Rue Saint-Antoine nº 170
Xaime Toxo ofrécenos en ‘A casa sen nós’ (Laiovento) unha poesía fronte ao temporal no que se converte a vida, o sentir ante un horizonte que exerce de límite entre o mar e o territorio no que se desenvolve o eu. Un poemario íntimo que se abre á experiencia dunha navegación en terra na que tempo e memoria constrúen o que somos
Xaime Toxo ofrécenos en ‘A casa sen nós’ (Laiovento) unha poesía fronte ao temporal no que se converte a vida, o sentir ante un horizonte que exerce de límite entre o mar e o territorio no que se desenvolve o eu. Un poemario íntimo que se abre á experiencia dunha navegación en terra na que tempo e memoria constrúen o que somos
O ollo dun peixe no que
reflectirnos. A sensación de habitar un espazo construido dende a
memoria e a experiencia da vida. O contacto co territorio, a
sensación da pel como veludo fronte ao que acontece na nosa
contorna. Xaime Toxo (Bueu, 1955) presenta en ‘A casa sen nós’,
publicado pola editorial Laiovento, un caderno de bitácora do que
supón converter a vida nunha achega de materiais para facelos
escrita: «o son das palabras con que trazamos esa deriva», escribe
o autor nun dos textos con que se abre este poemario dividido en
Mareas, en Cadernos da escrita e en Materiais de mar. Compoñentes
dunha poética referencial da identidade de quen precisa do mar como
diapasón fronte a vida. O tamaño do mar. A liña do horizonte.
Medidas dunha existencia que parte dos devanceiros, dos que foron
para ser hoxe o que somos. Unha construción identitaria artellada
dende un espazo físico xa que, como escribe o autor, «ninguén,
agás o territorio que pisamos, sabe de nós».
Fotografía de Juan de la Sota |
Un poemario das mareas,
de palabras salgadas, de sensacións que xorden das escumas que se
botan á cara, de miradas que se dirixen ao mar a través dunha
fiestra. A casa, o que somos, o que precisamos ser ante a medida do
real, máis tamén do que semella irreal. Leveda o libro grazas as
fotografías que se inclúen nel, con gran acerto, de Juan de la
Sota. Un descanso para a lectura que se esvaece ante a potencia da
imaxe. Identidades que se enguedellan ao texto para plantexar un
imaxinario que completa a palabra nunha fértil maridaxe que alenta
esa sensación do casual, daquilo que non semella ter importancia,
pero que na balanza rebélase como o máis importante. Un instante
que afoga no cotiá, pero que permanece somerxido no noso interior,
insondábel, a espera dese momento da catarse no que volve á
superficie.
Xaime Toxo artella
tamén ao longo do poemario a importancia do casual, do camiño como
o lugar no que fornecermos a nosa personalidade, no que as engurras e
o cabelo branco traducen a experiencia dunha navegación moitas veces
incerta, sen rumbo fixo, ao pairo. «A nós tamén nos constrúe ese
navegar,/o andar errático,/deixarnos ir ao chou», escribe o poeta,
dentro deses Materiais do mar. Nesa deriva explicámonos, e nesa
deriva constrúese cada poema, nos días de néboa, pero tamén nos
da calor luminosa, é dicir, poemas que a vida plantexou para que
Xaime Toxo fiase este navegar pletórico, que o revela como un
excelente poeta dotado dunha gran capacidade para que a linguaxe
posúa a facultade de escintilar ao longo da escrita: «palabras que
alimentan o brillo dunha vela/ que arde tremendo no pasado».
‘A casa sen nós’
presentaráse en Bueu o vindeiro venres 9, ás 20.30 horas, na Sala
Domínguez Búa, cos pés na terra e os ollos no mar. Vento nas
velas!
Publicado no Diario de Pontevedra 5/08/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario