Poucos lugares
poden gabarse dunha concentración de talento tan intensa como a que
se viviu no Bueu dos anos trinta. Esta vila foi o idílico escenario
dun anaco da vida de grandes persoeiros da cultura.
Co calendario
meténdonos no verán, ese tempo no que o cotiá semella diluírse en
novos escenarios, fascinantes sensacións fuxidías e lembranzas
inesquecíbeis, moitos espazos da nosa envexábel xeografía
convertéronse ao longo da historia en acubillo de persoeiros que
fixeron dun anaco concreto da nosa terra parte xa irrenunciábel da
súa historia persoal.
Un dos máis
sobresaíntes, nesa sensación de refuxio de personaxes da cultura,
foi Bueu. A vila mariñeira, ao igual que tantas outras do mundo como
Tánger que acolleu a Paul Bowles, Jack Kerouack ou Tennesse
Williams; ou Saint Paul de Vence, na Costa Azul francesa, na que
Matisse, Chagall, Modigliani, André Gidé, Cocteau o Clozot pasaron
moitas xornadas de lecer e inspiración, converteu a súa idílica
fisonomía dos anos trinta en parte da vida de creadores tan
sobranceiros como Johan Carballeira, Gonzalo Torrente Ballester,
Federico Ribas, José Suárez, Maruja Mallo ou Rómulo Gallegos.
Todos eles pasaron por Bueu en diferentes momentos entre 1931, ano da
chegada de Torrente Ballester, ata o alzamento militar contra o
Goberno da República, en xullo de 1936, que obrigou a moitos deles,
cun fondo compromiso cos seus valores, a fuxir. Atopámonos, polo
tanto, cunha diversidade de creadores: pintores e debuxantes, como
Federico Ribas e Maruja Mallo, escritores como Torrente Ballester,
Johan Carballeira ou Rómulo Gallegos e fotógrafos e cineastas como
José Suárez. Primeiras figuras dos seus respectivos campos de
traballo procedentes de moi diferentes xeografías que case como
nunha conxunción astral viñeron a dar a este recanto peninsular.
Converteron esa estadía coral no que se deu en chamar, neste ano de
lembranzas desa presenza colectiva, ‘Os gozosos anos 30’,
ancorándose nese gozo que xorde do título da gran novela de
Torrente Ballester ‘Los gozos y las sombras’, cuxa acción,
desenvolvida en Pueblanueva del Conde, é un claro trasunto do Bueu
dos anos vinte e trinta.
E como era ese Bueu?
Pois unha vila mariñeira na que existía unha forte industria
adicada á pesca e á conserva, e que dende comezos da década dos
vinte vivía unha axitación sindical polos enfrontamentos entre
mariñeiros e industriais chegados de fóra, como os Massó, que xa
estaban instalados na vila dende 1816, importando dende Francia a
profesionais da salazón para tratar a conserva da sardiña, á que
posteriormente engadiríanse o mexilón e o berberecho. Na década
dos anos trinta, a que a nós nos interesa neste relato, e según un
artigo de Emma Prieto, a fábrica empregaba a seiscentas mulleres e
cen homes. A poboación en 1930 era de 9.150 habitantes e o seu porto
era o máis importante do Morrazo. Esa actividade industrial xerou,
nas primeiras décadas do século XX, un marcado ambiente de
conflictividade laboral, con folgas de mulleres, en 1918, de
mariñeiros un ano despois. En 1917 fundouse unha organización
sindical para defender aos traballadores e sucedéronse as
mobilizacións contras os diferentes prezos da sardiña. Dentro dese
ambiente tivo especial relevancia o labor dun dos nosos
protagonistas, Johan Carballeira, xornalista, poeta e militante do
Partido Galeguista, xunto a Alexandre Bóveda e Castelao, e que
acabaría sendo alcalde da vila en febreiro de 1936 trala victoria do
Frente Popular e fusilado en Pontevedra en abril de 1937. Esa
actividade contrastaba coa tranquilidade dos seus ambientes nos que a
natureza, aínda virxe, primaba sobre a pegada do ser humano,
vencellada a construcións tradicionais e os labores da pesca que
configuraban unha paisaxe de redes, barcas e barcos en reparación,
secadeiros de peixe, e unha chea de fascinantes aparellos vencellados
á pesca.
A comezos dos anos
trinta xa tiñamos a Johan Carballeira asentado na vila dende 1915,
cando a súa familia, con posesións nela, trasladouse alí dende
Vigo. A chegada de Torrente Ballester, provocada polo destino do seu
pai como Axudante de Mariña en 1931, ten un empurrón definitivo no
seu vencello local ao casar un ano despois coa mestra Josefina
Malvido. Pero, e os demais? como foron chegando todos eses creadores
e personaxes de primeira fila da cultura dos tempos da República? Os
traballos de investigación e procura de información da Comisión
que leva traballando nos últimos meses arreo para lembrar aqueles
acontecementos, formada por Xaime Toxo, Arturo Cidrás, Francisco
Rodríguez Pastoriza e Loli Docampo e que xa fixeron unha serie
conferencias e exposicións co apoio do Concello de Bueu no pasado
mes de abril que se verán completadas no mes de agosto, decántanse
pola conexión galega que en Madrid se estableceu entre todos eles ao
abeiro do faladoiro da Granja del Henar na rúa de Alcalá.
