martes, 6 de agosto de 2019

No trazo da deriva

Rue Saint-Antoine nº 170
Xaime Toxo ofrécenos en ‘A casa sen nós’ (Laiovento) unha poesía fronte ao temporal no que se converte a vida, o sentir ante un horizonte que exerce de límite entre o mar e o territorio no que se desenvolve o eu. Un poemario íntimo que se abre á experiencia dunha navegación en terra na que tempo e memoria constrúen o que somos


O ollo dun peixe no que reflectirnos. A sensación de habitar un espazo construido dende a memoria e a experiencia da vida. O contacto co territorio, a sensación da pel como veludo fronte ao que acontece na nosa contorna. Xaime Toxo (Bueu, 1955) presenta en ‘A casa sen nós’, publicado pola editorial Laiovento, un caderno de bitácora do que supón converter a vida nunha achega de materiais para facelos escrita: «o son das palabras con que trazamos esa deriva», escribe o autor nun dos textos con que se abre este poemario dividido en Mareas, en Cadernos da escrita e en Materiais de mar. Compoñentes dunha poética referencial da identidade de quen precisa do mar como diapasón fronte a vida. O tamaño do mar. A liña do horizonte. Medidas dunha existencia que parte dos devanceiros, dos que foron para ser hoxe o que somos. Unha construción identitaria artellada dende un espazo físico xa que, como escribe o autor, «ninguén, agás o territorio que pisamos, sabe de nós».
Fotografía de Juan de la Sota
Un poemario das mareas, de palabras salgadas, de sensacións que xorden das escumas que se botan á cara, de miradas que se dirixen ao mar a través dunha fiestra. A casa, o que somos, o que precisamos ser ante a medida do real, máis tamén do que semella irreal. Leveda o libro grazas as fotografías que se inclúen nel, con gran acerto, de Juan de la Sota. Un descanso para a lectura que se esvaece ante a potencia da imaxe. Identidades que se enguedellan ao texto para plantexar un imaxinario que completa a palabra nunha fértil maridaxe que alenta esa sensación do casual, daquilo que non semella ter importancia, pero que na balanza rebélase como o máis importante. Un instante que afoga no cotiá, pero que permanece somerxido no noso interior, insondábel, a espera dese momento da catarse no que volve á superficie.
Xaime Toxo artella tamén ao longo do poemario a importancia do casual, do camiño como o lugar no que fornecermos a nosa personalidade, no que as engurras e o cabelo branco traducen a experiencia dunha navegación moitas veces incerta, sen rumbo fixo, ao pairo. «A nós tamén nos constrúe ese navegar,/o andar errático,/deixarnos ir ao chou», escribe o poeta, dentro deses Materiais do mar. Nesa deriva explicámonos, e nesa deriva constrúese cada poema, nos días de néboa, pero tamén nos da calor luminosa, é dicir, poemas que a vida plantexou para que Xaime Toxo fiase este navegar pletórico, que o revela como un excelente poeta dotado dunha gran capacidade para que a linguaxe posúa a facultade de escintilar ao longo da escrita: «palabras que alimentan o brillo dunha vela/ que arde tremendo no pasado».
A casa sen nós’ presentaráse en Bueu o vindeiro venres 9, ás 20.30 horas, na Sala Domínguez Búa, cos pés na terra e os ollos no mar. Vento nas velas!



Publicado no Diario de Pontevedra 5/08/2019



Ningún comentario:

Publicar un comentario