase esa mirada bulideira que, escoitando ao seu amigo, abofé pensaba que el tamén podería subirse a un escenario a cantar. Pois aquí está, un marabilloso comezo que un escoita con enorme pracer.
O disco agocha outras dinámicas no seu interior grazas ao mecenazgo da adega Ponte da Boga que pon en circulación un viño co mesmo nome, ‘Fulgor’, unha maridaxe que me interesa polo que ten de sinerxia entre eidos da cultura. Música e viño o son e Galicia, tendo en ambas marabillosas posibilidades aínda non explotadas a fondo. Sigámonos xuntando na procura da excelencia, na conquista de alianzas que xeren riscos tan de gabar como este ‘Fulgor’ de Xosé Manuel Budiño.



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 29/03/2019
Fotografía: Ponte da Boga


Ningún comentario:

Publicar un comentario