Valle-Inclán lideraba
aquel faladoiro pero alí se atoparon nomes dunha nova xeración,
debedores do espírito do 27, como os de Rafael Dieste, Cándido
Fernández Mazas, Federico Ribas, Laxeiro, Eugenio Granell, Castelao,
Maruja Mallo ou Alberto Fernández Mezquita. Cada vez máis semella
que foi o debuxante e ilustrador Federico Ribas o que partillou con
moitos deles esa sensación de Bueu como un destino case máxico,
calmo e que permitiría respirar novos aires. Así o comprobara en
1934 o escritor e político venezolano Rómulo Gallegos, exiliado en
España dende 1932, a quen Federico Ribas coñecía daquela tertulia
e ao que animou a achegarse ata Bueu para recuperar as súas raíces
galegas, evidenciadas no seu segundo apelido, Freire. Rómulo
Gallegos pasará en Beluso o verán de 1934 e regresará no de 1935,
prolongando a súa estadía ata o mes de decembro ao ser chamado
dende o seu país para ocupar un ministerio e, posteriormente, a
presidencia da República. Nese país asentaríase fuxido da España
franquista outra figura clave de todo este grupo, o xornalista,
sindicalista e troskista Alberto Martínez Fernández, ‘Mezquita’,
bo amigo de Rómulo Gallegos e, en 1936, parella de Maruja Mallo,
tras rachar esta con Rafael Alberti. No verán de 1936 viaxan a
Galicia como parte das Misións Pedagóxicas pero, sobre todo, pola
realización en Vigo do congreso do POUM (Partido obrero de
Unificación Marxista), o que acabou levándoos ata ese Bueu do que
tanto oíran falar a seiscentos kilómetros do seu mar, o último que
viron de Galicia antes de fuxir, no caso da pintora a Lisboa, onde
foi axudada pola embaixadora en Chile, a poeta Gabriela Mistral. A
impresión da guerra que viviu en Bueu rexistrouna en catro artigos
en ‘La Vanguardia’, publicados no mes de agosto de 1938: ‘Relato
veraz de la realidad de Galicia’. Faltaba por chegar José Suárez,
o fotógrafo allaricense que tivo contacto tamén en Madrid co grupo
dos ourensanos na propia Granja do Henar e ao que Cifesa lle encarga
un documental sobre diferentes traballos de Galicia, decidíndose por
Bueu para buscar localizacións, do que xorde a súa famosa serie de
fotografías dos ‘Mariñeiros’.
Temos, polo tanto, nese
verán de 1936, a Maruja Mallo debuxando, a José Suárez coa súa
cámara, a Johan Carballeira reunindo a súa poesía nun libro,
‘Cartafol’, que non chegou a ver a luz, e a Federico Ribas, abofé
que dándolle voltas a algún deseño publicitario para os Massó, do
estilo desa icónica imaxe na que emprega a súa propia muller, a
parisina Georgina, nun anuncio de sardiñas, mentres, Torrente
Ballester estaba en París, facendo a súa tese doutoral, pero en
contacto con Josefina.
A pegada bueuesa
quedará presente na obra de todos eles. Gonzalo Torrente Ballester a
través de ‘Los gozos y las sombras’, cuxa acción acontece entre
1934 e 1936 cunha ambientación e tramas perfectamente identificábeis
cos acontecementos de Bueu neses anos. Johan Carballeira escribindo
en prensa sobre a realidade social da contorna. Maruja Mallo fixo o
chamado ‘Cuaderno de Bueu’, conservado pola madrileña galería
Guillermo de Osma, imprescindíbel para entender a súa obra
posterior no Cono Sur. Todos eles fixeron de Bueu inspiración, pero
sobre todo un horizonte dende o que albiscar o futuro e unha
esperanza na que crer.
Os protagonistas
Johan Carballeira
▶Nace en Vigo en
1902 e falece asasinado polo réxime franquista o 17 de abril de
1937. A súa familia instálase en Bueu en 1915, rápidamente deixou
os traballos para axudar na economía doméstica, para darlle pulo a
súa vocación nas letras. En 1927 comeza a escribir en El Pueblo
Gallego. Militante do Partido Galeguista non chegou a ver editados os
seus poemas, dos que si se publicaron algúns na prensa. Johan
Carballeira, cuxo nome real era José Gómez de la Cueva, fixo
amizade con Torrente Ballester, sendo testigo na súa voda.
Estivo moi implicado
nos conflictos sociais da vila, negociando os intereses dos
mariñeiros fronte aos empresarios, e solicitando en Madrid, por
medio de Castelao, deputado nas Cortes, que se frease o uso
indiscriminado de dinamita na pesca. Un recente libro de Francisco
Pastoriza pon en valor a súa obra xornalística.
Gonzalo Torrente
Ballester
▶Un dos grandes
narradores e fabuladores en castelán naceu no Ferrol en 1910. Falece
en Salamanca en 1999. Chega a Bueu en 1931 e un ano despois casa alí
con Josefina Malvido. Bueu e o mar, un dos grandes influxos da súa
vida, estiveron presentes na súa obra en títulos como ‘Dafne y
ensueños’, ‘La isla de los jacintos cortados’, ‘La saga/fuga
de JB e, por suposto, en ‘Los gozos y las sombras’, novela
composta por tres volúmenes: ‘El señor llega’, ‘Donde da la
vuelta el aire’ e ‘La Pascua triste’. Ambientada en Pueblanueva
del Conde, la historia nace directamente das súas experiencias na
vila. Durante toda a súa vida Gonzalo Torrente Ballester mantivo
contacto co familias de Bueu, acudindo cando lle era posible a
compartir momentos no barrio de Pescadoira dende onde contemplar o
mar e lembrar aquel tempo solleiro de ilusións mozas e fervenzas
persoais imposíbeis de esquecer ».
Federico Ribas
▶ Debuxante,
pintor e ilustrador nace en Vigo en 1890, falecendo en Madrid en
1952. A sua vocación plástica comezou a amosarse en Bos Aires, a
onde emigrou con dezaoito anos. Alí traballa en diferentes
publicacións, entre elas ‘Caras y Caretas’. En 1912 chega a
París onde se achega ao Modernismo e ao Art Nouveau. As súas
figuras elegantes e sofisticadas aparecen nas grandes publicacións
da época en Madrid, a onde chega co comezo da I Guerra Mundial. ‘La
esfera’, ‘Blanco e negro’ acollen os seus traballos. Por
cuestións familiares ten contacto cos conserveiros Massó que lle
encargarán diferentes traballos publicitarios, entre eles a propia
tipografía do nome Massó, aínda presente hoxe nas construcións en
pé da empresa. Bueu será un dos seus lugares preferidos e alí vai
coa sua muller que emprega de modelo.
José Suárez
▶En 1902 nace en
Allariz e falece na Guarda en 1974. Fotógrafo e cineasta. Estudou
dereito en Salamanca pero o seu interese pola fotografía xa o levou
a editar nesa cidade un libro de fotografías cun prólogo de Miguel
de Unamuno co que tiña unha gran amizade e ao que lle fixo un dos
seus retratos máis coñecidos. En 1935 fixo unha exposición no
Círculo de Belas Artes de Madrid sobre as aldeas campesiñas e
mariñeiras de Galicia. Un gran traballo documental que fixo que
Cifesa lle propuxese unha serie de películas sobre esas tarefas. En
1936 comeza a rodaxe de ‘Mariñeiros’ e reflicte algún dos
momentos máis fermosos de Bueu con fotografías que xa son unha
icona daquel mundo do traballo no mar. Un eterno e engaiolante branco
e negro cuns encuadres que nos falan dunha mirada diferente, dunha
gran creatividade e capacidade de transmisión.
Maruja Mallo
▶Muller de corpo
miúdo pero cunha forza extraordinaria. Unha das mellores pintoras do
século XX. Unha muller vangardista que naceu en Viveiro en 1902 e
morreu en Madrid en 1995. A súa vida estivo chea de acontecementos
que a levaron a coincidir con algúns dos máis importantes creadores
de España, sobre todo de antes da Guerra Civil. A Bueu chega no
verán de 1936 xunto ao seu mozo Alberto Fernández ‘Mezquita’.
No mes de xullo debuxa o ‘Caderno de Bueu’ unha xoia artística
que se enche de apuntamentos sobre rostros, peixes, redes, barcos,
áncoras... motivos que serán fundamentais na seguinte etapa de
Maruja Mallo en Bos Aires, en cuxos cadros repetiranse moitos destes
motivos. A sublevación obrígaa a fuxir a Portugal. En 1938 escribe
catro artigos en ‘La vanguardia’ relatando a experiencia da
Guerra en Bueu.
Rómulo Gallegos
▶En 1884 nace en
Caracas, a capital venezolana na que morrerá en 1969. Considérase o
novelista venezolano máis importante do século XX. En 1929 publica
a súa novela máis importante, ‘Doña Bárbara’, os
acontecementos políticos lévano ao exilio en 1932, interesado por
atopar as súas raíces galegas pasa dous veráns en Bueu, os de 1934
e 1935. Na estadía europea completa varias das súas novelas
‘Cantaclaro’ e ‘Canaimo’. Nas súas obras describe as
paisaxes do seu país, así como os costumes dunhas persoas sometidas
aos seus conflictos internos. O verán de 1935 prolóngase ao feliz
acubillo de Beluso. O cambio político no seu país fai que sexa
reclamado para ocupar o cargo de ministro de Educación. En 1948
convértese en Presidente de Venezuela. Dez meses despois é
derrocado por un golpe militar, exiliándose primeiro en Cuba e logo
en México.
Publicado en Revista. Diario de Pontevedra. 22/06/2019