luns, 12 de agosto de 2019

Engaiolante maridaxe musical entre Abe Rábade e Salvador Sobral

Os ‘Xoves de Codax’ plantexaron unha fusión dende ambas partes da raia que amosou as súas posibilidades cando ambas culturas traballan xuntas


Bruaba o vento no exterior das adegas Martín Códax, ao tempo que unha forte choiva enchía de forza ás vides no seu treito final, para acadar, a uva albariña, a súa necesaria dozura. E dozura foi a que nos atopamos nese encontro entre Abe Rábade e Salvador Sobral, dous enormes talentos que proxectan a música galega e portuguesa por todo o mundo. No escenario dos ‘Xoves do Códax’ ambos amosaron a importancia das respectivas culturas e do que é quen de xurdir cando se borran fronteiras, cando as barreiras deixan de estar na mente e nos poñemos a traballar en común. O «convivio» destes días, que ambos mantiveron para preparar o concerto, levounos non só por músicas de cadanseu país, tamén por poemarios como os de Celso Emilio Ferreiro ou os chamados poemas galegos de Federico García Lorca. Todo pura emoción, alentada pola maneira de cantar de Salvador Sobral, cos seus xiros vocais, e esa interpretación tan persoal que adoita facer, non só coa voz senón co corpo. Dende a primeira canción, puro ‘crooner’, amosou a súa capacidade para facer música, non só coa palabra, senón con sons que simulan instrumentos, golpeando o seu peito ou o piano de Abe Rábade, por certo, que maneira ten tan marabillosa de tocalo o músico compostelán!
Un concerto que medrou en intensidade entre as músicas e as palabras dun Salvador Sobral, cheo de humor, que explicou de xeito honesto os problemas que tivera nese día coa voz, o que engadiu ao recital un maior esforzo. Mesmo en varios instantes sentiuse apurado por esa voz que quería fuxir do seu corpo, pero sempre soubo distraer ao público co seu talento e o dominio da escena.
Letras en galego, en portugués, en inglés ou en francés. Palabras do mundo que xorden do seu gusto pola música, lonxe de fronteiras, como se reflicte no seu último disco, ‘París Lisboa’, e nun concerto que quedará gravado nos que escolleron escoitar a dous xigantes da música que cando se xuntan son quen de provocar esa catarse que é a que sempre se procura cando se actúa en directo. Un pianista descalzo e un músico que canta co corazón na man foron quen de conseguila, mentres a choiva enchía a terra de dozura.



Publicado no Diario de Pontevedra 10/08/2019
Fotografía: José Luiz Oubiña

Ningún comentario:

Publicar un comentario